Xoves, 02 de Febreiro de 2017

2017/02/02: Dia Mundial dos Humidais

Dia dos Humidais en Galicia

Tradicionalmente identifícase Galicia coa auga, coas súas rías bañadas polo mar e con mil e un ríos que discorren polo seu interior. Esta abundancia de humidais chamou a atención aos primeiros científicos que escudriñaron a natureza de Galicia, considerando o ilustre botánico R.P.J. Baltasar Merino Román [1845,1917], no ano 1900 con motivo dunha das súas visitas ao Alligal de Codesido (Vilalba, Lugo) que “non cabe a menor dúbida de que naquelas terras encharcadas han de vivir interesantes plantas acuáticas, as cales están aínda, moi pouco estudadas en España”.

O coñecemento actual dos humidais galegos, en especial dos seus compoñentes bióticos e abióticos, incrementouse espectacularmente nas últimas décadas, alcanzándose un nivel de información equiparable ao doutros territorios europeos con maior tradición no estudo destes medios ecolóxicos.

Os datos do primeiro Inventario de Humidais de Galicia (2001-2003) confirman que Galicia posúe unha enorme relevancia no contexto nacional, sendo a que conta con maior número de humidais inventariados ata a data (1131 humidais). No ámbito internacional a presenza dun nutrido grupo de especies raras ou en perigo (Eryngium viviparum, Hydrocaris morsus-ranae, Isoetes longuisimum, Luronium natans, Pilularia globulifera, Sphagnum pylaisii entre as plantas e Anas acuta, Anas querquedula, Charadrius alexandrinus, Lutra lutra, Margaritifera margaritifera, Platalea leucocoria, entre os animais), xunto cunha gran diversidade de hábitats entre losque destacan as únicas representacións de turberas de cobertor activas da área meridional de Europa, pon en evidencia a importancia dos humidais galegos.

A pesar diso soamente 5 humidais galegos posúen un status xurídico de protección específica, como Humidais de Importancia Internacional da Convención de Ramsar: Rías de Ortigueira e Ladrido; Lagoa e areal de Valdoviño (A Frouxeira); Complexo húmido de Corrubedo; Ría de Ribadeo e Complexo Intermareal Umia-Grove. Datos que contrastan cos 25 declarados en Andalucía. Sendo declarado o último humidal galego como de importancia internacional no ano 1994.

O estado de conservación dos humidais de Galicia tampouco pode considerarse como favorable, as accións destrutivas (uso de munición de chumbo, modificacións do hidroperiodo, redución ou alteración dos hábitats, expansión de especies invasoras, etc), seguen sendo moi importantes.

O 2/2/2017 celebramos o Día Mundial dos Humidais, efemérides que nos debe facer reflexionar sobre a importancia ambiental dos humidais, e a necesidade de fortalecer a súa conservación e o uso racional e sustentable dos seus recursos. Así como de requirir a designación de humidais de importancia internacional para os espazos máis singulares do noso territorio que aínda non posúen este status: Turberas do Xistral, Lagoa de Cospeito, Parque Nacional Marítimo-Terrestre dás Illas Atlánticas de Galicia. Lagoa de Sobrado dos Monxes, Lagoa de Doniños.
 
Dia Mundial dos Humidais
No centenario de Baltasar Merino Román [1845,1917]


 
2017/02/02: Dia Mundial dos Humidais
Compartir
 
Voltar