Martes, 11 de Abril de 2017

2017/04/11: Reunión da Comisión de Coordinación da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón

 A Comisión de Coordinación da Reserva da Biosfera del Río Eo, Oscos e Terras de Burón aproba o primer Plan de Xestión para a Reserva.
 

Galicia e Asturias sacan adiante o primeiro Plan de Xestión da Rerserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón para garantir o desenvolvemento económico sostible das comarcas integradas. Este plan que foi aprobado durante a reunión anual da Comisión de coordinación institucional da Reserva celebrada hoxe (11/04/2017) no concello lucense de Baleira baséase en 11 liñas estratéxicas de acción coas que se pretende harmonizar a conservación co aproveitamento económico dos recursos naturais da zona. Estas medidas poranse en marcha, en Galicia, en sete concellos da provincia de Lugo: Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, A Pontenova, Ribadeo, Ribeira de Piquín e Trabada; integrados nesta reserva interautonómica que abrangue unha superficie próxima ás 160.000 hectáreas entre Galicia e Asturias.
 
A reunión da Comisión, que estivo presidida pola Directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Ana María Díaz, serviu de escenario para dar o impulso definitivo a este plan que contempla un total de 26 actuacións específicas para promover o desenvolvemento sostible das actividades agrogandeiras, forestais, piscícolas, marisqueiras e empresariais, así como fomentar o turismo de calidade e a artesanía local. Deste xeito, facilitase o desenvolvemento rural e a mellora das condicións de vida das comunidades locais e potenciaranse as actividades manufactureiras e artesanais, como tamén a posta en valor de produtos de calidade e representativos da zona.
 
Así, este Plan de Xestión é a folla de ruta que de agora en diante harmonizará o actividade económica cos traballos de mantemento e restauración do estado de conservación dos hábitats naturais baseados, fundamentalmente, na erradicación e mitigacións das especiais exóticas de carácter invasor, pero tamén en medidas para favorecer a adaptación e a redución dos efectos do cambio climático e preservar as unidades paisaxísticas e os agrosistemas tradicionais.
 
Igualmente, este plan xestor contempla accións para a protección e posta en valor dos recursos etnográficos, culturais e patrimoniais sen esquecer o importante labor que desenvolven os órganos xestores das reservas da biosfera en canto á investigación e á educación medioambiental.
 
Rede de Reservas da Biosfera

Cómpre salientar que o primeiro plan de xestión da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón xa contempla a cooperación e intercambio con outras reservas coa finalidade de sumar esforzos, compartir o coñecemento e buscar sinerxías que contribúan a unha xestión eficaz e eficiente das unidades de conservación.
Polo tanto, nesta folla de ruta está marcado o camiño cara á participación desta Reserva na futura Rede de Reservas da Biosfera que, tal e como anunciou Ana Díaz recentemente nunha comparecencia da Comisión 2º do Parlamento de Galicia, atravesa a súa recta final para a posta en funcionamento. Díaz subliñou a boa vontade dos membros xestores das reservas, pois viron neste proxecto unha oportunidade para ampliar o coñecemento e abrir vías de comunicación e intercambio.
 
Regulamento do Foro de Participación Social

Igualmente, no eido da participación a comisión de coordinación da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón deu un paso máis adiante coa aprobación do regulamento de funcionamento interno do Foro de Participación Social.
 
Neste Foro están representadas as administracións das Comunidades autónomas de Galicia e Asturias, así como as asociacións, organizacións, institucións e colectivos que desenvolven actividades nos aspectos vinculados ao cumprimento dos obxectivos da Reserva ou que sexan representativos de intereses sociais, económicos ou medioambientais da zona.
 
Memoria de actividades da Reserva
 
Por outra banda, os membros da comisión coñeceron os resultados da memoria de actividades da Reserva correspondente ao ano 2016. Entre os aspectos máis salientables, destacaron a creación do Foro de Participación Social, a adhesión de Galicia a dous proxectos europeos para a posta en valor do patrimonio material e inmaterial da reserva e para a promoción de mercados e produtos de proximidade, respectivamente.
 
Tamén destacaron un programa para a educación ambiental que se levou a cabo en tres colexios da parte galega e a achega de Galicia no catálogo aberto de patrimonio inmaterial das Reservas da Biosfera de España sobre o Camiño Primitivo de Santiago.
 
Por último, resaltaron a participación no proxecto O camiño cara ó sostible cuxo obxectivo é informar sobre as funcións e beneficios de vivir nunha reserva da biosfera e ampliar o coñecemento que a poboación ten dela
 
 
2017/04/11: Reunión da Comisión de Coordinación da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón
Compartir
 
Voltar