Luns, 05 de Febreiro de 2018

2018/02/02: Presentado o proxecto LIFE FLUVIAL en Portugal

O pasado 2 de febreiro de 2018, coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Humidais, presentouse o proxecto LIFE FLUVIAL no Centro de Interpretação Ambiental da Área Protegida e Zona Húmida de Importância Internacional das Lagoas de Bertiandos e S. Pedro de Arcos (Ponte de Lima).



O evento contou coa presenza dos representantes locais da Cámara Municipal de Ponte de Lima, así como coa representación dos organismos estatais de xestión das cuncas fluviais, dos espazos protexidos e da biodiversidade. A xornada estivo composta por catro ponencias que permitiron á audiencia coñecer de primeira man as accións do proxecto LIFE FLUVIAL, así como o estado de conservación dos amieirais (bosques de amieiro) portugueses.



A primeira ponencia correu a cargo de Jorge Marquínez, director do INDUROT da Universidade de Oviedo, sobre as actuacións do proxecto LIFE FLUVIAL no seu conxunto.



A continuación o relato de Patricia González Rodríguez (Centro de Estudos Florestais, ISA-Universidade de Lisboa) permitiu coñecer o contexto ecolóxico actual dos bosques de amieiro en Portugal.



Tras este relato chegou o de Pedro Arsénio (
ISA-Universidade de Lisboa), quen falou sobre a conservación dos amieirais na Rede Natura 2000 de Portugal, enfatizando sobre a aportación que o proxecto LIFE FLUVIAL vai facer ao respecto.



Finalmente, o relato de Rui Rivaes (Centro de Estudos Florestais, 
ISA-Universidade de Lisboa) achegou á audiencia ás accións concretas de conservación do LIFE FLUVIAL no LIC Río Lima (PTCON0020), detallando os problemas e ameazas detectados e as solucións propostas a cada un deles.



O acto rematou cunha visita ás Lagoas de Bertiandos e S. Pedro de Arcos, cun percorrido no que os visitantes puideron coñecer de primeira man a historia do humidal, os valores máis salientables do mesmo, e a implicación do goberno municipal na conservación do mesmo.



No proxecto LIFE FLUVIAL LIFE16 NAT/ES/000771, "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica" participa como beneficiario asociado o IBADER do Campus de Lugo, sendo coordinado pola Universidade de Oviedo, contando cun orzamento de 3.032.223 €, dos cales a Comisión Europea acaba de aprobar un cofinanciamento do 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 48 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021.



O obxectivo xeral de LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal:
 
IBADER-Universidade de Santiago de Compostela
INDUROT-Universidade de Oviedo
Instituto Superior de Agronomia (ISA) - Universidade de Lisboa
Asociación InterEo
Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos
Concello de Ribadeo
EMALCSA - Empresa Municipal de Augas de La Coruña S.A.
TRAGSA - Empresa de Transformación Agraria S.A.
 
O proxecto foi fortemente apoiado por máis de 50 proxectos nacionais ou internacionais, organismos públicos, entidades locais, asociacións, centros de investigación e científicos de varios países, que outorgaron un apoio incondicional á candidatura ao considerala de gran interese de cara á posta en marcha de estratexias de xestión sostible en corredores fluviais, e a súa aplicación a outros territorios.
2018/02/02: Presentado o proxecto LIFE FLUVIAL en Portugal
Compartir
 
Voltar