venres, 09 de marzo de 2018

2018/03/09: A candidatura Cíes-Illas Atlánticas avanza cara a súa declaración como Patrimonio Mundial da UNESCO


A candidatura Cíes-Illas Atlánticas ao Patrimonio Mundial xa está rexistrada na Unesco, segundo asegurou a directora do Centro de Patrimonio Mundial, Mechtild Rössler, ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. O titular do departamento autonómico destacou que a candidatura, "xa está, usando un símil futbolístico, na final" e é a "única que entrou nesta carreira longa e complexa para ser Patrimonio da Humanidade". Román Rodríguez mostrouse satisfeito de celebrar "esta reunión ao máis alto nivel, seguindo coa nosa folla de ruta, o obxectivo da cal é converter a Cíes-Illas Atlánticas, que xa son un paraíso de todos os galegos, en Patrimonio Mundial".

A candidatura xa superou a primeira proba cando o Consello de Patrimonio Histórico Español aprobou a súa inclusión na lista indicativa española o pasado mes de outubro. A devandita lista foi actualizada e publicada pola Unesco o pasado 5 de febreiro "dándolle carta de natureza á candidatura".  Agora, e por requirimento da propia Unesco, a candidatura deberá permanecer na lista un ano antes de seguir co procedemento.

Tras a reunión coa directora do Centro do Patrimonio Mundial e coa embaixadora de España ante a Unesco, o conselleiro agradeceu o traballo da embaixadora para facilitar esta interlocución e a posibilidade de presentarlles aos responsables do Centro Mundial a folla de ruta para salvagarda e difusión das candidaturas.


O PRESIDENTE DA XUNTA ANUNCIA UNHA CAMPAÑA DE DIFUSIÓN, E CALIFICA DE “SERIO, FIABLE E CIENTÍFICO” AO PROXECTO GALEGO

A Xunta comezará en breve a difusión e promoción da candidatura Cíes-Illas Atlánticas para ser Patrimonio da Humanidade. Anunciouno onte o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que cualificou o proxecto liderado pola Xunta de "serio, fiable e gañador", ao tempo que asegurou que o Goberno só vai presentar unha candidatura. O mandatario galego agradeceu onte tras o consello de la Xunta o traballo e esforzo desenvolvido para facer unha candidatura "seria e científica" capaz de ir superando todas as eliminatorias ata chegar "á fase final" na que se atopa agora.

"Imos gañar", asegurou onte Feijóo, quen insistiu en que o Goberno só vai presentar unha candidatura que afecte ao parque nacional Illas Atlánticas. "Hai traballos que son reais e outros que son ficticios, pero a realidade sempre supera á ficción", apreciou. O presidente galego explicou que a nivel interno hai que iniciar agora un proceso de recollida de apoios e un extenso programa de actividades para ascender e difundir a candidatura.

Segundo Feijóo, a folla de ruta que se marcou para lograr que a candidatura sexa declarada Patrimonio da Humanidade sitúanos no bo camiño", e destacou o impacto positivo que terá para os municipios implicados: Vigo, Bueu, Ribeira e Vilagarcía de Arousa.


A CANDIDATURA COMPÁRASE CON CATRO XOIAS NATURAIS DA UNESCO

A candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas compárase con catro xoias naturais que xa foron recoñecidas como tesouros a conservar pola Humanidade, argumentándose que os arquipélagos galegos cumpren catro dos dez criterios para entrar na lista dos monumentos naturais a preservar e o equipara ás Galápagos.

O informe sitúa ás Illas Atlánticas por enriba do parque de Doñana, a lagoa sur das Rock Islands de Palau, en Micronesia, ou a reserva mariña de Saint Kilda, nun apartado lugar das Hébridas. Dunha ou doutra forma, alégase que o espazo galego cumpre máis criterios de selección que outros sitios de interese que xa forman parte do patrimonio mundial.

Alégase que as Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada teñen tanto valor como as Galápagos (Ecuador), o arquipélago do Pacífico, museo vivente que marabillou ao biólogo Charles Darwin e que lle inspirou a teoría da evolución. Comparten co paraíso natural sudamericano «áreas de espectacular beleza submarina» e ambas as dúas paisaxes son unha mostra dos procesos ecolóxicos e biodinámicos esenciais, e mostran distintas etapas da evolución da Terra e os seus procesos xeolóxicos.

O mesmo documento visible na lista de aspirantes da Unesco, sostén que as illas Atlánticas inclúen, ao igual que as Galápagos, unha mostra significativa de procesos biolóxicos e ecolóxicos que son esenciais para a evolución e o desenvolvemento de especies mariñas e terrestres. Engade que ambas as dúas paraxes albergan «valores importantes para a conservación da diversidade biolóxica».

En canto a Doñana, o informe resalta que o parque andaluz carece da representatividade nas súas augas mariñas a «un nivel tan alto» como o das Illas Atlánticas de Galicia, e da súa diversidade. Engade que as marismas do Guadalquivir carecen de ecosistemas de grande importancia para mostrar os rexistros de diferentes etapas da vida da Terra que si hai en Cíes.

Respecto á Lagoa Sur das Rock Islands, sinala que esta paraxe micronesio «non posúe ningún fenómeno natural superlativo que lle outorgue unha beleza excepcional como é o caso das illas galegas». E sobre o inhóspito Saint Kilda (Escocia), «carece da diversidade submarina, procesos da historia xeolóxica ou especial beleza» que si posúe o aspirante galego.

Máis información:
http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2018/03/07/candidatura-cies-illas-atlanticas-final/1850504.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2018/03/09/candidatura-cies-compara-4-joyas-unesco/0003_201803P9C4994.htm
http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2018/03/09/feijoo-ve-seria-fiable-candidatura/1851362.html
http://www.laopinioncoruna.es/galicia/2018/03/09/feijoo-replica-caballero-hay-candidatura/1270469.html
2018/03/09: A candidatura Cíes-Illas Atlánticas avanza cara a súa declaración como Patrimonio Mundial da UNESCO
Compartir
 
Voltar