Mércores, 04 de Abril de 2018

2018/04/04: Informe do Comite Cientifico de flora e fauna do MAPAMA sobre o eucalipto

2018/04/04: O Comité Científico do Ministerio propón a consideración de que o eucalipto é unha especie exótica invasora
 

O Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente vén de publicar un ditame que recomenda a inclusión do eucalipto no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras. O informe, adoptado por unanimidade, responde a unha consulta realizada en setembro polo Concello de Teo, que o pasado ano aprobou unha moción contra a eucaliptización que entre outras medidas demandaba do Ministerio a consideración de "especie invasora" para esta árbore.

O ditame do Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente, inclúe nas súas recomendacións a todas as especies de eucalipto, dende a globulus á nitens, e suxire"extremar a precaución con novas introducións e plantacións", levar a cabo "un seguimento local" e realizar "medidas de erradicación antes de que se produza a invasión, sempre que se observe naturalización de calquera especie de Eucalyptus no noso territorio".

O ditame analiza os efectos do eucalipto sobre o medio, sinalando por exemplo que "estudos levados a cabo en plantacións de E. globulus tanto en España como en Portugal demostran o empobrecemento das cadeas tróficas de descomponedores acuáticos cando as follas caen nos ríos". Afirma tamén que provocan unha "alteración das propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo", así coma "perda de biodiversidade tanto vexetal como animal", aumentando o risco de instalación doutras invasoras. Alerta igualmente da súa "capacidade para colonizar espazos abertos, especialmente en escenarios post-incendio forestal, desprazando ás colonizadoras autóctonas" e, igualmente, de que implica un elevado risco de incendios pola acumulación de follas e a presenza de aceites inflamables.

O ditame lembra que "as especies E. camaldulensis e E. globulus son consideradas invasoras a nivel mundial, concretamente en Europa e América" e engade que "no noso territorio constatouse desde comezos do século XXI que tanto E. camaldulensis como E. globulus presentan un comportamento invasor manifesto e que son especies moi perigosas para os ecosistemas forestais naturais e semi-naturais, aínda que a súa dispersión sexa local". "En resumo, todas as especies exóticas do xénero Eucalyptus alteran a biodiversidade no medio transformado. Por todo iso, considérase que todas, tanto cultivadas como naturalizadas no noso país, son especies transformadoras do medio polos impactos causados na composición e diversidade das especies nativas",


Fonte: Praza Pública (enlace).
2018/04/04: Informe do Comite Cientifico de flora e fauna do MAPAMA sobre o eucalipto
Compartir
 
Descargas
Voltar