Martes, 03 de Abril de 2018

2018/04/03: Medio Ambiente e concellos presentan os primeiros avances da futura Estratexia de infraestrutura verde da área da Coruña co obxectivo de ter listo o borrador este verán

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá o documento Feitos, Retos e Propostas no que se recollen os primeiros resultados das entrevistas realizadas nos últimos meses aos concellos coruñeses que colaboran coa Xunta na elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña. Esta primeira fase do traballo desenvolvido cos municipios coruñeses servirá de base para deseñar o borrador da estratexia, que previsiblemente estará listo este verán.

Con este proxecto, presentado oficialmente o pasado mes de outubro, Galicia adiántase a un futuro requirimento do Goberno español en material ambiental e camiña na dirección sinalada tamén por Europa. Así, en resposta ao deterioro e perda de biodiversidade, a Comisión Europea fixo unha comunicación no ano 2013 titulada Infraestrutura Verde co reto de promover nas áreas urbanas e rurais da UE este tipo de instrumentos de planificación de zonas naturais e doutro tipo de elementos para garantir a provisión de servizos ambientais e a protección da biodiversidade nestas zonas.

Para xestionar esta novedosa infraestrutura verde da Coruña, o departamento autonómico apostou por un novo sistema de “gobernanza” do territorio cunha dimensión intermunicipal. A primeira reunión deste espazo de xestión constituído entre a Xunta e os 30 concellos da área coruñesa para elaborar a estratexia de goberno da Infraestrutura Verde da Coruña celebrouse o pasado mes de xaneiro. Hoxe, Xunta e municipios continuaron co seu traballo nun encontro no que os rexedores responderon a un cuestionario co fin de priorizar os feitos e retos que garantirán o desenvolvemento sustentable da súa área xeográfica.

Segundo explicou durante a presentación a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, a Infraestrutura Verde da Coruña é un proxecto no que os concellos teñen un papel clave para canalizar as demandas cidadáns e que debe basearse na colaboración intermunicipal para identificar o denominador común entre eles.

Neste sentido, Mato Otero indicou que “a cooperación entre concellos e Xunta é unha esixencia” para garantir a sustentabilidade do territorio e sen ela, “dificilmente poderán levarse a cabo proxectos coma este” xa que “os desafíos ambientais e os proxectos para facerlles fronte” terán que abranguer a máis dun municipio.

Participación en fases

O desenvolvemento da Infraestrutura Verde da Área da Coruña, cuxo deseño estará previsiblemente rematado a finais de ano, articularase en catro fases. A primeira delas xa está en marcha e concluirá a finais de maio. Nesta fase o obxectivo será aglutinar os resultados do traballo desenvolvido a través do espazo de gobernanza intermunicipal que se creou a mediados de xaneiro e dos cuestionarios cubertos hoxe polos alcaldes co fin de priorizar aqueles retos e feitos que se plasmarán logo en propostas.

O seguinte paso consistirá na presentación, previsiblemente no mes de xullo, do primeiro borrador da Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña, un documento que integrará os distintos niveis de participación cos estudos e criterios técnicos.

A partir deste documento previo o obxectivo é presentar a estratexia ante concellos e sociedade civil a finais deste ano, concretamente no mes de novembro. A cuarta e última etapa servirá para impulsar na práctica o desenvolvemento da propia estratexia a través da produción conxunta da man dos concellos de proxectos intermunicipais e do seu posterior seguimento.

2018/04/03: Medio Ambiente e concellos presentan os primeiros avances da futura Estratexia de infraestrutura verde da área da Coruña co obxectivo de ter listo o borrador este verán
Compartir
 
Voltar