Venres, 23 de Marzo de 2018

2018/03/23:O novo sistema de acceso ao Parque Nacional de Illas Atlánticas entrou hoxe en funcionamento con normalidade

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, destacou esta mañá a madurez e responsabilidade da sociedade galega coa conservación das Illas Cíes, ao asumir con naturalidade e sen reparos o novo sistema de autorizacións de acceso. Así o puxo de manifesto esta mañá durante a supervisión do embarque dos primeiros visitantes a esta illa do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia, desde a entrada en vigor do novo modelo de acceso deseñado pola Administración galega, moi similar ao implantado con éxito dende o ano 2015 na Praia das Catedrais.

A directora xeral agradeceu o esforzo dos visitantes por interiorizar sen incidencias os cambios propostos pola Consellería, cuxa principal novidade consiste na obriga por parte dos viaxeiros de obter unha autorización previa de acceso, de carácter persoal, intransferible e gratuíta, a través da páxina web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal, habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Con este cambio de sistema, os visitantes deberán obter primeiro un permiso administrativo para visitar a illa e posteriormente comprar o seu billete a unha das tres empresas de transporte marítimo autorizadas para realizar este servizo durante o período de Semana Santa (Mar de Ons, Nabia e Rías Gallegas). Unha vez obtida a autorización preceptiva, o visitante poderá descargala no seu dispositivo móbil -ou ben imprimila- para a súa posterior comprobación en porto por parte do persoal do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Recordou que -para evitar situacións como as detectadas en agosto de 2017- tamén se establece un mecanismo de lectura e control dos códigos QR que levan inseridos todas as autorizacións e que estará enlazado coa web en tempo real. Isto permitirá ao persoal do parque despregado tanto nos portos de Vigo, Baiona e Cangas como no de Rodas, en Cíes, comprobar a validez das autorizacións dos pasaxeiros.

Para reducir ou evitar calquera incidente ou confusión, a Xunta está a realizar un esforzo difusión do actual sistema, polo que se instalaron no porto de Vigo, Baiona e Cangas varios expositores con folletos informativos atendidos por persoal do Parque Nacional, que lles explicarán aos usuarios interesados en visitar Cíes as novidades no sistema de acceso.

Ana María Díaz detallou que xa se teñen emitido máis de 1.800 autorizacións sen rexistrarse incidencias e recordou que ditos cambios pretenden evitar a posible sobre venda de billetes por parte das empresas de transporte que ofrecen este servizo.

Plan Reitor do Parque Nacional Marítimo Terrestre

A directora xeral de Patrimonio Natural tamén avanzou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia o proceso de información pública do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. “Un documento que será a folla de ruta, cunha vixencia de dez anos, na que se detallarán os obxectivos e os criterios de xestión do parque nacional, establecendo a normativa de protección e a regulación de aproveitamentos, entre outras cuestións”, aclarou.

Ana María Díaz lembrou que- tal e como se establecía no documento de inicio- unha das principais novidades do futuro PRUX é que se establecen cotas máximas de visitante por día, tanto para a tempada alta como para a baixa. Hai que lembrar que estes cupos existían xa excepto en Ons que non tiña cupo e que agora si se establece en 1.800 persoas.

A finalidade é compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas cos obxectivos de conservación do Parque Nacional, ordenar e facilitar o gozo do visitante baseado nos valores do Parque, de modo que se compatibilice coa súa conservación. Na seguinte táboa indícase a capacidade máxima de carga por día en tempada alta en cada arquipélago do Parque nacional:

 

Arquipélago

Tempada ALTA

Cíes
2.800
Ons
1.800

Sálvora e Cortegada

250
250

En tempada baixa, tanto en Cíes como en Ons, haberá un cupo de 450 persoas para cada arquipélago que accedan en grupos organizados; mentres que en Sálvora e Cortegada dito cupo se fixa en 250 persoas, para cada illa

A directora xeral mostrouse convencida de que este tipo de ferramentas de conservación axudan a promover a difusión dos valores do patrimonio natural e cultural, regulando de forma compatible coa súa conservación tanto a actividade investigadora e educativa como o acceso dos visitantes; ao tempo que fomentan o desenvolvemento de actividades compatibles coa conservación da biodiversidade.

Recordou que o trámite de información pública prolongarase por un período de dous meses, nos que se poderán presentar alegacións ao documento. A previsión do Goberno galego é levalo ao Consello da Xunta para a súa aprobación como Decreto no último trimestre do ano.

 

2018/03/23:O novo sistema de acceso ao Parque Nacional de Illas Atlánticas entrou hoxe en funcionamento con normalidade
Compartir
 
Voltar