Xoves, 15 de Marzo de 2018

2018/03/15: Medio Ambiente recomenda evitar o acceso ao monumento natural Praia das Catedrais polo camiño da zona do cantil

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural acaba de trasladar ao Concello de Ribadeo a necesidade de evitar o acceso ao Monumento Natural da Praia das Catedrais a través do camiño superior da zona do cantil. Así o pon de manifesto nun escrito remitido á administración local, no que se indica que unha a circulación humana pola zona é unha das presións que está a afectar ao monumento.

Nese sentido, dende a Xunta recoméndase que, en previsión da afluencia de visitantes que se esperan nesta Semana Santa, se evite na medida do posible o acceso ao monumento natural por esa ruta, derivando aos usuarios cara ao camiño natural existente nas proximidades.

Asemade, recoméndase que -para evitar os problemas de tráfico e aparcamento- a presenza de axentes da policía local na zona, co obxectivo de disuadir aos usuarios de condutas pouco respectuosas co entorno.

Esta recomendación da Dirección Xeral de Patrimonio Natural susténtase nos resultados dun estudo sobre as posibles consecuencias do ascenso do nivel do mar nos procesos erosivos dos cantís no Monumento Natural da Praia das Catedrais, elaborado polo Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña.

Neste traballo alértase de que os procesos de meteorización continental (augas de escorrentía ou infiltración da auga de chuvia no substrato rochoso) afectan á fronte do acantilado, no seu tramo superior, sobre todo naquelas zonas onde existen distintos tipos de descontinuidades, o que pode provocar caídas de rochas ou materiais.

Tamén se indica que outra das presións que están a afectar ao Monumento Natural é a circulación humana pola zona, sobre todo na parte superior dos cantís, o que favorece e acelera a erosión de tipo continental.

2018/03/15: Medio Ambiente recomenda evitar o acceso ao monumento natural Praia das Catedrais polo camiño da zona do cantil
Compartir
 
Voltar