Venres, 02 de Marzo de 2018

2018/03/02: Galicia e Portugal presentarán un novo proxecto europeo para continuar co impulso da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés

Galicia e Portugal traballan nun novo proxecto conxunto co obxectivo de dinamizar e dar a coñecer a riqueza natural do territorio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Así o avanzou esta mañá en Porto (Portugal) a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, tras manter unha reunión de traballo con representantes do Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas (ICNF).

A Xunta de Galicia e o Goberno portugués colaboran na actualidade como socios e principais beneficiarios no proxecto Gerês-Xurés Dinámico, que forma parte do Programa Interreg España-Portugal 2014-2020. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de case 2 millóns de euros cofinanciados ao 75% con Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ten como principal obxectivo a dinamización conxunta da Reserva da Biosfera, para fortalecer a identidade propia deste espazo natural.

Para lograr este obxectivo común, Beatriz Mato explicou que se están a desenvolver catro actividades principais, dirixidas á súa vez a públicos distintos. Así, a través do Gerês-Xurés Dinámico búscase sensibilizar aos habitantes da Reserva da Biosfera sobre os valores e o potencial económico da zona, atraer a un maior número de visitantes situándoo a nivel nacional e internacional como destino turístico, divulgar a riqueza do entorno entre os escolares da Eurorrexión e apoiar aos xestores de ambos espazos no seu labor.

Entre as actuacións que na actualidade xa están en marcha no marco do Gerês-Xurés Dinámico cómpre subliñar o deseño da identidade e da imaxe do proxecto, a posta en marcha dun portal web e a organización de diversas actividades deportivas e culturais na reserva. Neste sentido, Mato Otero explicou que a Consellería de Medio Ambiente, como socio principal da iniciativa, realizará un investimento nesta primeira fase de 600.000 euros, e o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas aportará outros 97.500 euros.

A apertura dunha segunda convocatoria para a presentación de proxectos ao Programa Interreg España-Portugal, en todo caso, permitirá que a iniciativa teña unha segunda fase. Por iso, o obxectivo da Xunta e do ICNF portugués, tal e como explicou Beatriz Mato, é darlle continuidade ao proxecto actual, para o que aspiran a presentar outro novo que permita seguir desenvolvendo actuacións diferentes e mesmo incorporar a novas entidades, tanto públicas como privadas, en calidade de socios participantes.

A contía do proxecto Gerês-Xurés Dinámico nesta segunda convocatoria sería aproximadamente duns 700.000 euros, sendo a contribución máxima da Consellería de Medio Ambiente de 200.000 euros, e entre os seus principais obxectivos destacan as axudas á creación de pequenas empresas, o impulso a paquetes turísticos e produtos agroalimentarios, a integración dos servizos existentes en estratexias comúns de comercialización e a posta en marcha dunha campaña de comunicación que axude a promocionar os produtos da zona entre o público potencialmente interesado.

Un espazo cun gran valor natural

A Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés foi declarada pola Unesco no ano 2009 e esténdese por preto de 270.000 hectáreas de territorio protexido pertencente a dous espazos naturais divididos polas fronteiras, pero unidos polas características comúns da natureza e a cultura.

Trátase dun espazo que se distingue particularmente polo elevado valor do seu patrimonio natural e pola existencia de hábitats pouco fragmentados, aspectos que se pretende poñer en valor a través do proxecto europeo Gerês-Xurés Dinámico.

2018/03/02: Galicia e Portugal presentarán un novo proxecto europeo para continuar co impulso da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés
Compartir
 
Voltar