Luns, 19 de Febreiro de 2018

2018/02/19: A Consellería de Medio Ambiente pon en marcha unha campaña de divulgación dirixida á conservación da aguia real en Galicia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia hoxe unha campaña de difusión e divulgación sobre a aguia real en Galicia dirixida ao público en xeral e ao alumnado de ensino secundario naqueles concellos nos que se localizan algúns dos territorios nos que, tanto de forma histórica como na actualidade, está presente esta especie.

A campaña, financiada nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR), ten dous claros obxectivos. Por un lado, pretende mellorar a través dunha serie de charlas informativas o coñecemento actual sobre a bioloxía desta especie, a súa presenza no territorio, o seu estado de conservación e os requirimentos ecolóxicos para a súa supervivencia; e por outro, aspira a fomentar comportamentos e prácticas entre a cidadanía que axuden á súa recuperación.

A aguia real (Aquila chrysaetos L.) atópase incluída no Catálogo galego de especies ameazadas dentro da categoría en perigo de extinción e tamén figura no anexo I da directiva europea relativa á conservación das aves silvestres (a chamada Directiva Aves). Por este motivo, é obxecto de medidas de conservación especiais en canto ao seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución.

Esta especie está presente de forma regular en áreas das montañas de Lugo e Ourense, con rexistros esporádicos en diversos puntos do resto de Galicia. A poboación de aguia real no conxunto da comunidade está composta por 13 parellas, segundo os datos do censo realizado en 2016.

A actual campaña de difusión parte da premisa de que, se ben a conservación das especies require de ferramentas de xestión adaptadas á realidade biolóxica das mesmas, tamén necesita da sensibilización e da concienciación por parte da sociedade desde un enfoque participativo, para así contribuír co seu apoio á xestión, conservación, preservación e coidado do patrimonio natural.

Calendario de charlas divulgativas e xornadas informativas
As charlas divulgativas pensadas para o alumnado de ensino secundario terán unha duración mínima de 90 minutos e levaranse a cabo en centros das provincias de Ourense e Lugo.

As dúas primeiras charlas tiveron lugar hoxe no CPI Tomás Terrón Bendaña, en Carballeda de Valdeorras, e no IES A Rúa, ambos na provincia de Ourense. Mañá día 20 a charla darase no IES Quiroga, o 21 no IES Becerreá e no CPI Seoane do Courel, os tres na provincia de Lugo, e o 22 no IES de Bande (Ourense). Estas actividades desenvolveranse ata o próximo 23 de febreiro, cando está previsto que a charla chegue ao alumnado do CPI Uxío Novoneira, no Concello de Pedrafita do Cebreiro (Lugo), e ao CPI A Gudiña (Ourense).

Así mesmo, as xornadas informativas dirixidas ao público en xeral celebraranse en seis concellos, tamén das provincias de Ourense e Lugo. Neste caso, as xornadas terán unha duración de entre 3 e 4 horas e comezarán o vindeiro 22 de febreiro en Lobios, concretamente, na sede do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O 23 a xornada celebrarase na Casa da Cultura de Rubiá (Ourense), o 26 na Aula Cemit de Quiroga e o 27 nas Casas da Cultura dos Concellos de Cervantes e de Viana do Bolo, respectivamente. A última sesión terá lugar o día 28 en Laza (Ourense).

2018/02/19: A Consellería de Medio Ambiente pon en marcha unha campaña de divulgación dirixida á conservación da aguia real en Galicia
Compartir
 
Voltar