Xoves, 01 de Febreiro de 2018

2018/02/01: O Goberno galego dá luz verde á creación do Consello Asesor da Paisaxe co fin de avanzar na consolidación dunha nova cultura ambiental en Galicia

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, afirmou que o Consello da Xunta deu hoxe luz verde á creación do Consello Asesor da Paisaxe, para avanzar no cumprimento dun dos obxectivos da lexislatura: consolidar unha nova cultura ambiental, que nos faga ser máis conscientes da nosa riqueza natural e contribúa a minimizar o impacto do cambio climático.

Como lembrou Rueda, a creación dun Consello Asesor da Paisaxe xa estaba contemplada na Estratexia da Paisaxe Galega 2017-2020 co fin de fomentar a colaboración entre as Administracións públicas con competencias en materia de territorio, para que desenvolvan políticas comúns e coordinadas.

Segundo detallou Alfonso Rueda, este novo organismo contará con representantes das institucións e expertos e axentes sociais. Entre as súas funcións principais estarán: realizar propostas de estudo, servir de foro para poñer en común as novidades do sector e exercer como órgano asesor e consultivo.

A composición e as competencias do Consello Asesor da Paisaxe


Neste Consello integraranse tanto as Administracións implicadas en políticas da paisaxe como expertos e axentes sociais que poidan transmitir a percepción da paisaxe no tecido social. Así, estarán representadas: a administración autonómica, a local, o Consello da Cultura Galega, as asociacións que teñan entre os seus fins a protección da paisaxe, as organizacións sindicais, as organizacións empresariais intersectoriais máis representativas; as universidades galegas; e os especialistas en paisaxe.

Entre as competencias do organismo que nace hoxe están: presentar propostas de estudo, de actuacións e de melloras en materia de paisaxe para elevar ao organismo competente; servir de foro para a posta en común das últimas iniciativas sectoriais e de investigación de ámbito estatal, europeo e internacional; exercer de órgano asesor e consultivo para analizar calquera política que poida ter un impacto sobre a paisaxe; prestar apoio na programación das políticas comúns en materia de paisaxe en Galicia; e analizar propostas concretas de actuación e regulación normativa que se lle eleven.

2018/02/01: O Goberno galego dá luz verde á creación do Consello Asesor da Paisaxe co fin de avanzar na consolidación dunha nova cultura ambiental en Galicia
Compartir
 
Voltar