Venres, 05 de Xaneiro de 2018

2018/01/05: A Xunta resolve as sancións a catro navieiras por exceder o cupo de visitantes nas illas Cíes no mes de agosto

Con estas resolucións, a Xunta pon fin á tramitación dos expedientes abertos o pasado verán con relación ás irregularidades e incumprimentos rexistrados os días 3, 5 e 19 de agosto no acceso ao Parque Nacional das Illas Atlánticas

Tipifícanse as infraccións como graves ao concluír que existiu un risco potencial para a preservación dos valores naturais e para a seguridade das persoas. O departamento autonómico ratifica o importe das multas propostas inicialmente e desestima as alegacións presentadas polas empresas ao non desacreditar os feitos denunciados polos axentes



A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de resolver os expedientes sancionadores a catro navieiras por incumprir os cupos autorizados de acceso ás illas Cíes os días 3, 5 e 19 de agosto. Na resolución impóñense sancións por un importe total de 930.000 euros ás catro navieiras responsables das irregularidades.

Con estas resolucións, o departamento autonómico pon fin á tramitación do procedemento sancionador que iniciou o pasado 28 de agosto coa incoación de dez expedientes tras as denuncias formuladas polo servizo de gardaría do Parque Nacional das Illas Atlánticas ao detectar que se excedera de forma grave o número de visitas diarias permitidas.

As empresas denunciadas formularon as súas alegacións á proposta de sanción realizada a finais de setembro pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que foron desestimadas na súa totalidade ao entender que non desvirtúan os feitos denunciados. Así, as resolucións impoñen sancións por un importe de 930.000 euros, a mesma contía proposta inicialmente.

Os criterios que a Consellería de Medio Ambiente sopesou para determinar o importe das multas ás navieiras foron os seguintes: o potencial dano aos valores medio ambientais, a porcentaxe de pasaxeiros non autorizados, así como o volume total dos mesmos, a reincidencia e o beneficio ilícito, tal como establece a Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

En función do grao de incumprimento en base a estes criterios determinouse a sanción a cada unha das navieiras denunciadas, que, nos casos máis graves, como Mar de Ons, se traduciu nun exceso de máis dun 300% sobre o número de pasaxeiros autorizados os días 5 e 19 de agosto; mentres que no da navieira Illa de Ons se superou nun 288% o número de billetes autorizados o 5 de agosto. Na seguinte táboa indícase a sanción global por navieira:

 

Navieira
Sanción

Mar de Ons, SL

600.000 euros

Illa de Ons, SL

250.000 euros

Tour Rías Baixas, SL

40.000 euros

Cruceiro Rías Baixas, SL

40.000 euros

Os incumprimentos sancionados refírense á superación da carga máxima diaria de visitantes no Arquipélago de Cíes (2.000 en transporte regular, máis 200 en visitas organizadas e 800 prazas máximo no cámping). Durante o procedemento administrativo comprobouse e constatouse que o sistema de central de reservas funcionou con total normalidade, tal e como demostra o certificado de actividade emitido pola Amtega; polo que en ningún caso fallou o dispositivo de compra de billetes, unha das cuestións que alegaban as empresas.
2018/01/05: A Xunta resolve as sancións a catro navieiras por exceder o cupo de visitantes nas illas Cíes no mes de agosto
Compartir
 
Voltar