Mércores, 25 de Outubro de 2017

2017/10/25: Expertos nacionais interésanse polo traballo de elaboración da estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia

A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, explicou esta mañá a expertos nacionais en sistemas de información xeográfica os traballos que está levando a cabo a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a redacción da Infraestrutura Verde de Galicia, na que traballan cinco grupos de investigación de recoñecido prestixio nos eidos da planificacións de espazos naturais (IBADER), da planificación rural (Laboratorio do Territorio), do desenvolvemento socioeconómico e territorial (IDEGA), da planificación de infraestruturas civís (CartoLab) e do urbanismo (departamento de proxectos arquitectónicos e urbanismo).

Santé Riveira participou esta mañá nunha mesa redonda sobre as infraestruturas verdes, organizada no marco da xornada Estratexias para a planificación intelixente e sostible a nivel local, rexional e estatal, onde tamén puxo en valor os avances e as liñas desenvolvidas pola Xunta na produción cartográfica e planificación territorial.

Tal e como explicou a directora do IET, a Estratexia de Infraestrutura Verde busca integrar a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.

Deste xeito, crearase unha rede interconectada de espazos verdes e outros elementos ambientais que conserven as funcións dos ecosistemas naturais, unha ferramenta de eficacia probada que aporta beneficios ecolóxicos, económicos e sociais.

Esta ordenación integral do territorio asegura, desde o punto de vista ambiental, a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.).
Nesta xornada tamén explicou o traballo levado a cabo pola Administración galega no eido da produción cartográfica e da planificación territorial, que se centra no novo Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia. A nova base topográfica de Galicia está composta por 23 capas de información, na que se recollen como datos máis salientables: 35.596 entidades de poboación, 1,4 millóns de edificacións, 34.000 km de estradas, 39.000 km de ríos, 6.971 elementos patrimoniais ou 28.000.000.000 puntos con información altimétrica. Esta información atópase dispoñible a través da web http://mapas.xunta.gal/.
2017/10/25: Expertos nacionais interésanse polo traballo de elaboración da estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia
Compartir
 
Voltar