Venres, 13 de Abril de 2018

2018/04/13: Proceso de consulta pública do PRUX dos parques naturais do Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, da inicio ao proceso de consulta pública do documento de inicio do Plan Reitor de Usos e Xestión dos parques naturais do Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a consultas públicas por un período de 20 días. .

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia, establece como instrumentos de planificación dos parques naturais os Plans de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e os Plans Reitores de Uso e Xestión (PRUX). O concepto dos PRUX establece que nestes documentos se desenvolvan as directrices emanadas dos PORN, establecendo as previsións de actuacións da Administración no ámbito de aplicación dos parques naturais.

Os plans reitores de uso e xestión desenvolven as prescricións emanadas do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de cada parque e delimitarán as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular a investigación, o uso público e a conservación, protección e mellora dos valores naturais.

No caso do parque natural do Invernadeiro é a reserva natural agochada no Macizo Central. O Invernadeiro é unha zona montañosa na parte sur do Macizo Central ourensán. Está conformada polos vales dos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes do Camba e pertencentes á conca do Sil, e encadrada polas serras de Queixa e Fial das Corzas, con picos de máis de 1.600 metros.

As súas 5.722 ha de extensión pertencen á comarca de Viana e lindan coas de Terra de Trives e Verín (comarcas do Entroido ourensán por excelencia), no centro-oriental da provincia. Foi declarado Parque Natural en xuño de 1997, sendo o cuarto da comunidade. Está situado a só dúas horas en coche de Enciña da Lastra e do Xurés, os outros dous parques naturais de Ourense.

En relación co paque da Serra da Enciña da Lastra, destaca por ter unha paisaxe mediterránea única en Galicia. Unha aciñeira dálle nome a este espazo natural. A lenda conta que unha árbore desta especie, de grandes dimensións, servía de guía aos viaxeiros que por aquí pasaban noutros tempos. O certo é que cerca do cemiterio de Covas se pode admirar unha aciñeira hoxe recoñecida como árbore senlleira.

Coas súas 3.151,67 ha de superficie, Enciña da Lastra é o máis novo dos seis parques naturais de Galicia, foi declarado en maio de 2002, e é o cuarto en dimensión tras o veciño Invernadeiro (5.722 ha) e superado unhas cen veces pola extensión do Xurés (30.000 ha); os tres na provincia de Ourense.

Así, o futuro PRUX determinará os programas que fagan compatible a protección dos espazos protexidos co uso público e que se desenvolverán en colaboración con outros departamentos administrativos da Xunta.

Tamén se indicarán as medidas necesarias para o mantemento da paisaxe e de conservación de hábitats e especies e os usos públicos e actividades culturais, así como aquelas actividades científicas e monitoraxe para a elaboración de estudos específicos.

As necesidades de conservación e restauración deberán compatibilizarse cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio.
2018/04/13: Proceso de consulta pública do PRUX dos parques naturais do Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra
Compartir
 
Voltar