Martes, 22 de Maio de 2018

2018/05/21: Día da Rede Natura 2000

O pasado martes día 22 de maio o IBADER celebrou o Día da Rede Natura 2000, para o que os LIFE FLUVIAL e LIFE BACCATA xuntaron esforzos para organizar a devandita xornada.
 


Durante a mañá realizouse unha visita a unha das localidades de LIFE FLUVIAL, situada na Lagoa do Rei do Concello de Rábade, na ZEC Parga-Ladra-Támoga (ES1120003). Á mesma puideron achegarse representantes municipais, asociacións ambientalistas, investigadores do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, así como socios dos dous proxectos LIFE organizadores desta xornada.



Presentáronse e analizáronse as actuacións a desenvolverse na lagoa, surxindo un interesante debate no que se propuxeron diversas alternativas e estratexias para a súa posta en marcha.
 


Despois disto, realizouse un percorrido polo Camiño Real de Rábade, capitaneados polo alcalde do Concello, don Francisco Fernández Montes, quen adoptou o papel de guía e foi describindo todos os valores naturais e culturais que poden ser admirados dende esta ruta.


 
Xa pola tarde, a partires das 17:00 h tivo lugar un acto na sala “Luciano Sánchez García” do IBADER co Campus Terra (LUGO), cunha serie de intervencións que permitiron achegar aos asistentes os esforzos levados a cabo para que a Rede Natura 2000 sexa un dos logros máis sobresaintes da Unión Europea.


 
Abriu a rolda de presentacións don Victoriano Urgorri Carrasco, da Estación Biolóxica da Graña (USC), que realizou unha fantástica síntese dos valores naturais e patrimoniais que a biodiversidade mariña posee en Galicia, facendo unha importante reflexión sobre o papel que a Rede Natura 2000 leva a cabo na súa conservación.


 
En segundo lugar interviu don Serafín González Prieto, quen achegou ao público as interesantes actuacións que a Sociedade Galega de Historia Natural está a levar a cabo na conservación e restauración de hábitats e especies na Rede Natura 2000, enfatizando nos tipos prioritarios, pero tamén detallando as melloras sobre os de interese comunitario.


 
En terceiro lugar, don Miguel Fernández Pardo veu a falar da implantación de marcas de calidade en zonas da Rede Natura 2000, ao abeiro do traballo levado a cabo dende a Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”. Esta ponencia deixou moi claras as vantaxes dunha marca de calidade baseada en espazos naturais, como é o caso da Rede Natura 2000 e as Reservas de Biosfera.



Finalmente, don Antonio Rigueiro Rodríguez, Director da Estación Biolóxica do Courel (USC), presentou o libro “As orquídeas da Serra do Courel”, cuxa autora dona Elvira Sahuquillo Balbuena asistiu ao acto e expresou o seu agradecemento a todos os que contribuiron e axudaron a que a obra fose publicada.



Por tanto, o acto permitiu non soamente aumentar a concienciación pública sobre a Rede Natura 2000 e a súa importancia na conservación do patrimonio cultural e os servizos prestados polos ecosistemas, senón que tamén serviu para amosar a súa contribución á economía e ao benestar das poboacións que residen na súa área de influenza.
2018/05/21: Día da Rede Natura 2000
Compartir
 
Voltar