Luns, 15 de Outubro de 2018

2018/10/15: Comezan as accións de conservación de LIFE FLUVIAL en A Lagoa do Rei (Rábade, Lugo)

No marco do proxecto LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771), o pasado luns 15 de outubro comezaron as accións de conservación do enclave A Lagoa do Rei (Rábade, Lugo), situado na ZEC Parga-Ladra-Támoga (ES1120003). As tarefas de restauración comezaron pola eliminación de especies exóticas e invasoras, para mellorar a naturalidade do ecosistema, que serán continuadas por unha adecuación das marxes lacunares (para mellorar os medios ecotónicos arredor desta). En último lugar procederase á restauración con especies autóctonas para a mellora do estado de conservación do hábitat 91E0*.



 
A actuación é desenvolvida por TRAGSA, beneficiario asociado de LIFE FLUVIAL, que conta coa asesoría científico-técnica do IBADER da USC, tamén beneficiario asociado do mesmo proxecto. Non obstante, o proxecto está fortemente apoiado e participado polos axentes locais, como o Concello de Rábade, a Asociación Galega de Custodia do Territorio, o Centro de Ensino Santo Anxo, e numerosos veciños aos que o proxecto lles cede con fins sociais a madeira das especies exóticas leñosas eliminadas.


 
O obxectivo xeral de LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal.



 
O proxecto LIFE FLUVIAL LIFE16 NAT/ES/000771, "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica" é coordinado pola Universidade de Oviedo, e conta cun orzamento de 3.032.223 €, dos cales a Comisión Europea concede un cofinanciamento do 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 48 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021.
2018/10/15: Comezan as accións de conservación de LIFE FLUVIAL en A Lagoa do Rei (Rábade, Lugo)
Compartir
 
Voltar