venres, 09 de novembro de 2018

2018-11-09: Finaliza a primeira fase de LIFE FLUVIAL na Lagoa do Rei, e comezan os traballos no corredor do Miño ao seu paso por Rábade

No marco do proxecto LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771), a primeira fase dos traballos na Lagoa do Rei (ZEC Parga-Ladra-Támoga, ES1120003) finalizou o pasado 7 de novembro. Dende o 15 de outubro foron eliminados máis de 250 individuos de Populus x canadensis. Unha parte importante dos mesmos eran pés de grandes dimensións (máis de 20 metros de altura, e 50 centímetros de díametro), que producían semente viable, polo que estaban a actuar como foco de invasión aos ecosistemas naturais próximos. O apeo e retirada destas grandes árbores sen causar afeccións sobre os ecosistemas naturais supuxo un gran reto para TRAGSA, beneficiario asociado de LIFE FLUVIAL que realizou a actuación, que contou coa asesoría científico-técnica do IBADER da USC, tamén beneficiario asociado do mesmo proxecto. Sen embargo, a elevada experiencia e habilidade do equipo conformado en LIFE FLUVIAL permitiu que os traballos fosen realizados con éxito, mediante un tratamento secuencial dos pés de maiores dimensións.



En primeiro lugar accedeuse a realizar unha poda en altura, accedendo cunha plataforma en grúa dende a que se realizou un aclarado das copas, permitindo reducir o volume de madeira a apear dende a base. Unha vez se asegurou que o volume de madeira en pé permitía o seu apeo con garantías, procedeuse en segundo lugar a facer o corte dende a base. En todo momento buscáronse traxectorias seguras, evitando afeccións sobre os hábitats naturais ou sobre núcleos poboacionais de especies de interese para a conservación. As árbores foron troceadas in situ en trozas de pequenas dimensións, para facilitar a súa saca. Para axudar na súa retirada empregouse un tractor forestal con pluma, que cargou toda a madeira dende os camiños xa existentes, de xeito que non se causou ningunha afección sobre os compoñentes clave para a conservación deste emblemático espazo rabadense.



Con todo, tamén se identificaron pés de Populus x canadensis de menores dimensións, procedentes das sementes producidas polos individuos adultos, que estaban a colonizar o entorno da Lagoa do Rei, fundamentalmente no bosque húmido de salgueiros (considerado un hábitat prioritario 91E0* segundo o Anexo I da DC 92/43/CEE) situado na parte Norte da lagoa. A presenza destes pés supón unha mingua significativa sobre o estado de conservación do ecosistema, xa que causan competencia sobre as especies nativas ata producir a súa desaparición. En consecuencia, procedeuse tamén á súa eliminación, con moito coidado de non causar afeccións sobre un ecosistema de elevada fraxilidade. Buscáronse sempre as traxectorias de apeo máis seguras, sen causar afeccións sobre os pés de salgueiro, e despois de ser troceados, foron cableados ata poder ser cargados pola pluma do tractor de desembosque que facia esta tarea dende os camiños que rodean á lagoa.



Tamén foron eliminadas outras especies exóticas, como 20 individuos de Pinus radiata de reducidas dimensións (unha media de 7 metros de altura e 12 cm de diámetro). A madeira das especies exóticas leñosas eliminadas foi cedida con fins sociais aos veciños de Rábade.



A aparición dun temporal a comezos de outubro impediu pasar á seguinte fase prevista, que suporá a adecuación das marxes da Lagoa do Rei. Sen embargo, a humidade dos horizontes superficiais despois das choivas impide por agora comezar esta tarea, para evitar danos sobre o ecosistema lacunar. Deste xeito, o equipo de traballo de TRAGSA e IBADER trasladouse o 8 de novembro ao corredor fluvial do Río Miño ao seu paso por Rábade, para comezar a actuar noutra das localidades do proxecto.



No tramo do río Miño en Rábade, a actuación comporase da eliminación de especies exóticas e invasoras, así como a retirada de ameneiros mortos por Phythopthora spp., para posteriormente restaurar a vexetación de ribeira coas especies típicas do hábitat 91E0*. Esta actuación realízase plenamente con medios manuais, xa que o acceso á ribeira faise a través dunha senda fluvial. A madeira xenerada despois do apeado e troceado é apilada en pequenos montóns, que son retirados por un pequeno mini-dumper de obra (chimpín), asegurando por tanto que o peso transportado é o mínimo para evitar afeccións sobre a ribeira e sobre o propio sendeiro fluvial. O mini-dumper de obra saca as trozas de pequenas dimensións ata a pista máis cercana, onde é cedida tamén con fins sociais aos veciños de Rábade para o seu aproveitamento nas súas vivendas rurais (cociñas económicas, estufas, fornos, etc.).




A actuación de LIFE FLUVIAL está a ser modélica e exemplarizante, en canto a adecuación das obras á fraxilidade dos medios (ecosistemas fluviais e lacunares) nos que se desenvolven. As actuacións que se están a realizar eliminan as presións e ameazas existentes sobre os hábitats de corredores fluviais, permitindo por tanto o restablecemento do seu estado de conservación favorable. O proxecto está a actuar con precisión quirúrxica, con intervencións de baixa intensidade, respectando o entorno e por tanto sen causar unha afección significativa sobre os compoñentes clave do ecosistema. Esto convirte a LIFE FLUVIAL nun proxecto altamente replicable, xa que o modelo de xestión proposto pode ser perfectamente exportado a outras áreas e ecosistemas de elevada fraxilidade onde realizar calquera actuación requira dun gran coidado, experiencia e habilidade para non afectar aos compoñentes naturais. Á súa vez esto provoca que o proxecto estea fortemente apoiado e participado polos axentes locais, como o Concello de Rábade, a Asociación Galega de Custodia do Territorio, o Centro de Ensino Santo Anxo, e os numerosos veciños aos que o proxecto lles cede con fins sociais a madeira das especies exóticas leñosas eliminadas.



O obxectivo xeral de LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal. O proxecto LIFE FLUVIAL LIFE16 NAT/ES/000771, "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica" é coordinado pola Universidade de Oviedo, e conta cun orzamento de 3.032.223 €, dos cales a Comisión Europea concede un cofinanciamento do 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 48 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021.
2018-11-09: Finaliza a primeira fase de LIFE FLUVIAL na Lagoa do Rei, e comezan os traballos no corredor do Miño ao seu paso por Rábade
Compartir
 
Voltar