venres, 30 de novembro de 2018

2018-1129: Celebrado o Seminario BACCATA no Campus Terra (Lugo)

O pasado xoves, 29 de novembro de 2018, o IBADER celebrou no Edificio Cactus do Campus Terra (Lugo) o Seminario Técnico BACCATA, para achegar á poboación o importante papel que xoga o teixo (Taxus baccata) na conservación da nosa biodiversidade, e por extensión das formacións dominadas (teixadais, teixidos, teixedos) por esta senlleira especie. O acto, que contou cunha afluencia de 25 persoas, permitiu tamén aumentar a concienciación pública sobre a conservación do noso patrimonio natural arborado, do patrimonio cultural asociado ao teixo, e os servizos ecosistémicos prestados polos teixadais.


 
Para tal finalidade o evento contou cunha serie de intervencións do proxecto LIFE BACCATA, que na actualidade está a traballar pola conservación dos teixadais en 15 Espazos da Rede Natura 2000 da Cordillera Cantábrica (Galicia, Castela e León, Euskadi). As intervencións de Roberto Rubio (CESEFOR), Javier Pérez (HAZI) e Javier Ferreiro (IBADER) deron a coñecer o estado de execución do proxecto en Castilla y León, Euskadi e Galicia, respectivamente.






A maiores, resultaron de gran interese as intervencións de Paulino Martínez (ACUIGEN) e Javier Ezquerra (Junta de Castilla y León). A primeira achegou os resultados preliminares do mostreo xenético do teixo polo proxecto LIFE BACCATA. O segundo explicou o proceso que está a seguir a Junta de Castilla y León para incluir ao teixo no listado de Materiais Forestais de Reprodución (MFR) autonómicos, e a relevancia dos datos que o proxecto LIFE BACCATA está a xenerar.





Ademais, contouse coa presenza de dúas asociacións que levan un longo tempo traballando pola conservación do teixo e os seus valores naturais e culturais. Pola Asociación A Morteira, Toño Nespral realizou unha interesante e agarimosa presentación na que se amosou o valor natural e cultural do teixo na cunca do Sil, asistido en todo momento polas marabillosas fotografías de Isidro Canóniga. Pola Asociación Amigos del Tejo y las Tejedas asistiu o seu Presidente, Fernando Vasco, quen achegou unha interesante presentación sobre as últimas novidades sobre a distribución e censos de teixo no Sistema Central, facendo distintas consideracións respecto á conservación dos teixadais, sobre todo a partires de distintos procesos de cambio que están a causar afeccións a estas poboacións nos últimos anos.



2018-1129: Celebrado o Seminario BACCATA no Campus Terra (Lugo)
Compartir
 
Voltar