Mércores, 05 de Decembro de 2018

2018/12/05: Celebrado o Seminario FLUVIAL no Campus Terra (Lugo)

O pasado martes, 4 de decembro de 2018, o IBADER celebrou no Edificio Cactus do Campus Terra (Lugo) o Seminario Técnico FLUVIAL, para achegar á poboación o importante papel que xogan os corredores fluviais na conservación da nosa biodiversidade. O acto, que contou cunha afluencia de 20 persoas, permitiu tamén aumentar a concienciación pública sobre a conservación do noso patrimonio natural e cultural asociado aos corredores fluviais e aos humidais, así como aos servizos ecosistémicos prestados polos mesmos.



Para tal finalidade o evento contou cunha serie de intervencións de diversos proxectos LIFE encamiñados á mellora e restauración de corredores fluviais e humidais galegos, así como un relato sobre a conservación dos ecosistemas fluviais en xeral.



Abriu a rolda de presentacións Jesús Valderrábano do INDUROT da Universidade de Oviedo (beneficiario coordinador de LIFE FLUVIAL), quen achegou ao público as actuacións que o proxecto LIFE FLUVIAL está a desenvolver en diversos cursos fluviais atlánticos de Galicia, Asturias e Portugal.



Seguiu Fernando Cobo, director da Estación Biolóxica do Encoro do Con da Universidade de Santiago de Compostela, quen aportou un interesante relato sobre os valores que albergan os corredores fluviais, as principais presións que os ameazan, e a necesidade da súa conservación.



Finalizou Alberto de Anta, da Confederación HIdrográfica Miño-Sil, presentando as principais medidas e resultados do LIFE REGENERA-LIMIA, desenvolvido na comarca ourensá da Limia.



Finalmente, o director do IBADER, Pablo Ramil, dirixiu a mesa redonda que se celebrou ao final, na que se pruduciu un interesante debate entre a audiencia asistente e os relatores invitados ao acto.

2018/12/05: Celebrado o Seminario FLUVIAL no Campus Terra (Lugo)
Compartir
 
Voltar