mércores, 05 de decembro de 2018

2018-1204: Reunión (II) do equipo de coordinación do proxecto LIFE FLUVIAL

O proxecto LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771) celebrou o martes 4 de decembro de 2018 no IBADER do Campus Terra de Lugo, a segunda reunión do seu equipo de coordinación. Neste novo encontro tratáronse diversos aspectos relativos ao progreso das accións do proxecto durante o ano 2018, así como se coordinaron e planificaron diversas tarefas a realizar no que queda de ano e se esbozaron as que deben ser realizadas a comezos de 2019.



O obxectivo xeral de LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal.



O proxecto LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771), "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica" é coordinado pola Universidade de Oviedo, e conta cun orzamento de 3.032.223 €, dos cales a Comisión Europea concede un cofinanciamento do 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 48 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021.
2018-1204: Reunión (II) do equipo de coordinación do proxecto LIFE FLUVIAL
Compartir
 
Voltar