Martes, 11 de Decembro de 2018

2018/12/11: 1ª Comisión de Seguimento de LIFE FLUVIAL en Galicia

O proxecto LIFE FLUVIAL celebrou a súa 1ª Comisión de Seguimento o pasado martes 11 de decembro, na Casa Habanera de Guitiriz (Lugo). A xornada foi co-organizada por dous dos beneficiarios asociados do proxecto: o IBADER do Campus Terra (Lugo) e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos.

Esta primeira Comisión permitiu achegar de primeira man o progreso do proxecto ata o momento a todos os organismos competentes e resto de axentes implicados na xestión dos corredores fluviais. Entre os organismos invitados se atopaban organismos ministeriais (Demarcación de Costas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil), autonómicos (Augas de Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, Servicios de Conservación da Natureza de Lugo e A Coruña), entidades locais (Deputacións de Lugo e A Coruña, Concellos de Lugo, Rábade, Guitiriz, Abegondo, Bergondo e Cambre), así como entidades ambientalistas (ADEGA, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Fundación Fragas do Mandeo, Sociedade Galega de Historia Natural). A asistencia de todos estes axentes revirte nunha maior transferabilidade do progreso e resultados do proxecto, así como posibilita un intercambio fluido e continuo de información entre todos eles e o proxecto.



A xornada estruturouse nunha primeira presentación do progreso do proxecto na Casa Habanera de Guitiriz, onde a alcaldesa de Guitiriz (Regina Polín), o presidente da ADR Mariñas-Betanzos (José Antonio Santiso) e o director do IBADER (Pablo Ramil) presentaron o acto. A presentación técnica correu a cargo de Javier Ferreiro da Costa, do IBADER.



Tras a presentación técnica, realizaouse unha viaxe para visitar as localidades do proxecto onde se estiveron a desenvolver accións concretas de conservación durante 2018: o Río Miño e a Lagoa do Rei en Rábade, así como o Rio Parga en Guitiriz.








Á volta da viaxe novamente a Guitiriz, celebrouse un xantar entre os organizadores do evento e as entidades convocadas, que posibilitou un animado intercambio de opinións e o asentamento de futuros diálogos.
2018/12/11: 1ª Comisión de Seguimento de LIFE FLUVIAL en Galicia
Compartir
 
Voltar