venres, 14 de decembro de 2018

2018/12/14: Reunión de LIFE FLUVIAL na ETAP de A Telva (Cambre, A Coruña)

O pasado venres día 14 de decembro, os beneficiarios asociados EMALCSA, ADR Mariñas-Betanzos e o IBADER do Campus Terra (USC), celebraron unha reunión no marco do proxecto LIFE FLUVIAL, na ETAP de A Telva (Cambre, A Coruña). A finalidade deste encontro foi o comezo da planificación dos traballos de restauración que o proxecto vai a desenvolver no entorno do Encoro de Cecebre (encoro de abastecemento de auga da cidade da Coruña e a súa área metropolitana) na ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004), mediante a implementación de accións de xestión sostible do bosque húmido, considerado un tipo de hábitat prioritario (91E0*).



A reunión permitiu dar os primeiros pasos para deseñar as accións de restauración do hábitat 91E0* de xeito coordinado coa regulación da presa que realiza EMALCSA en función das necesidades do suministro de auga á poboación. Deste xeito, asegurarase o éxito das actuacións de LIFE FUVIAL, xa que o funcionamento do encoro beneficiará o mantemento do biotopo no que se desenvolverán as biocenoses establecidas no proxecto. Resulta de gran valor, ademais, a forte compenetración entre os beneficiarios asociados de LIFE FLUVIAL, que permite un fluido intercambio da información necesaria para acadar o éxito na actuación.

EMALCSA aporta o seu coñecemento do manexo da lámina de auga e zonas inundables, ademais de ser o responsable directo da xestión do encoro. Deste xeito, EMALCSA porá a disposición o persoal e medios necesarios para que o desenvolvemento das actuacións sexa realizado acorde ás necesidades de abastecemento e a xestión integrada dos recursos hídricos. 

O IBADER resulta imprescindible no desenvolvemento de medidas de conservación dos tipos de hábitat, ao ser o equipo redactor do Manual de Hábitats de Galicia, así como do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia  (aprobado mediante o Decreto 37/2014) no que se establecen as medidas de conservación e xestión das ZEC de Galicia.

A ADR Mariñas-Betanzos resulta tamén necesaria, xa que é a entidade máis importante na promoción do desenvolvemento sostible no territorio no que se enmarca a acción, velando porque a mesma se desenvolva de acordo aos condicionantes socioeconómicos da zona.

As accións de restauración serán desenvolvidas por TRAGSA, outro dos beneficiarios asociados de LIFE FLUVIAL, de acordo aos criterios que marquen EMALCSA, IBADER e ADR Mariñas-Betanzos. TRAGSA posúe unha dilatada experiencia no desenvolvemento de accións de restauración e corrección ambiental, e resulta un axente idóneo para a execución das accións de conservación de LIFE FLUVIAL.



O obxectivo xeral de LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal. O proxecto LIFE FLUVIAL LIFE16 NAT/ES/000771, "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica" conta cun partenariado de 8 socios (INDUROT-UniOvi, IBADER-USC, ISA-ULisboa, TRAGSA, EMALCSA, ADR Mariñas Betanzos, InterEo, Concello de Ribadeo) e un orzamento de 3.032.223 €, dos cales a Comisión Europea concede un cofinanciamento do 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto é de 48 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021.
2018/12/14: Reunión de LIFE FLUVIAL na ETAP de A Telva (Cambre, A Coruña)
Compartir
 
Voltar