Xoves, 08 de Agosto de 2019

2019/08/08: Reunión de networking sobre multiplicación de material forestal de reprodución de teixo

Persoal do IBADER, na súa condición de beneficiario coordinador do proxecto LIFE BACCATA, acompañado por membros do resto de socios do proxecto (Junta de Castilla y León, Cesefor) reuníronse o pasado 6 de agosto no Edificio de Ciencias Experimentais do Campus de Vigo e nas instalacións de Viveros Braña en Esgos (Ourense) co fin de compartir experiencias. e coñecementos relacionados cos procesos de multiplicación do material de reprodución forestal de Taxus baccata.




Durante a visita ao edificio de ciencias experimentais no campus de Vigo, mantivéronse reunións para coñecer a experiencia de investigadores do Departamento de Bioloxía e Ciencias do Suelo sobre a produción de estacas e o cultivo in vitro do teixo. O IBADER, no marco de LIFE BACCATA, está a desenvolver con este equipo unha serie de métodos que permita a replicación rápida e efectiva de plantas desta especie para ser empregadas en restauración do medio natural.



Posteriormente, o equipo trasladouse ás instalacións de Viveros Braña SCL en Esgos (Ourense) e visitou o magnífico estado de desenvolvemento da planta de teixo producida para as accións de restauración previstas no marco do proxecto LIFE BACCATA en Galicia, no MVMC de Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro), que están a ser desenvolvidas por TRAGSA (socio do proxecto LIFE BACCATA) coa colaboración do IBADER.



Todos os asistentes sinalaron a importancia destas actividades para o intercambio de experiencias e coñecementos aplicados nesta área para o desenvolvemento desta actividade, o que require un alto grao de especialización ante as dificultades técnicas detectadas.

2019/08/08: Reunión de networking sobre multiplicación de material forestal de reprodución de teixo
Compartir
 
Voltar