La evolución del paisaje en las montañas del entorno de los caminos Jacobeos

Pérez Alberti, A.; Guitián Rivera, L; Ramil-Rego, P. (Editores) (1993). La evolución del paisaje en las montañas del entorno de los caminos Jacobeos. Xunta de Galicia. Consellería de Cultura. Santiago de Compostela.
 
Desde a época medieval, os peregrinos chegaban a Compostela seguindo multitude de itinerarios. Os camiños xacobeos atravesan áreas moi diferentes desde o punto de vista do relevo, o clima, os solos, a vexetación ou a actividade humana. Pola zona norte descorren polo sector máis montañoso de Galicia e, aínda aproveitan vales e portelas, no seu entorno álzanse as serras de maior altitude, nas que conviven a fermosura da paisaxe coa dureza do traballo diario. No entorno do Camiño Norte álzanse las serras Septentrionais entre as que destaca o macizo do Xistral.

Nel, pese aos seus escasos mil metros, as condiciones climáticas frías e húmidas durante boa parte do ano permiten a pervivencia dunha das zonas turbosas máis importantes do noroeste peninsular. Entre o Camiño de Fonsagrada e o Francés, estírase a serra de Ancares, que chega moi perto dos dous mil metros de altitude. Aquí os antigos glaciares deixaron a pegada do seu paso labrada en impresionantes vales e cristas. En e llos las formacións boscosas adquiren un desenvolvemento reseñabel. Outro tanto ocorre cos montes do Cebreiro ou coa serra do Courel onde a diferenciación litolóxica e a transición climática que se opera cara a ambientes mediterráneos materialízase nunha rica e variada gama de ecosistemas.

Entre o Camiño Francés e a Vía da Prata álzanse os macizos de Manzaneda e Trevinca, outras dúas áreas nas que se encadean formas e depósitos, bosques e pastos, aldeas e campos de cultivos labrados nun medio contrastado, duro e bravo, no que conseguir unha pequena parcela arable supuxo días e días de intenso traballo.

As áreas de montaña posúen dentro de sí a esencia da verticalidade e da altitude, feitos que xorden do intenso xogo dialéctico nacido da acción morfoxenética da auga ao longo de millóns de anos. Os espazos resultantes son variados e multiformes, presentan facetas diferenciadas e enmarcan e condicionan as actividades agrarias e gandeiras que posibilitan a vida dos seus habitantes.

Para os investigadores, as áreas de montaña son lugares privilexiados onde as dificultades de accesibilidade e a escasa urbanización do territorio, permitiron a pervivencia de elementos naturais de gran valor. Nas montañas do entorno dos Camiños Xacobeos, atopamos as probas claras do seu pasado glaciar, as mostras duna flora e fauna peculiar ou os restos das primeiras actividades humanas. A estudalos adicamos o presente libro. Nel colaboran especialistas de diferentes áreas de coñecemento cun fin común: aportar ao lector unha obra rigorosa que permita coñecer mellor as paisaxes que se interrelacionan nos entornos dos Camiños Xacobeos.
 
La evolución del paisaje en las montañas del entorno de los caminos Jacobeos
 
Voltar