Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega



Ramil-Rego, P. & Ferreiro da Costa, J. (2015). Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega. IBADER - Observatorio Galego do Territorio - Asociación Científica Horreum. Lugo: Horreum. 55 pp.
 

A Asociación Científica Horreum en colaboración co Grupo de Investigación 1934 – Territorio e Biodiversidade do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC, e co Observatorio Galego do Territorio (www.observatoriogalegodoterritorio.org/) publica un libro dixital sobre o feísmo en Galicia. O libro, titulado “Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega”, foi realizado por Pablo Ramil Rego e Javier Ferreiro da Costa.

A obra achega unha interesante visión sobre a valoración da paisaxe galega. Na actualidade contamos con numerosas propostas metodolóxicas formuladas dende o ámbito da ecoloxía, da xeografía ou da arquitectura, así como propostas integradas, para a valoración da paisaxe. Derivado das mesmas, dispoñemos de diversos termos para designaren aos escenarios de boa calidade paisaxística, así como aos de escaso interese visual. Entre estes, foi cobrando cada vez máis importancia o termo “feísmo”, potenciado fundamentalmente polas hemerotecas e redes sociais

Co termo feísmo trátase de aglutinar un conxunto heteroxéneo de actuacións efectuadas polo ser humano sobre a paisaxe, froito da introdución de elementos alleos ou construcións distorsionantes que afastan un escenario ou un tipo concreto de paisaxe do seu estatus de "excepcional" ou "cotián". A percepción resulta aquí o elemento clave, non exento de subxectividade, pero tamén non exento de criterios ou concepcións aceptadas pola maior parte da cidadanía.

Da análise da paisaxe galega, dos seus principais compoñentes, e da percepción social que se recolle, os autores elaboran unha novidosa tipoloxía para a caracterización e diferenciación das distintas manifestacións do feísmo na paisaxe de Galicia. O documento adopta un aire de guía de campo, buscando afastarse do deslustrado tecnicismo que impera nos documentos oficiais, para debullar coa descrición dun conxunto de 34 tipos de feísmo o estado en que se atopa a paisaxe de Galicia. Cada un dos tipos establecidos resúmense de forma breve, acompañados de varias fotografías ilustrativas. O esquema obtido considérase como un modelo aberto e adaptable debido á continua transformación antrópica que sofre a paisaxe.
 
Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega
Pablo Ramil-Rego, Javier Ferreiro da Costa
Lugo. Horreum 2015. 55 paxinas 87 figuras.

1. Paisaxe Galicia. 2.Antropización.

Depósito Legal: C 213-2015
ISBN: 978-84-939661-2-6

Edita: Horreum en colaboración co GI-1934-TB (IBADER) e co Observatorio Galego do Territorio.
Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega
 
Descargas
Voltar