Conservación e Xestión de Humidais en Galicia


Ramil-Rego, P., Gómez-Orellana, L., Ferreiro da Costa, J. (Eds.) (2017). Conservación e xestión de humidais en Galicia. Horreum-Ibader, Lugo. 167p.

Afinais do Século XVIII, Francisco Cónsul Jove i Tineo, erudito e profesor de física, publicaba grazas aos auspicios da Sociedade de Amigos do País da Cidade de Santiago, a súa célebre Memoria sobre el conocimiento de las tierras verdadero, i económico método de cultivarlas adaptado al clima, i circunstancias de Galicia, i Asturias (1786), na que describe a abundancia de humidais nos territorios galegos e asturianos: “se hallan muchas lagunas, i terrenos cenagosos, sin que jámas se huviesen emprendido en ellos mejoro alguno, o por desidia, o por ignorancia del remedio, son conocidos en Galicia con el nombre de Brañales, i en Asturias con el de humedales, buelgas, i charcas”. O parágrafo inclúe talvez a cita máis antiga na Península do termo “humidais” para referirse aos distintos ecosistemas acuáticos. Pero o parágrafo tamén nos mostra unha política territorial irracional na que os humidais, como tamén acontecía con outros tipos de hábitats naturais, pasasen a engordar a xenocida lista de terreos abandonos ou terreos mellorables, abríndose todas as portas para a súa degradación e eliminación.

Esta política destrutiva será intensificada en épocas posteriores a través dun aglomerado normativo que propiciase o desecamento e transformación dos humidais, e o referente máis daniño da cal foron as leis promovidas polo Ministro de Fomento, Francisco Cambó; Lei sobre paseos mariños (1918) e Lei sobre desecamento de marismas (1918). A segunda ofrecía concesións vantaxosas e auxilios para acabar cos humidais de máis de cen hectáreas. A relación concesional remataba coa execución das obras saneadoras. A República e o Franquismo mantiveron en vigor ambas as dúas normas , así como a promoción e actuacións que supoñían a destrución de todo tipo de humidais. Durante esta longa etapa, producirase a alteración, cando non a perda de grandes superficies de humedales en Galicia. As accións máis dramáticas evócannos o desecamento da Lagoa
de Antela e a de Cospeito, pero a elas habería que unir a doma e canalización das canles do Miño e Sil, así como todo un elenco de pequenos humidais, que a pesar da súa menor extensión eran pezas clave para a conservación da paisaxe e da biodiversidade de Galicia.

O 18 de xaneiro de 1971 asinábase na cidade de Ramsar (Irán) a Convención Relativa aos Humidais de Importancia internacional especialmente como Hábitat de Aves Acuáticas, coñecida en forma abreviada como Convenio de Ramsar, entrando en vigor o 21 de decembro de 1975. España, non se adheriu á Convención ata o ano 1982, mantendo vixente a deostada Lei sobre desecamento de Marismas ata o ano 1985. A protección efectiva dos humidais virá da man da DC 92/43/CEE e a creación da Rede Natura 2000. No novo marco ambiental os diversos tipos de humidais da clasificación Ramsar aparecen designados como hábitats de interese comunitario ou mesmo como acontece con distintos ecosistemas de turbeiras, queirogais e bosques húmidos como hábitats prioritarios. O primeiro inventario de Humidais de Galicia (2003), engloba máis de 1.100
humidais, cunha superficie de máis de 70.000 ha, da que case un 65% está incluído dentro da Rede Natura2000.

Vinte e cinco anos despois da creación da Rede Natura 2000, a situación dos humidais de Galicia segue sendopreocupante. O número de espazos declarados como humidais importancia internacional queda reducido a 5 espazos, aos que probablemente se una un sexto, o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A porcentaxe resulta moi inferior en relación con outras Comunidades Autónomas, con outros territorios da Unión Europea.

A maiores os humidais galegos, independente da súa inclusión ou non nunha figura de espazo natural protexido, seguen a rexistrar importantes afeccións (rozas, sangrados, plantacións de eucaliptos, expansión de especies exóticas, contaminación difusa, uso de munición con chumbo, actividades de ocio e recreo insostibles, etc), na maioría dos casos contrarios ás normas de xestión que rexen estes espazos.

O proxecto LIFE+ Tremedal (Inland wetlands of Northern Iberian Peninsula: management and restoration of mires and wet environments, LIFE11 NAT/ES/000707) quere contribuír á protección dos humidais de Galicia, dando a coñecer distintos aspectos sobre a súa biodiversidade, así como problemáticas sobre a súa conservación, xestión e aproveitamento, contando para iso coa participación de distintos especialistas nos campos da ecoloxía, a botánica e a zooloxía dos humidais. A análise aquí formulada deberá servir como revulsivo á sociedade e especialmente aos xestores territoriais na necesidade de abandonar as vellas políticas irracionais de explotación do territorio, promovendo un cambio de paradigma na súa xestión acorde cos obxectivos establecidos no Convenio da Diversidade Biolóxica e nos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

Conservación e xestión de humidais en Galicia
Pablo Ramil-Rego
Luis Gómez-Orellana
Javier Ferreiro da Costa
(editores)

Depósito Legal: C 1458-2017
ISBN: 978-84-939661-4-0
Edita: Horreum - IBADER
© HORREUM 2017

O libro pódese descargar de forma completa ou cada un dos capítulos por separado:
Conservación e Xestión de Humidais en Galicia
 
Voltar