Banco de Datos

Introdución

Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega

A xénese do "Convenio Europeo da Paisaxe" remóntase a mediados da década de 1990, cando este foi promovido polo Consello de Europa, reunións nas que participou oficialmente o Reino de España. O Convenio concluíuse finalmente no ano 2000 na cidade de Florencia entrando en vigor no ano 2004. España non obstante dilatou a súa ratificación ata o 26 de novembro de 2007 (BOE de 5/02/2008), entrando en vigor o 1/03/2008 (Xefatura do Estado, 2008).

A escasa dilixencia do Goberno Español para ratificar o Convenio Europeo da Paisaxe pode resultarnos estraña, pero non obstante foi proceder habitual en relación cos Convenios Internacionais ou en relación coas normativas europeas vinculadas co Medio Ambiente. O mesmo procedemento xa acontecera a finais da década dos 60 do século XX, cando España participou nas reunións que culminarían coa xénese do "Convenio relativo aos Humidais de Importancia Internacional especialmente como Hábitat de Aves Acuáticas" asinado na cidade iraniana de Ramsar en 1971, pero cuxa ratificación do Goberno de España demorouse ata o ano 1982. Noutros casos os nosos gobernantes optaron por asumir as novas normas en pequenas doses, co fin de evitar que a súa aplicación producise unha mellora significativa sobre o maltratado medio. Así aconteceu coa DC 92/43/CEE a transposición da cal a efectuouse en distintas etapas que finalizan en decembro do 2007 coa aprobación da Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade (Lei 42/2007).

O texto do "Convenio Europeo da Paisaxe" é breve, 5 páxinas, e o seu contido a priori non mostra elementos que puidesen considerarse como un cambio drástico nas políticas ambientais e territoriais. No texto do tratado non aparecen recollidos termos como "prohibir", "cumprir", "esixir", ou o tan socorrido "deberán", como tampouco figuran termos como: "ecoloxía", "ecosistema, "deterioración", "degradación, "destrución". A palabra "conservar" soamente aparece recollida unha vez, ademais nun sentido moi xeral. E coa mesma escasa frecuencia atopamos outros termos que poderían ser considerados como turbulentos: "salvagardar" (1), "medio" (1), "ambiental" (3). No momento de establecer o ámbito do Convenio, os seus redactores empregan termos moi globais, de modo que expresións como zonas terrestres (1) soamente aparecen designadas unha vez, e con esta mesma reducida frecuencia figuran outros termos territoriais como: mariño (1) augas interiores (1), medios mineiros (1), forestal (1), agrícola (2), rural (2), urbano (3) e natural (8). Os redactores do Convenio preferiron empregar termos máis globais e quizais menos conflitivos como territorio (14) ou paisaxe (54).

Os receos dos nosos temerosos gobernantes fronte ao "Convenio Europeo da Paisaxe" poden vir derivados do preámbulo onde se indica "que a paisaxe é un elemento clave do benestar individual e social e do que a súa protección, xestión e ordenación implican dereitos e responsabilidades para todos". E os termos "protección" (17), "ordenación" (17) e "xestión" (17), repítense de forma conxunta ao longo do seu articulado, marcando as obrigas e deberes das autoridades públicas en relación coa conservación e o uso racional da paisaxe.

A ratificación por España do Convenio Europeo da Paisaxe (2004), iniciou unha carreira autonómica para proverse de normas propias sobre a paisaxe. Os textos autonómicos non resultaron moi creativos na promoción de medidas concretas para asegurar a conservación e o uso racional da paisaxe. Pola contra promoveron a burocratización da paisaxe, creando un modelo gris e oficinesco de directrices, plans e planiños cuxa posta en marcha se eterniza. A pesar de que para a súa execución fomentaron a aparición de chiringuitos e chiringuitiños. A burocratización da paisaxe resulta pouco compatible coa participación pública que asume o Convenio Europeo da Paisaxe (Convención sobre o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en asuntos ambientais, Aarhus, 25 de xuño de 1998), e pon de relevo o afastamento da paisaxe oficial das demandas e as sensibilidades da sociedade.

Volvendo ao Convenio Europeo da Paisaxe, e entrando na definición do propio termo "paisaxe", atopámonos cunha proposta globalizadora, na que se considera como paisaxe aquela porción de territorio tal como a percibe a poboación, o carácter da cal sexa o resultado da acción e a interacción de factores naturais e/ou humanos. Posteriormente, na Recomendación CM/Rec (2008) 3 do Comité de Ministros do Consello de Europa (23/02/2008), sobre as orientacións para a aplicación do Convenio Europeo da Paisaxe desenvólvese este concepto indicando que a definición enunciada no Convenio é diferente daquela que pode ser formulada en certos documentos e que ven na paisaxe un "ben" (concepción patrimonial da paisaxe) e valórao (como paisaxe "cultural", "natural", etc.) considerándoo como unha parte do espazo físico. Este novo concepto expresa, pola contra, o desexo de afrontar, de xeito global e frontal, a cuestión da calidade dos lugares onde vive a poboación, recoñecida como condición esencial para o benestar individual e social (entendido no sentido físico, fisiolóxico, psicolóxico e intelectual), para un desenvolvemento sostible e como recurso que favorece a actividade económica.

Sobre a valoración da paisaxe existen na literatura científica numerosas propostas metodolóxicas formuladas dende o ámbito da ecoloxía, da xeografía ou da arquitectura, así como propostas integradas. Pero tamén se propuxeron valoracións máis sociais baseadas na propia percepción dos individuos que conforman determinados tipos de paisaxes, ou daqueles que como viaxeiros ou observadores do cotián percorren as paisaxes dos seus veciños. Esta valoración social non entende nin de complexos algoritmos, nin de modelizacións en 3D, xa que percibe a paisaxe baseándose nuns criterios simples herdados ou aprendidos no seu desenvolvemento vital, na práctica e intercambio con outros observadores acreditados ou noveis. A prensa e as chamadas redes sociais xogaron e xogan un papel moi importante na percepción social da paisaxe no Século XXI, difundindo distintas imaxes de escenarios territoriais nos que se mantén unha boa calidade paisaxística, fronte a outros nos que a calidade paisaxística aparece deteriorada ou destruída. Para designar as imaxes de boa calidade paisaxística recórrese a termos como "salvaxe", "virxinal ou "natural", mentres que os espazos de baixa calidade paisaxística se identifican habitualmente con termos como "degradado". "alterado", "perturbado", "artificial", "irracional", ou de xeito máis recente como "feísmo".

Os dicionarios das Reais Academias Galega e Española resultan coincidentes á hora de definir o termo "feo" (Latín "foedus"), vinculándoo con aquilo desprovisto de beleza e fermosura, ou ben que causa desagrado ou aversión. De "feo" derivaría "feísmo", voz que non aparece recollida no dicionario da Real Academia Galega, mentres que a española o define como a: "Tendencia artística ou literaria que valora esteticamente o feo". Non hai que indagar moito para comprender que esta definición non garda relación co uso social outorgado nas últimas décadas e vinculado cunha percepción negativa da calidade da paisaxe, percibida ben individual, como de forma colectiva a través das imaxes distribuídas polos medios de comunicación e as redes sociais. A percepción social do feísmo non se reduce a un problema de definición e concepto, vai máis alá, xa que nos comentados medios de comunicación e as redes sociais flúen un conxunto de elementos característicos de diversos patróns ou estadios da degradación da paisaxe, algúns dos cales se repiten, con variacións máis ou menos perceptibles en distintas paisaxes, mentres que outros móstranse máis exclusivos, representantes dunha estraña endemicidade fraguada cunha amálgama estraña de elementos identitarios e outros incorporados en tempos modernos.

Nas hemerotecas e nas redes sociais, como xa indicamos, son abundantes as mencións ao feísmo. La Voz de Galicia mantén dende hai uns anos o álbum fotográfico "Chapuzas Galegas", coa contribución de reporteiros gráficos e lectores onde se recompilan máis de 150 fotografías dos "elementos que os galegos máis adaptan ás súas necesidades vitais cunha ampla dose de humor, desidia e ata caradura". O exhaustivo labor desenvolvido por La Voz de Galicia inclúe ademais distintos artigos e reportaxes sobre o feísmo. Situación similar obsérvase na maioría dos diarios galegos, como Diario de Ferrol, El Correo Gallego, El Ideal Gallego, El Progreso, Faro de Vigo, La Opinión, La Región, ou as edicións galegas de El Mundo e El País. O feísmo é tamén obxecto de análise pola prensa dixital, destacando os tribunas e noticias dos extintos Vieiros (1996-2010) e Xornal de Galicia (2008-2011), e mantense nas cabeceiras de Vieiros, Noticieirogalego.com ou de Sermos Galiza. Nas redes sociais galegas o tratamento do feísmo esperta a atención de brillantes fotógrafos como Xurxo Lobato, ou de profesionais da arquitectura, o territorio ou o medio ambiente. Á que se unen varias decenas de páxinas e blogs sobre este mesmo tema: o servizo Blogger propiedade de Google indexa automaticamente 45 weblog sobe "paisaxe" de Galicia e 27 sobre feísmo en Galicia. O feísmo provocou a aparición de novas iniciativas sociais, como a celebración no ano 2005 do primeiro Concurso Fotográfico de Feísmo Urbanístico nas Pontes, organizado pola Asociación Choiva Ázeda, e ao que optaron 199 fotografías. Finalmente debemos tamén salientar os artigos de Remacha Vecino (2014) e Pereira-Menaut (2014) na revista dixital Kardo.