Banco de Datos

Tp 18. Blasphemia

Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 18. Blasphemia


A paisaxe de Galicia difire e debería diferir do existente na Illa de Manhattan ou na área comercial de Hong-Kong. A nosa liña do ceo resulta moi mediocre, xa que o edificio máis alto, a Torre Costa Rica ou Hercón (A Coruña, 1974), soamente posúe 119 m de altura. E por debaixo desta cota, os seguintes colosos galaicos non superan os 95 metros: El Trébol (A Coruña, 1975), con 90 m., Torres y Sáez (A Coruña, 1974) con 78 m., A Torre (Ourense, 76 m). Non sendo un país de rañaceos nos dedicamos a construír edificios alongados nos lugares máis estraños da nosa paisaxe. Na Cidade dos Cabaleiros, emerxe das casas tradicionais e a escasos metros do conxunto histórico artístico da cidade vella unha torre de 12 plantas construída na década de 1960. A irrupción deste elemento extravagante non foi do agrado de moitos, e así o xornalista e escritor José Trapero Pardo [1900, 1995] nun artigo titulado "Betanzos: Ciudad que sabe unir la vida moderna al prestigio de lo antiguo", designaba en 1981 ao rañaceos betanceiro como "blasfemia urbanística".

 
 

Seguindo as ensinanzas de Trapero Pardo, atopamos en Galicia demasiados exemplos de Blasfemia urbanística. Entre eles probablemente o máis sorprendente é o coñecido como Torre de Toralla de 70 metros de altura que se alza na pequena illa do mesmo nome (8,4 ha), en plena Ría de Vigo. Acompañando á torre a illa soporta 30 chalés e distintos recintos artificiais. A imaxe de Toralla pode ferir a sensibilidade de moitos observadores das paisaxes, máis aínda cando se decatan que as devanditas construcións se emprazan sobre unha área que albergaba un castro da Idade do Ferro e unha necrópole romana. A maiores o establecemento e mantemento destas singulares estruturas (accesos peonís e rodados, diques, auga potable, residuos, rede de sumidoiros, rede eléctrica) xeran un gasto de recursos moi superior se as mesmas edificacións estivesen situadas dentro dun conglomerado urbano.
 
Próxima á torre de Toralla e sen saír do Concello de Vigo, atopamos outro singular exemplo de aberración urbanística e paisaxística en relación co edificio que alberga a actual Casa Consistorial, construída a xeito de torre, tamén na década dos setenta do século XX, sobre a antiga fortaleza defensiva de San Sebastián, levando a maior parte desta por diante con total impunidade. Unha actuación de rapina co patrimonio cultural que nunca debeu ser autorizada nin executada.
 

Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader