Banco de Datos

Tp 19. Casamata

Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 19. Casamata


En ocasións a destrución dos elementos paisaxísticos singulares non culminan coa construción dunha torre, senón que no seu lugar se configura unha estrutura semellante a unha casamata de grosas placas de formigón que esconden distintos niveis subterráneos. En superficie soamente son visibles pequenas torres mal disimuladas en distintos tipos de alpendres e elementos artificiais. Para incrementar o impacto visual a superficie do chan recóbrese con plaquetas de cemento, e nos pobos máis ricos, substitúense estes elementos por aburridas plaquetas de granito ou de cerámica, similar ás empregadas en moitos WC. O conxunto culmina coa colocación de varios elementos verdes, xeralmente exóticos e torturados por un excesivo celo dos xardineiros.

Moitas casamata construíronse sobre o antigo Campo da Feira de pobos e vilas. Espazo multifuncional por natureza que era utilizado para os mercados periódicos, para as festas patronais, para o mitin político, para o xogo dos nenos e adolescentes, para os primeiros amoríos. En Galicia os Campos da Feira non eran simples superficies aplanadas, neles existían arboredos señoriais, de frondosos árbores nativas, especialmente carballos, castaños e algún que outro lamagueiro. Arboredos que lucían os seus esveltos fustes, crecidos ao paso das distintas xeracións de galegos e galegas. Unha tras outra a maioría dos Campos da Feira de Galicia foi aniquilado por un bárbaro e insostible desenvolvemento acelerado deixándonos unha versátil mostraxe de casamatas.



Non todos os elementos representativos do tipo "Casamata" teñen a súa xénese na destrución dun Campo da Feira. Noutros casos o maligno cébase en edificios singulares, como acontece na Praza de Galicia en Santiago de Compostela, onde a casamata actual se constrúe sobre as cinzas do Edificio Castromil construído en 1929 e destruído por iniciativa do concello en 1975, que preferiu demolelo e no espazo liberado construír un anodino aparcamento subterráneo. A súa cuberta foi obxecto de inútiles intentos de embelecemento, percibíndose como un espazo artificial, carente de vida, rodeado por un foso por onde discorren centenares de automóbiles.
 

Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader