Banco de Datos

Tp 28. Ars topiaria

Guía de campo para a interpretación do feismo na paisaxe galega
Typus 28. Ars topoiaria


A tesoira de podar parece ser deseñada polos romanos, cuxos xardineiros a empregaron con gran destreza transformando o porte natural das plantas en formas xeométricas, creando con eles novos espazos ou "topia", designando a este peculiar "Ars topiaria" (latín topiarius, do grego topia, diminutivo de topos). Durante o Renacemento Italiano recuperouse a tradición romana de modular o porte das plantas creando formas artificiais, procedementos que serán posteriormente magnificados por André Le Nôtre, deseñador dos xardíns de Versalles (1662). O "Ars topiaria" instalouse dentro dos xardíns europeos construíndo distintas formas xeométricas, coas que se estruturaban distintos tipos de espazos e labirintos, unha natureza ordenada con regra, compás, arame e tesoira.

Calquera observador dos xardíns e arboredos de Galicia atopará exemplos de xardinaría paisaxística ou máis frecuentemente do estilo propio dos xardíns italianos ou franceses, adaptados ás características locais. Neste punto se atopan exemplos elocuentes de "Ars topiaria", como era o centenario teixo (Taxus baccata) do terreo dos Tenreiro (Pontedeume, A Coruña), podado e coidado con esmero ata adquirir 15 metros de altura e 20 metros de diámetro, cunha copa conformada nunha sucesión de aneis que decrecen de tamaño en altura. O teixo de Pontedeume foi obxecto de distintos traballos, e a fotografía da súa excelsa copa incluída en distintos tratados de xardinaría. Baixo a súa frondosidade chegou a celebrarse un Consello de Ministros presidido polo republicano Santiago Casares Quiroga. Á vez que deu acubillo a numerosos faladoiros culturais e políticos nos que participaron Valle Inclán, Azorín, Emilia Pardo Bazán ou Manuel Azaña, que era parente dos Tenreiro. Anos máis tarde o vetusto exemplar arbóreo e parte do xardín, onde se emprazaba foron expropiados e incluídos dentro dun artificial paseo marítimo que afectaría á vitalidade das raíces da árbore e creaba un ambiente pouco propicio para o seu desenvolvemento. O teixo inicia así unha progresiva deterioración, con continuas defoliacións e a progresiva morte das súas ramas. Os indoctos galenos receitaron sen pudor podas e fitosanitarios, que en nada remediaron a súa agonía. Unha estraña situación para un exemplar incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (Decreto 67/2007).

O "Ars topiaria" como feísmo non se vincula unicamente ao abandono ou aos malos coidados dos elementos verdes de árbores ou arbustos, como acontece no Teixo dos Tenreiro, senón que tamén se perciben no mal arte desenvolvido por podadores e desramadores que provistos de podóns, serróns e frecuentemente de motoserras, se empeñan en desnaturalizar a estrutura natural de árbores e arbustos, transformándoos en espantallos vexetais. Un exemplo desta transformación atopámola noutro elemento leñoso incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (Decreto 67/2007), o denominado "Pradairo de Vilalba" (tamén designado como pradia ou pravia) que tras a súa inclusión no mencionado Catálogo, abandonou o seu porte natural para lucir unha estraña configuración permanente que pouco ten que ver co porte propio dunha árbore monumental.

Noutros casos o mal facer do "Ars topiaria" ten unha xustificación ambiental, vinculada coa necesidade de castigar a presenza temporal de bandadas de paxaros nas insostibles urbes. Na cidade amurallada as autoridades municipais emprendérona hai anos co estorniño europeo (Sturnus vulgaris), animal de vida gregaria que contribúe ao control de moitos insectos que poden constituír pragas para os cultivos. As bandadas de estorniños adoitaban pasar a noite en áreas urbanas, xerando ruído e uns molestos excrementos para o devir dos urbanitas. Para remedialo procedeuse a desramar de xeito irracional as vellas árbores que empregaban os Sturnus nas súas convivencias nocturnas, pensando que con esta acción os paxaros buscarían un lugar máis civilizado para descansar. O resultado é unha paisaxe terrorífica con copas reducidas a tocos que dirixidos cara ao ceo claman piedade ante o cruel castigo, á vez que advirten aos Sturnus que a súa presenza non é ben acollida na urbe.
 

Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader Ibader