Banco de Datos

A Rede Natura 2000

Manual de Hábitats de Galicia.

A Rede Natura 2000

Un dos obxectivos máis ambiciosos da Directiva 92/43/CEE é a creación dunha rede ecolóxica coherente, a Rede Natura 2000, formada polos lugares declarados en conformidade coa Directiva 79/409/CEE, como Zonas de Especial Protección para as Aves ZEPA (Special Protection Area SPA), así como daquelas designadas para a conservación dos hábitats do Anexo I e das especies de flora e fauna silvestre do Anexo II da propia Directiva 92/43/CEE, designadas na súa fase inicial como Lugares de Importancia Comunitaria LIC (Sites of Community Importance SCI), e na súa fase final como Zona Especial de Conservación ZEC (Special Area of Conservation SAC).

A designación dun territorio como ZEPA realízase tras a avaliación da importancia do lugar para a conservación dos hábitats das aves (artigo 4 da Directiva 79/409/CEE), incluídas no anexo I da Directiva Aves, e consta unicamente dunha etapa. Isto implica que os lugares designados como ZEPA se integran directamente na rede Natura 2000. No ámbito normativo español, son as Comunidades Autónomas as que declaran as ZEPA (Lei 42/2007).

En Galicia a declaración de ZEPA iníciase no ano 1988, coa de Illas Cíes, finalizando ata o momento coa publicación do Decreto 131/2008, de 19 de xuño do ano 2008 (DOG 124, 27/06/2008) mediante o cal se aprobaba declaración da ZEPA Pena Trevinca, en conformidade coa sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo que obrigaba a Galicia a ampliar a superficie incluida baixo a figura de ZEPA. Deste xeito, engadíase esta ás 14 creadas ata o momento en Galicia, ascendendo o total de ZEPA galegas a un total de 15.

No tocante á designación dos LIC e ZEC, o artigo 4 da Directiva 92/43/CEE deseña un protocolo que inclúe tres etapas.

A primeira etapa consistiu na elaboración por parte das Comunidades Autónomas dunha lista provisional de lugares co fin de ser designados como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC). A elaboración das listas autonómicas foi realizada de acordo cos requirimentos técnicos establecidos no Anexo III da DC 92/43/CEE, e a partir da información científico-técnica dispoñible en cada territorio. Para cada unha das Rexións Bioxeográficas, propóñense un conxunto de áreas concretas, designadas como pLIC (pSCI = proposed Site of Community Importance) que engloban tipos de hábitats naturais enumerados no Anexo I da DC 92/43/CEE, e tipos de hábitats de especies autóctonas de flora e fauna, enumeradas no Anexo II da mencionada normativa.



No ano 1999 finaliza a selección da primeira proposta de lugares seleccionados para formar parte da Rede Europea Natura 2000 nas rexións bioxeográficas Atlántica e Mediterránea (Orde da Consellería de Medio Ambiente de 28/10/1999. DOG 216, 9/11/1999). Esta proposta inicial de Lugares de Importancia Comunitaria foi sometida a avaliación polos equipos técnicos da Dirección Xeral de Medio da Comisión Europea, solicitándose información adicional sobre os espazos propostos, así como formulando a necesidade de incrementar os existentes ou crear novos espazos, co fin de garantir o cumprimento dos obxectivos establecidos pola DC 92/43/CEE.

Como consecuencia, a Xunta de Galicia adecúa a proposta inicial LIC, ampliando a mesma. A nova proposta foi aprobada no ano 2001 (Orde da Consellería de Medio Ambiente de 7/07/2001. DOG 118, 19/06/2001). Unha nova adecuación da proposta de Lugares de Importancia Comunitaria é realizada no ano 2003 pola Xunta de Galicia (Orde da Consellería de Medio Ambiente de 9/06/2003. DOG 115, 16/06/2003).

No ano 2003, a Xunta de Galicia realiza unha nova adecuación da proposta de Lugares de Importancia Comunitaria (pLIC), outorgando aos espazos resultantes a condición de Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral, a semellanza do establecido nas anteriores modificacións (Orde do 9 de xuño pola que se declaran provisionalmente as zonas propostas para á súa inclusión en Rede Europea Natura 2000, como Espazos Naturais en Réxime de Protección Xeral. DOG 115, 16/06/2003).



Na segunda etapa a Unión Europea aproba os diferentes listados de Lugares de Importancia Comunitaria de común acordo cos Estados Membros. Esta fase iníciase no ano 2002, co listado da Rexión Bioxeográfica Macaronésica, mentres que os listados das rexións bioxeográficas definidas para o territorio galego foron aprobados a continuación, a Rexión Bioxeográfica Atlántica no ano 2004 (Decisión da Comisión de 7/12/2004. DOUE, 29/12/2004) e a Rexión Bioxeográfica Mediterránea no ano 2006 (Decisión da Comisión de 19/07/2006. DOUE 21/9/2006).



Segundo os datos achegados pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea a finais do ano 2006, a Rede Natura 2000 esta conformada por máis de 25.000 lugares, que representan o 20% da superficie da Unión Europea (EUR25). Incluíndo 4.540 ZEPA, cunha superficie de 444.368 Km2, estando representado en 480 ZEPA medios mariños, que representan unha superficie de 64.754 Km2. En canto aos LIC, o seu número ascende a 20.789, que engloban unha superficie de 559.082 Km2, estando representados os medios mariños en 1.240 LIC, abranguendo unha superficie de 77.784 Km2.



A lista actual, de Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) de Galicia, esta conformada por 10 LIC pertencentes á Rexión Bioxeográfica Mediterránea e 55 LIC pertencentes á Rexión Bioxeográfica Atlántica. Seis dos LIC posúen territorios emprazados tanto na Rexión Atlántica como na Mediterránea (Os Ancares – O Courel, Canón do Sil, Río Cabe, Veiga de Ponteliñares, Baixa Limia, Macizo Central e Río Támega), de acordo coa delimitación clásica de ambas as dúas unidades bioxeográficas establecidas por Rivas-Martínez (1987) e adaptada por a DG XI da Comisión Europea. En consecuencia, o número de espazos que conforman na actualidade a Rede Natura 2000 de Galicia é de 59 LIC aos que habería que unir as 15 ZEPA.

O espazo continental (medios terrestres e medios de transición) das 15 ZEPA establecidas en Galicia, coincide co delimitado para os LIC. Soamente unha pequena fracción do espazo mariño (ecosistemas de augas mariñas próximas á costa), delimitado polas ZEPA, carece de correspondencia co dos LIC.

A terceira etapa, establecida no articulo 4.2 da DC 92/43/CEE consiste na designación dos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) como Zona Especial de Conservación (ZEC). No artigo 1, letra l, da Directiva defínese a ZEC como un Lugar de Importancia Comunitaria designado por los Estados miembros mediante un acto reglamentario, administrativo y/o contractual, en el cual se apliquen las medidas de conservación necesarias para el mantenimiento o el restablecimiento, en un estado de conservación favorable, de los hábitats naturales y/o de las poblaciones de las especies para las cuales se haya designado el lugar”.

O artigo 4.4, da Directiva Hábitat dispón que, unha vez elixido un Lugar de Importancia Comunitaria conforme ao procedemento regulado no apartado 2 desta mesma disposición, o Estado membro (as Comunidades Autónomas segundo o disposto no artigo 5 do RD 1997/1995) de que se trate dará ao devandito lugar a designación de ZEC o máis rapidamente posible e como máximo nun prazo de seis anos, fixando as prioridades en función da importancia dos lugares, para o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dun tipo de hábitat natural dos do Anexo I ou dunha especie das do Anexo II e para a coherencia de Natura 2000, así como en función das ameazas de deterioración e destrución que pesen sobre eles.