Banco de Datos

Fichas de Hábitats

Manual de Hábitats de Galicia.

Fichas Descriptivas dos Hábitats de Interese Comunitario

A Directiva Comunitaria 92/43/CEE do Consello,do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (Directiva Hábitat), establece a implantación dunha rede ecolóxica europea coherente de espazos protexidos, denominada Rede Natura 2000, representativa de todos os ecosistemas europeos e que permita a súa conservación. A devandita Rede inclúe a designación, polos diferentes países da Unión Europea, dunhas Zonas especiais de conservación e dunhas Zonas de especial protección para as aves de acordo coa Directiva 79/409/CEE (Directiva Aves), as cales deberán albergar hábitats e especies de interese comunitario, de forma que se asegure un estado de conservación favorable e un mantemento da súa función para a conservación. Estas áreas, previamente a que se faga efectiva a Rede Natura, son coñecidas como Lugares de Importancia Comunitaria, mentres que unha vez que a devandita Rede sexa aprobada pasarán a denominarse Zonas de Especial Conservación.

De acordo coa referida Directiva, establécese no seu artigo primeiro unha nova base xurídica relativa aos hábitats, para o que define como Conservación ”un conxunto de medidas necesarias para manter ou restablecer os hábitats naturais e as poboacións de especies de fauna e de flora silvestres nun estado favorable conforme ás letras e) e i)", mentres que considera "hábitats naturais" a "zonas terrestres ou acuáticas diferenciadas polas súas características xeográficas, abióticas e bióticas, tanto se son enteiramente naturais como seminaturais", entre os que define como os "hábitats naturais de interese comunitario", os que no territorio da Unión Europea se atopan ameazados de desaparición na súa área de distribución natural; ou ben; presentan unha área de distribución natural reducida a causa da súa regresión ou debido á súa área intrinsecamente restrinxida; ou ben constitúen exemplos representativos de características típicas dunha ou de varias das nove rexións bioxeográficas seguintes: alpina, atlántica, boreal, continental, estépica, macaronesia, do Mar Negro, mediterránea e panónica”.

A DC 92/43/CEE describe entre os hábitats de interese comunitario, os “tipos de hábitats naturais prioritarios” como tipos de hábitats naturais ameazados de desaparición presentes no territorio considerado no artigo 2, cuxa conservación supón unha especial responsabilidade para a Comunidade, habida conta da importancia da proporción da súa área de distribución natural incluída no territorio considerado no artigo 2. Estes tipos de hábitats naturais prioritarios sinálanse cun asterisco (*) no Anexo I".

Co fin de aplicar a Directiva Hábitat é indispensable mellorar os coñecementos científicos e técnicos existentes. A tal fin, a Unión Europea, o estado español e a Xunta de Galicia veñen desenvolvendo proxectos científicos de innovación e promovendo iniciativas mediante convocatorias públicas de investigación, desenvolvemento e innovación, como o instrumento LIFE. Paralelamente a estes traballos e de forma complementaria, múltiples estudios foron realizados co gallo de afondar no coñecemento científico dos hábitats naturais do territorio galego e as súas características biocenóticas.

A nivel europeo a información derivada destes proxectos de innovación científica é recompilada pola Axencia Ambiental Europea (EEA), organismo da Unión Europea que ten como misión facilitar na toma de decisións informadas sobre a mellora do medio ambiente, integrando consideracións medioambientais nas políticas económicas, en aras da sostibilidade. Por outra banda, coordinan a Rede europea de información e observación do medio ambiente (EIONET). Mediante a rede EIONET intégrase e organízanse o conxunto de datos recibidos polos países membros da Unión Europea, ao mesmo tempo que se desenvolve e difunde a información ambiental, avaliando os datos recollidos e producindo informes básicos que apoien as políticas ambientais europeas e a participación pública. A información relativa ás especies silvestres, hábitats naturais e lugares da Rede Natura 2000 a nivel europeo poden atoparse na base de datos de EUNIS, pertencente a rede EIONET.

No ámbito estatal, é o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño o encargado de recompilar a información xerada en relación aos hábitats de interese comunitario, para o que entre outras ferramentas desenvolveu o Banco de Datos da Biodiversidade. En Galicia, esta labor é efectuada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, neste sentido, o recentemente creado Sistema de información Territorial e da Biodiversidade de Galicia (SITEB) incorpora unha boa parte da información da biodiversidade de Galicia e relativa á Rede Natura 2000, incluíndo aqueles hábitats de interese comunitario presentes no territorio galego

Mediante este documento, enmarcado nas accións de innovación científicas propiciadas pola Directiva Hábitat, téntase englobar a información existente relativa aos hábitats de interese comunitario, adecuándoa ao territorio galego e integrando tanto información xeográfica, xeolóxica, botánica como zoolóxica. Neste traballo considéranse, do mesmo modo, os usos e actividades aos que están sometidos os hábitats de interese comunitario en Galicia, que poidan dificultar o seu mantemento nun estado de conservación favorable.

A información relativa aos tipos de hábitats de interese comunitario presentes no ámbito territorial galego, preséntase neste documento en forma de fichas descritivas, estruturadas estas nos diferentes grupos e subgrupos definidos pola Unión Europea na Directiva Hábitat. Cada ficha conta con catro bloques temáticos.