Banco de Datos

Diagnose

Manual de Hábitats de Galicia.

Diagnose e interpretación dos hábitats

A confección do Anexo I da DC 92/43/CEE baseouse inicialmente na clasificación xerárquica europea de hábitats desenvolvida a través do proxecto CORINE Biotopes Manual. En agosto de 1989, un borrador que contiña a proposta inicial de hábitats do Anexo I foi elaborado como documento de traballo polo profesor A. Noirfalise e remitido aos expertos nacionais durante o proceso de redacción da Directiva. Despois de numerosas reunións cos comités nacionais de expertos, que tiveron lugar entre 1989 e 1991, deuse por finalizada a fase de revisión do Anexo I, culminando o proceso coa publicación do texto definitivo da Directiva no Diario Oficial en Maio de 1992.

En decembro de 1991, cando a Directiva estaba a punto de ser aprobada, foi publicada unha revisión da clasificación CORINE, na que se introducían numerosos cambios nos códigos e tipoloxía de hábitats que afectaban á súa xerarquía, en concreto introducindo "subtipos". Non obstante, estas modificacións non foron incorporadas na codificación das categorías da Directiva polo que, consecuentemente, os códigos do Anexo I non presentaban unha correspondencia plena cos das descricións contidas na clasificación CORINE, orixinando unha grande ambigüidade na interpretación do Anexo I.

Consciente destas dificultades, o Grupo Científico de Traballo, creado ao amparo do Comité Hábitats (establecido na Directiva 92/43/CEE), fixo pública a necesidade de preparar un manual para a correcta interpretación do Anexo I. Atendendo a unha proposta da Comisión, o Prof. Thanghe, da Universidade Libre de Bruxelas, encargouse da preparación dun borrador para este documento. Despois de varias reunións do Grupo Científico de Traballo, a Comisión acordou os seguintes puntos cos expertos nacionais:



En setembro de 1993, a Universidade Libre de Bruxelas finalizou o estudo relativo á interpretación dos hábitats prioritarios do Anexo I. Este estudo centrouse na redacción de oito follas descritivas nas que se recollían as contribucións orais e por escrito dos expertos nacionais. En cada unha delas recollíase a información sobre particularidades nacionais ou rexionais así como os tipos de hábitats asociados. O manual para a interpretación dos hábitat prioritarios do Anexo I da Directiva 92/43/CEE foi redactado pola Comisión (DG IX), baseado no estudo levado a cabo pola Universidade Libre de Bruxelas, as contribucións dos expertos nacionais e a clasificación CORINE Biotopes (versión de 1991) e aprobado polo Comité en Febreiro de 1994 (Documento Hábitats 94/3 Final).

Durante o procedemento de elaboración do manual de hábitats prioritarios, os expertos identificaron, ademais, un total de 36 hábitats non prioritarios nos que se atopaban problemas de interpretación. Para eles, a Universidade Libre de Bruxelas redactou un borrador de documento de interpretación que foi discutido nunha reunión do Grupo Científico de Traballo (decembro de 1994) e revisado posteriormente.

En abril de 1995, o Comité Hábitats aprobou a versión EUR12 do "Interpretation Manual of European Union Habitats", no que se incluían:




 O contido deste manual non tivo en consideración a adhesión de Austria, Finlandia e Suecia, que obrigou a incluír unha nova rexión bioxeográfica (rexión Boreal) na Directiva. Durante o proceso de incorporación destes novos Estados Membros solicitouse información sobre a incorporación de determinados hábitat prioritarios exclusivos ou presentes neles soamente. Coa finalidade de non atrasar a distribución deste manual, a Comisión decidiu publicar a versión final (EUR12) á vez que advertiu da preparación dunha segunda versión (EUR15) na que se incorporaría nova información (principalmente relativa á distribución de hábitats e subtipos rexionais).

A elaboración do manual EUR15 formulouse como unha actualización da versión EUR12, a través da incorporación de follas descritivas de 11 novos hábitats prioritarios achegados ao Anexo I cando se produciu a unión de Austria, Finlandia e Suecia á UE. Ademais achegáronse comentarios sobre outros hábitats do Anexo I presentes nos antigos Estados Membros, así como correccións e adicións de nova información.

A clasificación de CORINE de 1991 (Hábitats da Unión Europea) foi ampliada en 1993 á totalidade da rexión Paleártica, principalmente a través da inclusión da Clasificación Nórdica de Vexetación. Esta clasificación foi complementada en 1995 con textos descritivos, unidades fitosociolóxicas e referencias e a creación dunha base de datos (PHYSIS) sobre a que se sustentou a compilación de información efectuada. Para a versión EUR15 actualizáronse as definicións de todos aqueles tipos de hábitats descritos a partir de CORINE 1991 tendo en conta os datos incluídos en PHYSIS. Simultaneamente, substituíronse os códigos CORINE polos da "clasificación Paleártica". Ademais, estableceuse que, nos casos de ambigüidade entre as definicións contidas neste manual e CORINE, a Clasificación Paleártica ou PHYSIS, serían as que prevalecerían neste documento. Este traballo foi aprobado polo Comité Hábitats en setembro de 1996. Na súa segunda edición, aprobada en outubro de 1999, incluíronse correccións para a Rexión Boreal no Anexo I e unha nova distribución xeográfica dos hábitats que se incluíu na Lista de Referencia dos Tipos de Hábitats por Rexións Bioxeográficas.

Con motivo da adhesión de dez novos países á UE que tivo lugar en maio de 2004, adoptouse unha nova versión de manual de interpretación, EUR25, na que se inclúen descricións de hábitats novos e correccións sobre os xa existentes. Tras prolongadas discusións entre os Estados Membros, os países aspirantes e a Comisión Europea, o Comité Hábitats aceptou en marzo de 2002 a inclusión de 20 novos tipos de hábitats no Anexo I, así como as súas respectivas descricións. Ademais, acordouse incorporar un grupo de hábitats propostos inicialmente como novos polos países aspirantes como variantes doutros xa existentes, procedéndose a realizar as oportunas modificacións para recoller neste documento a distribución real dos hábitats na nova configuración da UE. Estas modificacións víronse plasmadas no marco do Tratado de Adhesión, asinado en abril de 2003 en Atenas, a través da publicación duns novos anexos.

As descricións dos hábitats contidas no documento EUR25 foron preparadas polo Centro Temático Europeo sobre Conservación e Biodiversidade utilizando principalmente a base de datos PHYSIS. Esta descrición foi comparada coa proporcionada polos países aspirantes e, no seu caso, modificada. En concreto, os listados de plantas son, polo xeral, unha compilación de ambas as dúas fontes. Nun segundo paso, procedeuse a estudar as alegacións dos países aspirantes e os países membros, resultando as definicións que actualmente obran no devandito manual.

No apartado final da versión EUR25 do "Manual de Interpretación dos Hábitat da Unión Europea" faise fincapé que, aínda que determinados hábitats do Anexo I sexan cualificados a través de termos bioxeográficos, como mediterráneo, alpino, medio-europeo, etc., significando con iso a súa presenza máis probable, isto non exclúe a súa posibilidade de aparición noutras rexións bioxeográficas. De feito, estas presenzas illadas teñen unha grande importancia científica e un elevado valor de conservación. Do mesmo xeito, reitérase que os usuarios deste documento deben aplicar certa flexibilidade na súa interpretación, especialmente naqueles territorios nos que os hábitats están moi fragmentados e influenciados polas actividades humanas.

Durante o ano 2007 dous novos países incorpóranse á UE, Bulgaria e Rumanía. Con esta nova adhesión o manual de interpretación sufre outra modificación, publicándose a versión EUR27, na que se inclúen descricións de novos hábitats e se producen certas correccións sobre algúns dos existentes. En resumo engádense 13 novos hábitats son aceptados para incorporarse ao Anexo I da Directiva Hábitat, revisándose ademais as descricións de diversos hábitats mariños de acordo coas interpretacións adoptadas polo Comité Hábitats o 20 de novembro de 2006, publicadas estas en maio de 2007 baixo o título “Guidelines for the establishment of the Natura 2000 network in the marine environment. Application of the Habitats and Birds Directives”. Os hábitats mariños modificados foron os tipos Nat2000 1110 - Bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña, Nat2000 1170 – Arrecifes e Nat2000 1180 - Estruturas submarinas causadas por emisións de gases. A versión EUR27 do manual de interpretación dos hábitats é a última edición do mesmo.

A raíz da publicación do manual EUR15 e as seguintes actualizacións do mesmo, diversos países da UE elaboraron manuais de interpretación dos hábitats presentes nos seus territorios, constituíndo o caso de Francia unha referencia para outros estados do Sur de Europa, tanto polo tipo e calidade da información contida nos "Cahiers d 'habitats Natura 2000" (La Documentation française 2001, 2002, 2002, 2002, 2004, 2004, 2005), como pola presenza neste país dun elevado número de hábitats comúns a España, Portugal ou Italia. No caso de Portugal elaboraron xa no ano 1998 un manual de hábitats para o seu territorio (Alves et al. 1998) coordinado polo Instituto de Conservaçao da Natureza (ICN), á espera da publicación no ano 2009 dunha segunda edición (Alves et al. 2009). Para o Reino Unido existen varios documentos nos que se trata a identificación e descrición do hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE, o “EC Habitats Directive: a provisional atlas of Annex I habitats and Annex II species” (Buck & Wright 1995), a guía técnica para os hábitats prioritarios en Gales (Jones et al. 2003 ) ou a primeira clasificación dos diferentes tipos de vexetación no territorio británico, dentro do proxecto de Clasificación Nacional de Vexetación (NVC) (Rodwell 1991, 1992, 1995, 2000), para o que máis tarde elaborarían unha relación entre o Anexo I da Directiva Hábitat e a NVC (Jackson & McLeod 2000). Pola súa parte, Alemaña tamén elaborou un manual sobre a interpretación e distribución dos hábitats naturais do seu territorio en base as seguintes publicacións (Ssymank et al. 1998, Balzer et al. 2002, Balzer et al. 2004).

Nos devanditos manuais realízase unha descrición de cada un dos hábitats presentes seguindo os contidos dos manuais publicados pola Comisión Europea. así como unha serie de comentarios detallados relativos á variabilidade rexional, condicións ecolóxicas nas que atopa o hábitat, especies indicadoras, ameazas actuais, tendencias dinámicas e propostas de directrices de xestión a desenvolver nos Plans de Manexo que se vaian paulatinamente poñendo en práctica.

O estado español non foi alleo ao desenvolvemento de manuais ou guías de interpretación dos hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE. Dende o Proxecto do Inventario Nacional de Hábitats (Rivas-Martínez et al., 1993) e a súa revisión (Rivas-Martínez & Penas, 2003), elaboráronse documentos similares para diferentes ámbitos xeográficos. A nivel estatal cabe citar a guía básica dos hábitats de interese comunitario (Bartolomé et al. 2005), derivada do Inventario Nacional da Biodiversidade (Rivas-Martínez et al., 1993), mentres que a nivel autonómico recóllense múltiples iniciativas similares en diferentes Comunidades Autónomas (Consejería de Medio Ambiente de Andalucía 1997, Baraza 1999, Dirección de Política Ambiental del Gobierno de Canarias 2001, Laguna et al. 2003, Peralta 2005, Vigo et al. 2005, Escudero et al. 2008). En Galicia, o Sistema de Información Territorial e da Biodiversdade (SITEB), dependente da Xunta de Galicia, inclúe dende finais do ano 2008 as fichas relativas aos tipos de hábitats do Anexo I de Galicia, incorporando xunto a elas un visor cartográfico para a súa visualización e consulta.