Banco de Datos

Hábitats Mariños e Costeiros

Manual de Hábitats de Galicia.

Hábitats mariños, costeiros e vexetación halofítica

Dende unha perspectiva ecolóxica, entre o ecosistema mariño e o terrestre establécese unha sucesión de medios e tipos de hábitats de gran diversidade e complexidade ambiental que constitúen, ademais, unha fonte importante de recursos para o home. Os ambientes mariños adoitan diferenciarse en dúas grandes unidades, o dominio oceánico e o dominio litoral.
 
O dominio oceánico corresponde ás augas mariñas exteriores e profundas, situadas máis alá da plataforma continental. A posición xeográfica da plataforma continental difire en función das características xeomorfolóxicas de cada sector litoral, situándose habitualmente a uns 200 metros de profundidade e a 16-20 km da liña de costa.
 
O dominio litoral inclúe as augas mariñas situadas sobre a plataforma continental (zona da plataforma litoral ou nerítica), así como a área de influencia desta sobre o bordo continental emerxido (zona costeira). O dominio litoral caracterízase pola súa menor profundidade, a cal aumenta progresivamente dende o bordo continental ata o límite da plataforma. As augas litorais están máis influenciadas que as oceánicas polos ventos quentes e fríos procedentes das áreas continentais, recibindo ademais unha maior taxa de nutrientes. En consecuencia, a auga é máis turbia e con maior contido de fitoplancto.
 
O límite interno da zona litoral corresponde ao espazo costeiro, é dicir, a marxe que constitúe a interfase entre o espazo marítimo e o continental, no cal os procesos ecolóxicos que se desenvolven no espazo terrestre e o uso do propio espazo afectan directamente na ecoloxía do espazo litoral e viceversa. Para moitos autores, o espazo costeiro é un simple perímetro, unha demarcación entre o mar e a terra (liña de costa). Dende unha perspectiva funcional considérase como unha ampla e irregular ecotonía entre ambas as dúas unidades, no que os procesos de síntese, degradación e intercambio de materia e enerxía se producen de xeito intenso. O espazo costeiro esta suxeito a unha continua e vigorosa dinámica na súa configuración e delimitación que se manifesta a distintas escalas espazo-temporais.
 
En relación coa dinámica costeira establécense dous tipos de unidades. Nun primeiro lugar atopa a costa rochosa, na que se establece unha clara dominancia das formas verticais (acantilados, illotes, agullas rochosas) sobre as formas horizontais. En oposición ao anterior aparece a costa areosa e lamacenta, na que dominan as formas horizontais (praias, sistemas dunares, marismas) fronte ás verticais.

Unha segunda clasificación do litoral pode efectuarse considerando os procesos enerxéticos dominantes, e que van condicionar os tipos de hábitats e comunidades bióticas presentes en cada un deles.

Combinando espacialmente as unidades litorais poden recoñecerse dous grandes eixes na distribución dos ecosistemas. O primeiro deles discorre paralelo ao límite continental emerxido, englobando distintas unidades estruturais, a orixe das cales adoita responder á integración de múltiples factores: movementos tectónicos (oroxénicos e epioroxénicos), movementos isostáticos, movementos eustáticos, a acción de axentes xeodinámicos, etc., que determinan a presenza de tramos costeiros lineais, fronte a outros tramos semipechados (golfos, baías e rías).

O segundo eixe discorre perpendicularmente á beira, progresando cara ao espazo oceánico ao longo da plataforma, e en sentido oposto invade o territorio continental aproveitando a existencia de niveis deprimidos onde converxe, en moitos casos, coas augas continentais configurándose diversas unidades morfolóxicas e ecolóxicas de condicións claramente transicionais: lagoas costeiras, estuarios, marismas, etc. A análise dos medios e ecosistemas existentes ao longo deste segundo transecto leva á súa división en dous grandes dominios atendendo ás características bióticas e abióticas que se establecen na columna de auga (dominio peláxico) e no substrato litoral (dominio bentónico).

O dominio peláxico está formado polos organismos que viven no seo da masa de auga, con escasa ou ningunha conexión co fondo, xa sexa flotando na superficie (medusas), levados polas correntes (plancto) ou con capacidade para vencer a corrente e nadar (peixes).
 
O dominio bentónico está constituído por organismos fixos ou móbiles relacionados directamente co substrato litoral.
 
A división do dominio bentónico inclúe habitualmente cinco unidades, das cales tres corresponden exclusivamente á zona litoral e engloban diversos tipos de humidais mariños e costeiros. A zona supralitoral é a franxa costeira situada por enriba da preamar na que a acción directa das salpicaduras da ondada (tramo supralitoral inferior) ou das achegas do spray mariño (tramo supralitoral superior) condicionan a diversidade e estrutura das biocenoses. O tramo supralitoral inferior adoita quedar parcialmente somerxido durante as mareas máis altas do ano (mareas equinocciais) ou durante os temporais, mentres que o tramo superior non é alcanzado directamente pola auga mariña. No supralitoral habitan plantas e animais adaptados ás condicións peculiares que impoñen os continuos e intensos ventos, as achegas acuosas saturadas en sales e o tipo de substrato existente.
 
A zona intermareal (intertidal ou mesolitoral), atópase limitada entre as liñas de mareas altas e baixas. O substrato queda periodicamente inundado pola marea o que determina que os organismos se distribúan espacialmente en bandas horizontais, ou queden confinados en pequenos charcos durante a baixamar, segundo a adaptación de estes a unha serie de factores e cambios bruscos das condicións do seu ámbito, como poden ser: o desecamento, a temperatura, a salinidade, o movemento da auga, etc. A zona intermareal é rica en algas, moluscos, bivalvos e crustáceos. Moitas especies de aves e algúns mamíferos aliméntanse nesta zona, aproveitando a riqueza dos recursos de flora e fauna existentes.
 
A zona infralitoral, tamén designada como sublitoral. Emprázase por debaixo do nivel de baixamar, quedado cuberta de forma permanente por a augas mariñas. As comunidades desta zona están formadas por especies que permanecen sempre somerxidas, ou que emerxen raramente durante as máximas baixamares. O medio é máis estable e existe un maior número de especies, sendo as comunidades máis complexas.
 
A influencia do medio mariño sobre o ecosistema terrestre prolóngase máis alá do límite do supralitoral, influíndo directamente nas características bioclimáticas de vales fluviais, pequenas depresións e áreas de montaña que, en conxunto, definen a designada como zona sublitoral. O termo costeiro emprégase para referirse ao espazo xeográfico terrestre contiguo ao medio mariño litoral que abranguería, segundo distintos autores e disciplinas, a totalidade do medio supralitoral ou mesmo do sublitoral. Resulta non obstante máis frecuente, establecer o límite do espazo costeiro a partir de criterios xeográficos e paisaxísticos, ou mesmo combinando estes co tipo e grao de ocupación humana do territorio.
 
En relación cos hábitats do medio mariño, no Anexo I da DC 92/43/CEE inclúense unicamente tipos de hábitats pertencentes ao dominio litoral, e en concreto zonas ecolóxicas próximas á costa (Nat-2000 1110 Augas mariñas e medios de marea), así como á maior parte dos hábitats naturais e seminaturais que configuran o espazo costeiro.

 
Dentro do grupo de hábitats “Hábitats costeiros e vexetación halofítica”, o Anexo I da Directiva 92/43/CEE establece seis subgrupos: 11. Augas mariñas e medios mareais, 12. Cantís marítimos e praias de coídos, 13. Marismas e pasteiros salinos atlánticos e continentais, 14. Marismas e pasteiros salinos mediterráneos e termoatlánticos, 15. Estepas continentais halófilas e gipsófilas e 16. Arquipélagos, costas e superficies emerxidas do Báltico boreal. Das catro primeiras existen representacións dentro do territorio galego.
 
En xeral este grupo de hábitats está ben distribuído nos diferentes lugares costeiros da Rede Natura 2000 en Galicia, sendo os tipos Nat2000 1170 – Arrecifes, Nat2000 1210 - Vexetación anual sobre argazos, Nat2000 1230 - Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas, os que máis se repiten nos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e nas Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) do territorio galego. Os tres tipos descríbense nun total de 34 lugares diferentes. En sentido contrario, é dicir, os Hábitats costeiros e vexetación halofítica cuxa distribución é máis restrinxida na Rede Natura 2000 galega, atópanse os tipos Nat2000 1150* - Lagoas costeiras, unicamente presente en 9 LIC, e o Nat2000 1320 - Pasteiros de Spartina, atopándose en 11.
 
Polo que respecta á estimación da superficie dos diferentes hábitats de interese comunitario do grupo Hábitats costeiros e vexetación halofítica na Rede Natura 2000 en Galicia, sinalar que existen determinados hábitats nos que o cálculo da súa superficie resulta complexa, ao tratarse de hábitats relacionados con medios mariños, polo que a súa superficie foi omitida na figura correspondente. Nesta situación atoparíamos os tipos Nat2000 1110 – Bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña, Nat2000 1140 – Chairas lamacentas ou areosas non cubertos de auga na baixamar, Nat2000 1160 - Grandes calas e baías pouco fondas e o Nat2000 1170 – Arrecifes. No resto dos hábitats destacar a superficie do tipo Nat2000 1130 – Esteiros, que conta con máis de 7.000 ha, a continuación sitúase o Nat2000 1230 – Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas con máis de 2.000 ha, mentres que en terceiro lugar atópase o tipo Nat2000 1330 - Pasteiros halófilos atlánticos con ao redor de 1.000 ha. Ten moito interese facer referencia ao hábitat Nat2000 1150* - Lagoas costeiras, por ser o único tipificado como prioritario dentro deste grupo do Anexo I da DC 92/43/CEE, así como por presentar unha superficie bastante elevada, superando as 800 ha, tendo en conta a súa restrinxida distribución na Rede Natura 2000 en Galicia.
 
Os hábitats de interese comunitario cunha menor superficie na Rede Natura 2000 en Galicia e pertencentes ao grupo Hábitats costeiros e halofíticos son, por esta orde, os tipos Nat2000 1210 –  Vexetación anual sobre argazos, Nat2000 1220 – Vexetación perenne de coídos e o Nat2000 1310 – Vexetación anual pioneira con Salicornia de zonas lamacentas ou areosas, que en ningún caso superan as 40 ha de superficie da Rede Natura 2000.
 
O hábitat Nat2000 1220 – Vexetación perenne de coídos é, atendendo á información existente na Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA), exclusivo no territorio galego dentro da Península Ibérica. A súa distribución nos lugares da Rede Natura 2000 galega é relativamente elevada, localizándose en 15 LIC e 8 ZEPA, o que contrasta coa superficie que ocupa nestes espazos, ao redor de 30 ha.





AUGAS MARIÑAS E MEDIOS DE MAREA

A grande variedade de morfoloxías costeiras existentes en Galicia favorece a diversidade de hábitats relativos ás augas mariñas e a zona intermareal. Isto explica a presenza no territorio galego de seis dos oito tipos de hábitats que aparecen recollidos no Anexo I da Directiva 92/43/CEE. As categorías non representadas son un tipo de hábitat exclusivo das augas mediterráneas (Nat200 1120* - Pradarías de Posidonia (Posidonion oceanicae) e outro vinculado a zonas submarinas, máis ou menos profundas, próximas a áreas de actividade volcánica ou tectónica (Nat2000 1180 - Estruturas submarinas causadas por emisións de gases).



As de augas mariñas pouco profundas corresponden a diversos tramos de baías, estreitos, enseadas e rías afastadas da franxa costeira e cuxos leitos se atopan permanentemente cubertos por augas mariñas. As augas peláxicas e o medio bentónico albergan unha grande diversidade de especies que son o sustento dunha importante actividade pesqueira. A maior parte das especies vexetais que compoñen o medio bentónico permanecen ancoradas á superficie, necesidade imposta pola extrema ondada e as correntes, condicións ás que estas especies responden por medio de adaptacións morfolóxicas e fisiolóxicas, ao mesmo tempo que actúan como obstáculos que facilitan a deposición e acumulación de sedimentos na franxa sublitoral.

Os leitos mariños situados en zonas protexidas desempeñan o papel de refuxio para a fauna mariña atraídos pola oportunidade de obter alimento e protección.

As algas que caracterizan esta franxa sublitoral son as laminarias (Laminaria hyperborea, L. saccharina), grandes algas pardas, robustas e fortemente fixadas ao substrato. As pradarías de fanerógamas están dominadas por formacións de Zostera, que aparecen colonizando os fondos areosos e limosos das franxas sublitoral e intermareal, en profundidades que alcanzan os 4-5 m, se ben chegan ó seu máximo desenvolvemento en cotas entre 0,5-1,5 m. Constitúen unha fonte importante de alimento para un amplo espectro de invertebrados, peixes, mamíferos e aves.

O termo estuario, ou esteiro, deriva do latín aestuarium e este de aestus, "a marea”, e emprégase para referirse ás canles fluviais condicionadas pola dinámica mareal que provoca diariamente a mestura de auga mariña e fluvial, así como o ciclo exondación-inundación do seu leito, determinando a presenza de hábitats acuáticos característicos. Habitualmente identificáronse as rías como un tipo especial de estuario, aínda que non todas elas teñen unha orixe na inundación dunha canle fluvial.

As lagoas costeiras están orixinadas a partir dos complexos praia-barreira formados na zona externa e fronte da costa e que separan os corpos de auga das zonas de mar adxacente. A súa formación está vinculada coa transgresión holocénica mariña, a cal arrastrou grande cantidade de sedimentos areosos que foron depositándose nas frontes costeiras e nas marxes das rías en forma de praias, de forma que constituíron elementos de separación de masas de auga que, con posterioridade, quedaron illadas do mar e da súa acción erosiva.

A comunicación entre a lagoa e o mar prodúcese a través dunha canle ou "inlet" que, en ocasións, pode non existir. Exemplos de lagoas costeiras parcialmente pechadas son Caldebarcos, Carnota e Carregal, mentres que como exemplos de lagoas costeiras pechadas, con comunicación efémera, atopan Xuño, Louro, Traba, Doniños e Valdoviño. Os procesos físicos que dominan estas lagoas son principalmente o réxime de ondas, a deriva litoral e o vento como axente de transporte de material areoso. Ao mesmo tempo que as barras areosas litorais pechan espazos, favorécese o desenvolvemento da lagoa. A achega de auga procede dos ríos que desembocan na lagoa, por infiltración de auga a través do sistema de praia barreira, por achegas pluviais, ou de auga mariña, no caso das lagoas parcialmente pechadas.

As lagoas costeiras constitúen humidais formados por augas estancadas de salinidade e profundidade variables. A vexetación característica pertence ás clases Ruppietea maritimae, Potametea, Zosteretea e Charetea e respecto á fauna abundan poliquetos, moluscos, crustáceos e diversas especies de vertebrados.


CANTÍS MARÍTIMOS E DE COÍDOS
 
A sinuosidade de grande parte das costas de Galicia favorece a presenza dunha grande variedade de hábitat ligados a formas litorais dominadas por cantís e praias de elementos groseiros (cantos, coídos) formadas aos seus pés. Como no caso anterior, esta diversidade se recoñece na presenza en Galicia de tres dos cinco tipos de hábitats que figuran no Anexo I a Directiva 92/43/CEE: Nat2000 1210 - Vexetación anual sobre argazos, Nat2000 1220 - Vexetación perenne de coídos, Nat2000 1230 - Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas. Con respecto ao tipo de hábitat Nat2000 1240 - Cantís con vexetación das costas mediterráneas con Limonium spp. endémicos, podería argumentarse a súa presenza en Galicia fundamentada na existencia nos cantís atlánticos de Galicia dalgunha comunidade vexetal de distribución fundamentalmente mediterránea na que, por outra parte non son frecuentes os Limonium endémicos. Dado que os devanditos casos se integran dentro de complexos de vexetación de filiación claramente atlántica non se recoñeceu a súa presenza. O outro tipo de hábitat restante (Nat2000 - 1250 Cantís con vexetación endémica das costas macaronésicas) non está presente por causas xeográficas.




MARISMAS E PASTEIROS SALINOS ATLÁNTICOS E CONTINENTAIS

No ámbito da Rexión Bioxeográfica Atlántica, os ecosistemas palustres de medios mariños, as marismas, e aqueles de carácter continentais de augas salinas, tipifícanse no Anexo I da Directiva 92/43/CEE dentro do subgrupo 13. Marismas e pasteiros salinos atlánticos e continentais, no que se inclúen 4 tipos de hábitats (3 vinculados con augas mariñas e 1 con augas continentais), dos cales soamente os mariños teñen representación no territorio galego. Nat2000 1310 - Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosas, Nat2000 1320 - Pasteiros de Spartina (Spartinion maritimi) e Nat2000 1330 -Pasteiros halófilos atlánticos (Glauco-Puccinellietalia maritimae).

As marismas son ambientes sedimentarios con inundación mareal asociados a ambientes estuarinos e localizadas na zona de contacto das augas mariñas e fluviais, áreas nas que se produce a acumulación de grandes cantidades de sedimentos lamacentos, que son colonizadas pola vexetación halófila que emerxen por riba do nivel de preamar orixinando rasas. A pesar de estar estreitamente relacionada coa existencia de estuarios, non están unicamente relacionadas con estes, podendo aparecer pequenas áreas de marismas vinculadas a golfos, baías pechadas, ou mesmo no seo de sistemas praia-barreira asociadas a medios lacunares.

De acordo co Manual EUR/25 e coa última proposta sintaxonómica de Galicia (cf. Izco et al. 2000), débense incluír dentro do tipo Nat 2000 1330 - Pasteiros halófilos atlánticos (Glauco-Puccinellietalia maritimae) a totalidade de formacións herbáceas halófilas dominadas por xuncáceas e gramíneas (xunqueiras) instaladas sobre sedimentos das marismas. Este criterio difire do adoptado no Inventario dos Humidais de Galicia (Ramil & Izco, 2003), documento no que se considerou a posibilidade de adscribir este tipo de hábitat a dous tipos de hábitats da Directiva 92/43/CEE, o tipo Nat-2000 1330 comentado e o tipo Nat-2000 1410, pertencente ao subgrupo de hábitats vinculados con Marismas e pasteiros salinos mediterráneos e termoatlánticos.

MARISMAS E PASTEIROS SALINOS MEDITERRÁNEOS E TERMOATLÁNTICOS

O subgrupo 14. Marismas e pasteiros salinos mediterráneos e termoatlánticos do Anexo I inclúe tipos de hábitats propios de marismas costeiras situadas nos territorios termoatlánticos e mediterráneos, entre os cales o tipo Nat-2000 1420 - Matogueiras halófilas mediterráneas e termoatlánticas (Sarcocornetea fruticosi), presenta unha ampla distribución nas marismas galegas, en especial no tramo das Rías Baixas, de maior termicidade. Como xa se comentou, débese excluír a presenza no territorio galego do tipo Nat-2000 1410 - Pasteiros salinos mediterráneos (Juncetalia maritimi).


 
FICHAS HÁBITATS
1110
Bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña pouco profunda.
1130
Esteiros
1140
Chairas lamacentas ou areosas non cubertas pola auga na baixamar.
1150*
Lagoas costeiras
1160
Grandes calas e baías pouco fondas.
1170
Arrecifes
1210
Vexetación anual sobre argazos
1220
Vexetación perenne sobre coídos
1230
Cantís con vexetación  das costas atlánticas e bálticas.
1310
Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosas.
1320
Pasteiros de Spartina (Spartinion maritimi)
1330
Pasteiros halófilos atlánticos
1420
Matogueiras halófilas mediterráneas e termoatlánticas.(Sarcocornetea fruticosi)