Banco de Datos

Dunas

Manual de Hábitats de Galicia.

Dunas marítimas e continentais

A grande lonxitude do litoral europeo e a súa exposición a ventos dominantes de compoñente W favorece a formación de complexos dunares de morfoloxía e extensión moi variables. Como a maioría deles se forman en tramos costeiros de relevo suave, en moitas ocasións serviron como lugar de fundación de asentamentos humanos xa dende épocas prehistóricas. En épocas recentes, a súa eliminación ou modificación ambiental grave continuou ata o punto de que grande parte deles desapareceron, principalmente nas áreas de atracción turística, como é o caso de diversos tramos das costas mediterráneas.
 
Aínda que quizais menos coñecidos, tamén existen campos de dunas no interior do continente europeo (depósitos de loess), formados durante as fases frías do Pleistoceno, cando grande parte de Europa se achaba cuberta por extensos mantos de xeo. As peculiares condicións da súa formación unidas ao feito de que conteñen unha valiosa información paleoambiental convérteos nun tipo de formación xeolóxica de gran valor. Ademais, dende o punto de vista ecolóxico os devanditos depósitos constitúen o biótopo de comunidades vexetais e especies de flora e fauna peculiares, en certa medida emparentadas coas dunas costeiras. A pesar de todo iso, na Europa continental foi frecuente o aproveitamento deste tipo de complexos dunares para a obtención de áridos para a construción, polo que algúns se atopan nunha situación precaria de conservación.
 
Consciente de toda esta problemática, incluíuse no Anexo I da Directiva 92/43/CEE un apartado específico dedicado aos complexos dunares litorais e interiores. No territorio galego soamente están representados os casos litorais, dado que non existen, a diferencia doutras áreas peninsulares ou centroeuropeas, depósitos dunares interiores. Dentro deste grande grupo de hábitats a Directiva establece tres grandes subgrupos, 21. Dunas marítimas das costas atlánticas, do mar do Norte e do Báltico, 22. Dunas marítimas das costas mediterráneas e 23. Dunas continentais, antigas e descalcificadas, dos que soamente os dous primeiros están presentes en Galicia.
 

As dunas marítimas están formadas pola acumulación dos materiais areosos e bioxénicos arrastrados polas correntes mariñas ata a liña de costa, onde a diminución da enerxía da ondada favorece a súa deposición e acumulación, dando lugar ás praias de area. Paralelamente, a acción modeladora e de transporte do vento distribúeos en dirección ao continente, conformando o sistema dunar que se sitúa por detrás da praia.

Ao igual que nos outros hábitats costeiros, as praias presentan unha sectorización determinada pola dinámica mareal e que determina o seu grao de humectación e inundación, diferenciándose tres zonas: unha máis externa, permanentemente inundada e sometida ás forzas de turbulencia; unha segunda de anchura variable comprendida entre os niveis de baixamar e marea alta, que permanece húmida a maior parte do tempo; e unha terceira situada na parte máis interna e elevada da praia, unicamente alcanzada pola auga durante as mareas extremas e os temporais, que establece a transición cara ao sistema dunar.

A sectorización do sistema dunar para a costa cantabro-atlántica establece catro entidades xerodunares dispostas normalmente ao longo dun eixe perpendicular á liña de costa: duna embrionaria e pé de duna, cordón principal de duna primaria e secundaria, duna estabilizada terciaria aforestal e duna estabilizada forestal, cada unha delas cunha flora e vexetación particulares.

A duna embrionaria (Nat2000 2110), sitúase en contacto directo coa parte máis elevada da praia, é a máis rica en sales solubles e a flora característica (Cakile maritima, Atriplex prostata, Euphorbia peplis, etc.) aparece especialmente adaptada á alta salinidade existente e á inestabilidade do substrato.

Por detrás fórmase a crista da duna ou Duna Primaria (Nat2000 2120), colonizada por gramíneas rizomatosas (Elymus farctus, Ammophila arenaria) que desempeñan un papel crucial como fixadores da area. Cara ao interior do continente as condicións de estabilidade do substrato e a diminución da salinidade posibilitan o asentamento dun maior elenco de especies, incrementándose o contido en materia orgánica no chan dunar que adquire unha coloración gris característica que dá nome á Duna costeira fixa con Vexetación Herbácea (“dunas grises”) (Nat2000 2130 *) con especies características como Iberis procumbens, Armeria pungens, Artemisia crithmifolia, Scrophularia frutescens, Helichrysum picardii, Silene littorea, etc.

Nas áreas dunares nas que o substrato atopa máis empobrecido en sales e con menor contido en carbonatos poden desenvolverse especies arbóreas, como a sobreira (Quercus suber), o érbedo (Arbutus unedo) ou o loureiro (Laurus nobilis). Por outra banda, no interior das dunas poden existir zonas que se manteñen permanentemente húmidas en profundidade grazas a achegas freáticas de auga mariña ou continental, favorecendo a aparición de especies higrófilas como Juncus acutus, Scirpus holoschoenus, Thypha latifolia e formacións arboradas de Salix spp., entre outras, sobre solos de texturas areosas e con certo contido en materia orgánica. Este hábitat atópase tipificado no Anexo I como Depresións Intradunares Húmidas (Nat2000: 2190).


No relativo á distribución na Rede Natura 2000 dos hábitats pertencentes ao grupo Dunas marítimas e continentais, os tipos Nat2000 2110 – Dunas móbiles embrionarias e Nat2000 2120 – Dunas móbiles litorais con Ammophila arenaria ("dunas brancas") son os se repiten en máis lugares da Rede Natura 2000, en concreto e para ambos tipos de hábitats, están descritos en 21 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 11 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Centrándose nos hábitats tipificados como prioritarios do Anexo I da DC 92/43/CEE, os tipos Nat2000 2130* – Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea ("dunas grises") e Nat2000 2150* – Dunas fixas descalcificadas atlánticas (Calluno-Ulicetea), débese facer constar a disparidade existente en canto á súa distribución na Rede Natura 2000 en Galicia. No primeiro caso (Nat2000 2130*) é posible atopar ao hábitat nun total de 18 LIC e 9 ZEPA, mentres que o segundo (Nat2000 2150*) posúe unha distribución máis restrinxida, localizándose unicamente en 9 LIC e 6 ZEPA.

En canto aos hábitats do subgrupo dunas continentais, presentan unha distribución reducida entre os lugares da Rede Natura 2000. Neste sentido o tipo Nat2000 2260 – Dunas con vexetación esclerófila do Cisto-Lavanduletalia é o que mostra unha menor frecuencia nos diferentes LIC e ZEPA en Galicia, con 8 e 6 lugares respectivamente.

A superficie ocupada polos diferentes hábitats do grupo Dunas marítimas e continentais na Rede Natura 2000 é certamente reducida en varios tipos, tanto nas dunas marítimas como nas continentais. Nos tipos de hábitats Nat2000 2110 – Dunas móbiles embrionarias, Nat2000 2230 – Dunas con céspedes de Malcomietalia e Nat2000 2260 – Dunas con vexetación esclerófila do Cisto-Lavanduletalia a superficie non supera as 50 ha. Destaca o tipo Nat2000 2230, presente unicamente na Rexión Bioxeográfica Atlántica en Portugal e Galicia, onde a súa superficie estimada é menor a 10 ha distribuída na súa maioría polo tramo litoral atlántico.

 Ten interese atender á superficie dos hábitats tipificados como prioritarios dentro do grupo de Dunas marítimas e continentais, os tipos Nat2000 2130* – Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea ("dunas grises") e Nat2000 2150* – Dunas fixas descalcificadas atlánticas (Calluno-Ulicetea). Estes hábitats sitúanse en primeiro e segundo lugar respectivamente dentro da estimación da súa superficie na Rede Natura 2000 en Galicia, con ao redor de 1.800 ha no caso do Nat2000 2130* e sobre as 800 ha no tipo Nat2000 2150*.







DUNAS ATLÁNTICAS DO MAR DO NORTE E BÁLTICO

A gran lonxitude e complexidade da costa galega favorece a presenza dun grande número de complexos de dunas litorais, algúns deles de elevada importancia xeomorfolóxica no contexto ibérico, como as existentes no Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán. Na maior parte dos casos, estes complexos dunares albergan representacións de hábitats que están incluídos dentro do apartado 21. Dunas marítimas das costas atlánticas, do mar do Norte e do Báltico, como son os casos de Nat2000 2110 - Dunas móbiles embrionarias, Nat2000 2120 - Dunas móbiles litorais con Ammophila arenaria (dunas brancas), Nat2000 2130* - Dunas costeiras fixa con vexetación herbácea (dunas grises), Nat2000 2150* - Dunas fixas descalcificadas atlánticas (Calluno-Ulicetea) e Nat2000 2190 - Depresións intradunares húmidas.

A pesar de que dentro deste apartado do Anexo I da Directiva 92/43/CEE existe unha categoría de dunas arboradas das rexións atlántica, boreal e continental, non se consideran incluídos nel os sistemas de dunas costeiras estabilizadas por piñeirais de Pinus pinaster existentes en Galicia, xa que as devanditas formacións arboradas proceden de reforestacións recentes sobre antigas dunas grises ou matogueiras da Clase Calluno-Ulicetea desenvolvidas sobre dunas descalcificadas. Outras categorías que integran esta unidade non se consideran presentes en Galicia dado que a súa vexetación característica non está presente neste territorio ou por tratarse de tipos de hábitats que son exclusivos de determinadas áreas xeográficas.

DUNAS MARÍTIMAS DAS COSTAS MEDITERRÁNEAS

No apartado dedicado ás formacións dunares de carácter mediterráneo soamente se recoñeceu a presenza en Galicia de dous dos sete tipos de hábitats incluídos no Anexo I da Directiva 92/43/CEE: trátase dos tipos Nat2000 2230 - Dunas con céspedes do Malcomietalia e Nat2000 2260 - Dunas con vexetación esclerófila do Cisto-Lavanduletalia.
 


 
FICHAS HÁBITATS
2110
Dunas móbiles embrionarias
2120
Dunas móbiles litorais con Ammophila arenaria           (Dunas blancas)
2130*
Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea.
(Dunas grises)
2150*
Dunas fixas descalcificadas atlánticas
(Calluno-Ulicetea)
2190
Depresións intradunares húmidas
2230
Dunas con céspedes do Malcomietalia
2260
Dunas con vexetación esclerófila do
Cisto-Lavanduletalia