Banco de Datos

Hábitats de auga doce

Manual de Hábitats de Galicia.

Hábitats de Auga Doce

Na DC 92/43/CEE inclúense diversos tipos de hábitats de auga doce, xa que neles desenvolven preferentemente os seus ciclos vitais unha grande cantidade de animais e plantas que son exclusivos destes ambientes. Ademais, a maioría da auga potable que se consume nos países da UE provén da que circula por canles fluviais, polo que o seu mantemento en condicións fisicoquímicas saudables se considera fundamental.
 
Dentro do grande grupo de hábitats denominado "Hábitats de auga doce", o Anexo I da Directiva 92/43/CEE establece dous subgrupos, 31. Augas estancadas e 32. Augas correntes - tramos de cursos de auga con dinámica natural e semi natural (leitos menores, medios e maiores), nos que a calidade da auga non presenta alteracións significativas, ambos os dous con representacións dentro do territorio galego. Como se recoñece doadamente pola súa denominación, estes grupos formuláronse para discriminar os hábitats caracterizados pola presenza permanente ou estacional de augas non correntes no primeiro caso, dos hábitats asociados a cursos de auga permanente, polo xeral con flutuacións do nivel da auga máis ou menos importantes, no segundo. É importante destacar a condición relativa á calidade das augas que impón o texto da Directiva para considerar que un tramo fluvial determinado poida considerarse incluído nun dos tipos especificados no Anexo I, o que leva consigo a exclusión das canles cun elevado nivel de contaminación así como os tramos embalsados.

O hábitat de interese comunitario máis frecuente na Rede Natura 2000 de Galicia dentro do grupo Auga doce é o Nat 2000 3260 – Ríos de pisos de planicie a montano, distribuído en 57 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 13 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), é dicir só estaría ausente en 4 lugares Natura 2000 de Galicia, nos LIC Illas Estelas e Illas Cíes e nas ZEPA Illa de Ons e Illas Cíes. Este tipo de hábitat ten unha ampla distribución en toda a Rexión bioxeográfica Atlántica, Continental e Boreal europea, presentando en España unha discontinuidade apreciable entre Galicia e Francia, tal e como se deduce da información dispoñible na base de datos da Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA). A notable ausencia deste hábitat en gran parte do territorio do Principado de Asturias, Cantabria e País Vasco contrasta coa súa distribución no resto da Rexión Bioxeográfica Atlántica. Estas carencias, xa apuntadas en capítulos anteriores, poden deberse á inexistencia dunhas directrices comúns a nivel estatal na identificación de hábitats, o que leva a diverxencias interpretativas e malinterpretacións na identificación dos tipos de hábitats da DC 92/43/CEE.

Tras o hábitat Nat2000 3260, atoparíase o tipo Nat2000 3130 – Augas oligotróficas ou mesotróficas, como o segundo hábitat máis repartido no conxunto da Rede Natura 2000 de Galicia, presentándose en 22 LIC e 10 ZEPA.

Paradoxicamente, o grupo de Hábitats de auga doce conta con varios tipos de hábitat certamente singulares en Galicia, ao limitarse a súa presenza a un número moi reducido de lugares da Rede Natura 2000. Estes hábitats de interese comunitario son os tipos Nat2000 3120 – Augas oligotróficas (Isoetes spp.) e Nat2000 3140 – Augas oligomesotróficas calcáreas (Chara spp.), incluídos nun único LIC en todo o territorio galego. Ambos os dous tipos de hábitats atópanse no mesmo LIC, o Parga-Ladra-Támoga.

A superficie dos diferentes tipos de Hábitats de auga doce é en xeral reducida, sobre todo nos casos anteriormente citados (Nat2000 3120 e Nat2000 3140), con preto de 5 e 2 ha respectivamente. No entanto para o tipo Nat2000 3260 – Ríos de pisos de planicie a montano, estímase unha superficie maior de 4.000 ha dentro da Rede Natura 2000 en Galicia. Outros hábitats como os tipos Nat2000 3130 – Augas oligotróficas ou mesotróficas a e Nat2000 3160 – Lagos e charcas distróficos naturais mostran unha superficie relativamente elevada para hábitats de augas estancadas, loxicamente non comparable coa do hábitat Nat2000 3260.





AUGAS ESTANCADAS

Os sistemas lacunares ou sistemas de "augas estancadas" poden considerarse, dende un punto de vista hidrolóxico, como depresións continentais ocupadas de forma permanente ou temporal pola auga. A escala xeolóxica son sistemas transitorios, xa que a súa duración é en xeral relativamente breve, inferior a 100.000 anos, pois tenden a ser substituídos por medios turfófilos e higrófilos ou por medios non húmidos como consecuencia da dinámica morfoxenética ou climática da área onde se sitúan.

Os ecosistemas lacustres tiveron en Galicia unha maior representación noutros períodos xeolóxicos, configurándose durante o Terciario grandes superficies lacunares no seo das amplas depresións sedimentarias encravadas na actualidade na Galicia media (Terra Chá, A Limia, Maceda) e en menor medida na rexión litoral (Anllóns, Louro, Masma, Ouro, Ás Pontes). Hai 50.000 anos nas áreas próximas ao litoral aínda permanecían importantes sistemas lacunares, asociados a extensas turbeiras, que foron desaparecendo progresivamente co inicio do último período glaciar do Cuaternario (25.000 -17.000 anos). O fin do último ciclo glaciar marcou unha reactivación dos medios lacunares, asociados agora ás áreas de alta montaña, onde a actividade glaciar favoreceu a formación de cubetas nas que se acumulou a auga do desxeo. O requentamento climático do Holoceno, iniciado hai aproximadamente 10.000 anos, produciu unha redución considerable das achegas hídricas, propiciando unha redución da temporalidade da inundación nos medios lacunares formados durante a etapa final dos tempos glaciares ou a súa transformación progresiva en medios turfófilos.

O coñecemento da orixe dos sistemas lacustres ten un grande interese, non só dende o ámbito xeolóxico, se non dende o biolóxico ao condicionar a especialización e distribución de moitas das especies que configuran as biocenoses que albergan as súas augas. Neste sentido, Galicia non pode considerarse como un país de grandes e profundos lagos, pero a permanencia temporal destes ao longo do Cenozoico foi moi superior á doutras áreas da Península Ibérica, o cal xogou un papel importantísimo na riqueza das súas comunidades lacunares, sendo a nivel botánico o territorio europeo con maior número de especies endémicas restrinxidas a ambientes acuáticos.

No Anexo I da Directiva 92/43/CEE, os medios de augas estancadas non costeiros inclúense dentro do subgrupo 31. Augas estancadas. Os 8 tipos de hábitats que conforman este subgrupo diferéncianse por parámetros limnolóxicos (nivel de trofía, comunidades de macrófitos) e xeográficos. Nos tipos Nat2000 3150 e 3160, limítase a súa identificación a medios lacunares de carácter natural, xa que as condicións eutróficas e distróficas poden ser a consecuencia da contaminación e alteración dun sistema lacunar. Debido ás condicións bioxeográficas de Galicia, non atopan condicións ambientais propicias para a presenza do hábitat Nat2000 3170*, característico de áreas chairas do interior peninsular e doutras áreas meridionais de Europa, nin do tipo Nat2000 3190, vinculado á existencia de sedimentos de xeso. Tampouco se atopan representacións dos hábitat Nat2000 3180*, exclusivo de Irlanda, así como o tipo Nat2000 31A0* restrinxido a Transilvania (Romanía). A distribución xeográfica en Galicia do resto de hábitats é moi variable, podendo ser nalgúns casos máis ou menos frecuentes (Nat2000 3110, 3130) mentres que noutros, especialmente no daqueles que están asociados a augas ricas en carbonatos (Nat2000 3140, 3150), trátase de tipos moi raros no ámbito territorial galego.


A diferenciación dos 6 tipos de hábitats de augas estancadas presentes en Galicia debe realizarse a partir de datos botánicos e limnolóxicos. Na metodoloxía do Inventario dos Humidais de Galicia (Ramil & Izco, 2003) recóllense os criterios utilizados para a valoración trófica das augas e, en consecuencia, para a delimitación entre medios de augas oligotróficas, mesotróficas, eutróficas e distróficas. Nos medios con augas distróficas ou eutróficas a asignación do tipo de hábitat segundo a Directiva realízase directamente aos tipos Nat2000 3150 e 3160 respectivamente. Nos medios de augas oligotróficas, a identificación dos tipos Nat2000 3110 e 3120 realízase tendo en conta o tipo de comunidade de macrófitas radicantes que dominan no sistema lacunar, atribuíndose o tipo Nat2000 3130 a medios de augas oligotróficas con dominancia de comunidades de Littorelletea uniflorae e/ou Isoeto-Nanojuncetea. Os medios lacunares con augas mesotróficas adscríbense, en función do tipo de comunidades acuáticas que os caracterizan, ao tipo Nat2000 3130. En diversas lagoas galegas constátase a presenza de comunidades bénticas de carófitos (Chara, Nitella), a tipificación da cal correspóndese co tipo Nat2000 3140. Este último tipo de hábitat adoita ocupar un papel secundario no medio lacunar, que, nestes casos, aparece dominado polo tipo Nat2000 3130.

Na táboa adxunta establécese a tipoloxía adoptada no Inventario de Humidais de Galicia (IHG) para os ecosistemas lacustres establecidos a partir de variables relacionadas co sistema morfolóxico (orixe, dinámica) e hidrolóxico (achegas e perdas de auga, características da auga). As unidades establecidas mostran unha grande coincidencia coas definidas na tipoloxía RAMSAR, diferenciando entre lagos, lagoas e charcas baseándose na superficie da lámina libre de auga e separando aquelas de carácter permanente das temporais.


O primeiro dos tipos de humidais así establecidos son os Lagos permanentes, definidos como aqueles ecosistemas acuáticos cunha superficie de lámina de auga superior ás 8 ha. A entidade da lámina de auga acumulada constitúe o factor fundamental que define as características ambientais destes sistemas. Pola contra nas lagoas, charcas e charcos estacionais, o factor fundamental que define o sistema vén marcado pola interacción entre a terra e a auga. As lagoas son medios de menor extensión superficial (8-1 ha) e dunha menor relación volume/superficie de auga en contacto coas beiras e o fondo, o que se traduce na ausencia de estratificación na lámina de auga. O termo charca utilízase para designar as lagoas de escasas dimensións, é dicir, aos medios que en condicións de máxima estiaxe posúen unha lámina de auga que recobre unha superficie menor a unha hectárea.

Dentro das lagoas e charcas pódense diferenciar aquelas nas que a superficie de lámina libre de auga non chega a desaparecer totalmente no período estival, daquelas outras nas que esta desaparece totalmente, manténdose o nivel freático en subsuperficie. Non se debe confundir charca co termo charco, que se emprega para designar volumes de auga efémeros que se forman en períodos chuviosos ou por fluxos de marea.

A variedade de lagos e lagoas existentes en canto a profundidade, extensión e composición das súas augas determina que a súa zonificación, a diferencia do que acontece no medio litoral, resulte en ocasións confusa, cando non artificial. Malia iso, esta resulta de grande utilidade para avaliar a diversidade, estrutura e funcionamento das biocenoses que poden desenvolverse nos diversos tipos de sistemas lacunares.

Os sistemas lacustres de augas profundas presentan unha zonificación vertical determinada pola estratificación da columna de auga e a frecuencia con que vese interrompida. A diferenza de temperatura ente as augas superiores e as profundas dá orixe a unha zona intermedia denominada termoclina que separa dúas capas de auga ben diferenciadas: a que está por enriba, denominado epilimnion, con augas quentes e móbiles, e a capa profunda, chamada hipolimnion, inferior á termoclina, e que comprende augas frías, non móbiles. As variacións termométricas locais da atmosfera inflúen nas propiedades da auga determinando o réxime térmico dos lagos, condición pola que poden ser clasificados nunha serie de tipos ou clases que, como é natural, non están totalmente disociados, senón unidos por gradacións (Margalef, 1983).

Nas rexións temperadas as augas dos lagos adoitan estar fortemente estratificadas no verán, momento no que a parte superior máis cálida (epilimnion) se illa da máis fría (hipolimnion) a través da termoclina, que actúa como barreira fronte ao intercambio de materiais e gases disoltos. Esta situación provoca que a subministración de O2 se reduza rapidamente no hipolimnion mentres que se observa unha tendencia similar en canto aos nutrientes no epilimnion. Cando chega o outono arrefríase a capa superior e, coa acción do vento, as augas mestúranse. Ao mesturarse as augas adoita haber floracións de fitoplancto, porque a axitación da auga fai aflorar nutrientes á superficie.
 
En canto á súa zonificación horizontal, nos medios leníticos de carácter permanente pódense diferenciar catro grandes zonas ecolóxicas: supralitoral, litoral, limnética e de augas profundas. A zona supralitoral é a máis externa e soamente se ve cuberta pola auga nos períodos máximos de recarga invernal. Correspóndese cun medio semiterrestre dominado por biocenoses higrófilas. A zona litoral ou nerítica esténdese por debaixo da zona supralitoral, incluíndo a columna de auga e os sedimentos lacunares, ata unha profundidade na que estes últimos reciben a luz solar con suficiente intensidade como para non constituír un factor limitante para o desenvolvemento das comunidades de macrófitos. En moitos medios lacunares a zona litoral sofre importantes modificacións en canto á profundidade da capa de auga e á superficie de inundación, chegando esta a desaparecer regularmente na estación seca (sistemas lacunares temporais) ou nos anos de menor pluviosidade (sistemas lacunares intermitentes). As flutuacións da lámina de auga marcan a distribución espacial da vexetación, as plantas vasculares e as grandes algas verdes (macrófitos), que se dispoñen en bandas concéntricas caracterizadas polo predominio de distintos tipos biolóxicos; hidrófitos non enraizados flotantes (Lemna minor) ou mergullados (Ceratophyllum demersum) hidrófitos enraizados emerxentes (Thypha latifolia), flotantes (Potamogeton natans) ou mergullados (Myriophyllum alterniflorum).
 
A diversidade botánica é parella a unha grande riqueza de animais, tanto de invertebrados como vertebrados, que empregan a vexetación acuática como recurso alimenticio ou para refuxiarse e gorecer a súa prole do ataque dos depredadores. Arredor do 70% das especies de fauna bentónica que viven nos sistemas lacustres localízanse na zona litoral e sublitoral.
 
Os grupos mellor representados son nematelmintos, como a samesuga (Hirudo), anélidos, tricópteros, e un elevado número de odonatos, coleópteros e heterópteros característicos de augas de débil mineralización. Os medios con elevadas concentracións de carbonatos nas augas, aparecen dominadas por isópodos como Proasellus meridianus, acompañados por poboacións máis reducidas de gasterópodos do xénero Pisidium e Lymnaea peregra, que se ven favorecidas polas concentracións de carbonatos para o mantemento das cunchas e do exoesqueleto. Tamén están presentes moluscos como Margaritifera margaritifera, Anadonta cygnea e Unio tumidus.
 
A zona litoral é tamén rica en especies nectónicas (que nadan libremente na auga por posuír un sistema de locomoción eficiente, que lles permite trasladarse dun punto a outro), nas que a diversidade de especies vai acompañada frecuentemente dunha grande abundancia de individuos. Os peixes abundan nesta zona litoral, aínda que tamén pola zona limnética e profunda se as condicións de vida son favorables. Entre os vertebrados que frecuentan ou habitan o litoral atopamos as ras, píntegas, tartarugas, cobras de auga, un grande número de aves acuáticas, e mamíferos, como a londra.
 
Nas grandes superficies lacunares establécese tras a zona litoral, outra de augas abertas, xeralmente profundas designada como zona limnética. A zona limnética esténdese ata o nivel de compensación, é dicir, onde a fotosíntese equilibra á respiración. Por debaixo deste nivel, e debido á escaseza de radiación solar, hai déficit de produtividade, equiparándose á zona oceánica ou de mar aberto dos medios mariños. Na zona limnética, os macrófitos son desprazados pola biomasa que representa o neuston, plancto e necton na columna de auga e o bentos no fondo lacustre. A última zona establecida nos medios lacunares corresponde á denominada zona profunda, o leito da cal se atopa afastado da luz solar (zona afótica), polo que o bentos, a diferencia da zona limnética, aparece dominado por organismos heterótrofos.
 
AUGAS CORRENTES
 
Un río extenso orixinado en zona montañosa adoita comezar o seu desenvolvemento como un conxunto irregular de mananciais e pequenos regueiros, que posteriormente confluirán en regatos de montaña de caudal rápido e turbulento. A adición de novos tributarios dá como resultado un tramo de corrente suave que serpea vagamente a través das terras baixas ata alcanzar o mar.

Todas as características dun río varían a medida que este discorre dende o seu nacemento ata a desembocadura. O caudal aumenta, dando como resultado cambios na anchura, profundidade e velocidade, e xunto con eles, varían todo o conxunto de condicións biolóxicas e ecolóxicas dentro destes. En termos de aparencia física, os cambios máis notorios danse na pendente e na transición dende regueiros de pouca profundidade con substrato dominado por bloques e pedras ata ríos profundos con preponderancia de sedimentos finos no seu substrato.

A zonación dos cursos fluviais foi, e segue sendo, un tema amplamente estudado de cara a ao establecemento de pautas recorrentes e predicibles nestes que faciliten o seu estudio e xestión. As primeiras zonacións propostas baseáronse principalmente na distribución dos peixes nos cursos de auga da Europa continental temperada (Huet, 1954), clasificación que foi adaptada aos ríos españois por Gutierrez Calderón (1968).


A ordenación anterior baseada na distribución dos peixes aparece tamén reflectida en estudios que consideran, ademais, outros elementos da fauna, e diversas características morfolóxicas como no traballo de Illies & Botosaneanu (1963).



Na década dos setenta, a publicación da teoría do "Continuo Fluvial" (Vannote et al., 1980) supón unha importante modificación na concepción dos medios fluviais. Os ríos considéranse como sistemas unidos lonxitudinalmente nos que os procesos que se dan a nivel ecosistema nos tramos baixos son consecuencia daqueles producidos nos tramos altos. Nesta teoría analízase a materia orgánica como principal fonte de enerxía, e os grupos funcionais que a aproveitan en función do seu estado, producíndose unha sucesión continua de especies ao longo do río.

O proxecto CORINE Biotopes desenvolveu unha tipoloxía para a descrición dos hábitats de maior importancia de cara á conservación da natureza en Europa, nas que se engloban en boa medida as anteriores propostas. Esta proposta foi empregada posteriormente para definir os diversos tipos de hábitats que conforman o Anexo I da Directiva 92/43/CEE.


 
Segundo esta clasificación, un elevada porcentaxe dos tramos fluviais galegos quedarían englobados dentro das zonas Crenon e Rhithron (erosión, transporte e almacenamento) propostas anteriormente, xa que a accidentada orografía e a pluviometría elevada desta rexión potencian a existencia de multitude de cursos de montaña, de caudal rápido e turbulento, mentres que os ríos de chaira máis maduros, correspondentes á zona Potamon (zona de deposición), quedarían restrinxidos aos tramos medios e baixos dos ríos de maior entidade (Miño, Sil) , ou a tramos de río de media entidade cando transcorren por zonas de topografía aplanada.

A zonación transversal dos cursos de auga corrente inclúe xunto á zona lótica (álveo ou canle natural con corrente continua ou discontinua), a zona de ribeira. Dende a perspectiva legal expresada no Real Decreto Lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Augas, considérase como álveo ou canle natural dunha corrente continua ou discontinua aquel terreo cuberto polas augas nas máximas crecidas ordinarias. A ribeira queda definida como as faixas laterais das canles públicas situadas por enriba do nivel de augas baixas, e as marxes como aqueles terreos que lindan coas canles.

As marxes e ribeiras fluviais sustentan unha grande diversidade de comunidades, plantas e animais entre os que se atopan elementos exclusivos destes medios, xunto con outros que potencialmente terían unha área de ocupación no territorio non vinculada exclusivamente á zona de ribeira, e polo tanto de maior extensión, pero que debido ao ancestral uso de que foron obxecto os vales e chairas de inundación da maioría dos ríos, se atopan na actualidade confinadas ás inmediacións dos corredores ribeiráns. Deste modo, a pesar da menor entidade superficial das zonas ribeirás fronte ao resto do territorio da cunca, sustentan unha taxa de diversidade moito máis elevada, sendo elementos claves para a conservación a curto e longo prazo de moitas especies.

As illas son frecuentes en moitos dos ríos galegos, non obstante nos tramos medios e baixos que discorren por amplos vales ou cuncas sedimentarias nos que a canle se fai lenta e divagante, estas adquiren unha grande singularidade ecolóxica e paisaxística. Nestas áreas é frecuente observar a sucesión de pequenas illas orixinadas pola propia dinámica fluvial e que periodicamente son inundadas e modificadas polas augas.

O tipo de material que conforma as illas fluviais vén determinado tanto pola dinámica fluvial coma polos materiais dominantes na cunca. As de maior extensión son de natureza terríxena, constituídas por materiais sedimentarios edafizados que quedaron illados por modificacións no traxecto da canle. Noutros casos, as illas configúranse pola existencia de relevos residuais de fragmentos rochosos (illas pétreas), que non foron erosionados pola acción das augas, permanecendo descuberta nos períodos de menor caudal. De menor entidade son, frecuentemente, as illas constituídas por barras de grava ou seixos cuxo acúmulo e entidade están directamente condicionados pola dinámica fluvial do tramo. Un último tipo de illas, correspondería coa designada como "cordóns de illas árbore", as cales se asocian á existencia de árbores vivas, xeralmente ameneiros, salgueiros ou freixos, arraigados na propia canle, os cales son periodicamente derrubados e mobilizados pola acción da corrente, formándose pequenas barreiras bioxénicas.

Os sistemas de illas fluviais de inundación periódica son medios de gran diversidade debido á grande heteroxeneidade de hábitats que albergan. As canles existentes entre as illas mostran frecuentemente unha ampla variación de substratos, correntes e niveis de inundación que determinan a existencia dun grande número de hábitats fluviais que sustentan un maior número de biocenoses acuáticas que as existentes en tramos fluviais homoxéneos de corrente rápida ou lenta.
                              
O espazo ribeirán comprendido polas propias illas mantén xeralmente unha gran naturalidade, desenvolvéndose formacións de bosques aluviais que, nas grandes superficies insulares, se mesturan con bosques climatófilos e lamacentos. Moitas das grandes illas foron aproveitadas dende antigo como prados seminaturais, persistindo aínda singulares formas de explotación como as existentes na desembocadura do río Miño.

Cando os vales se abren nos tramos medios e baixos de escasa pendente, a chaira de inundación adquire un maior desenvolvemento e as canles fluviais poden describir amplos meandros. Nestes tramos os ríos abranguen unha gran distancia en sentido transversal á corrente e o nivel freático adoita ser relativamente alto en todo o val. Nestas situacións a dinámica fluvial afecta a grandes espazos, que evolucionarán no tempo acentuándose a curvatura dos tramos ou cambiando o trazado do río (González del Tánago e García de Jalón, 1998). Xorden así meandros abandonados e pequenas charcas temporais que se conectan coa canle principal unicamente en épocas de enchente, compoñendo un diverso mosaico de hábitats creados polo propio río, que configuran complexos sistemas húmidos.

Dentro do grupo de hábitats que a Directiva 92/43/CEE reúne baixo o epígrafe 32. Augas correntes - tramos de cursos de auga con dinámica natural e seminatural, tanto leitos menores (tramos de cabeceira, orde xerárquica 1-2) como medios (tramos medios, orde xerárquica 3-4), e maiores (tramos baixos, orde xerárquica maior ou igual a 5) nos que a calidade da auga non presenta alteracións significativas. Neste grupo englóbanse 9 tipos de hábitats dos que soamente dous (Nat2000 3260 e 3270), están presentes en Galicia. Dentro desta categoría inclúense as augas fluviais e a vexetación asociada aos leitos riparios. A pesar de que unha parte do territorio galego se atopa incluída na Rexión Bioxeográfica Mediterránea, non se considerou presente ningún de tipos de hábitats de augas correntes propio de área, principalmente debido ao alto grao de desnaturalización que presente o réxime hidrolóxico das cuncas fluviais, cuxo caudal  e flutuacións estacionais atópanse controlados por multitude de encoros.


 
FICHAS HÁBITATS
3110
Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Littorelletalia uniflorae)
3120
Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo sobre solos areosos do mediterráneo occidental con Isoetes spp.
3130
Augas estancadas,oligotróficas ou mesotróficas con vexetación de Littorelletalia uniflorae ou Isoeto Nanojuncetea.
3140
Augas oligomesotróficas calcarias con vexetación béntica de Chara Spp.
3150
Lagos eutróficos naturais con vexetación Magnopotamion ou Hydrocharition
3160
Lagos e charcas distróficos naturais
3260
Rios dos pisos basal a montano con vexetación de Ranunculium fluitantis e de Callitricho-Bachatrion
3270
Ríos de ribeiras lamacentas con vexetación de Chenopodion rubri p.p. e de Bidemtion p.p.