Banco de Datos

Matogueiras

Manual de Hábitats de Galicia.

Queirogais e matogueiras de zonas temperadas

As matogueiras xogaron un papel fundamental na configuración da cuberta vexetal das áreas temperadas do continente europeo dende hai aproximadamente 30 millóns de anos. A súa configuración actual vincúlase, non obstante, coa dinámica climática acaecida ao longo dos últimos 2 millóns de anos, durante o Cuaternario, período no que se produce a súa diferenciación ecolóxica e bioxeográfica en resposta á dinámica climática global (matogueiras atlánticas, boreais, ártico-alpinos) e á combinación desta con diversos factores ambientais (altitude, proximidade ao mar, existencia de tipos particulares de substratos xeolóxicos, etc). No último ciclo climático do Cuaternario, as matogueiras e concretamente os queirogais, representaron a vexetación dominante en Galicia durante máis de 100.000 anos, mentres que o dominio territorial de bosques se restrinxiu a un intervalo temporal inferior a 5.500 anos.
 
A importancia no ámbito da conservación da biodiversidade dos queirogais e matogueiras susténtase polo grande número de especies de flora e fauna que albergan os distintos tipos de formacións, entre as que se atopan unha ampla proporción de elementos considerados como endémicos, raros, sucesorios e en perigo. Un segundo factor que xustifica a súa protección, é a drástica redución que experimentou, nos últimos cincuenta anos, a súa área de distribución en Europa como consecuencia do abandono dos sistemas de aproveitamento tradicional, nos que as matogueiras e os queirogais, constituían unha parte fundamental.
 
A categoría de Queirogais e Matogueiras da Zona temperada da Directiva 92/43/CE está constituída por un total de nove tipos de hábitats dentro do territorio da Unión Europea. Cinco tipos de queirogais teñen representación dentro dos límites da Comunidade Autónoma Galega: Nat2000 4020* - Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix, Nat2000 4030 - Queirogais secos europeos, Nat2000 4040* - Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans, Nat2000 4060 - Queirogais alpinos e boreais e Nat2000 4090 - Queirogais oromediterráneos endémicos con toxos. En conxunto, este grande grupo de hábitats constitúe un dos máis amplamente representados en Galicia, aínda que, debido á recorrencia coa que se viron afectados polos incendios forestais durante o último cuarto de século, presentan un estado de conservación moi variable.
 


Segundo os criterios da Directiva 92/43/CEE, determinados tipos de matogueiras amplamente distribuídas por Galicia, non se inclúen en ningún dos tipos de hábitats. Trátase fundamentalmente de comunidades de carácter sinántropico (xesteiras, codesais, piornedos e toxeiras), que ocupan en moitos casos antigas parcelas de cultivo abandonadas ou áreas de monte nas que se realizou a sementeira de determinadas especies, principalmente de toxo macho ou arnal (Ulex europaeus), destinadas á produción e recollida de esquilmes empregados na obtención de abono orgánico, ben fose a través do seu emprego en verde ou logo de mestura con excrementos de gando doméstico.
 
No caso das xesteiras, codesais e toxeiras trátase de formacións arbustivas cuxa composición florística está enormemente simplificada ou alterada pola presenza de especies ruderais ou pratenses (cf. Bellot 1968, Rodríguez-Oubiña & Ortiz 1989, Díaz González & Fernández Prieto 1994), polo que se desvía claramente de aquelas outras, menos influenciadas pola actividade humana, coas que gardan certo parecido fisionómico, principalmente queirogais con toxos, que se inclúen en algunha das diversas variantes que configuran a categoría Nat2000 4030. O caso dos piornedos é lixeiramente diferente xa que, aínda que tamén tenden a colonizar antigos terreos de labor, principalmente nas montañas da Dorsal Galega e no oriente de Lugo e Ourense, este tipo de matogueiras dominadas por Genista florida conforman de xeito espontáneo orlas preforestais entorno a diversos tipos de bosques orófilos (carballeiras de Quercus petraea e Quercus x rosacea, carballeiras, reboleiras, faiais) ou aparecen cubrindo esporóns rochosos e ladeiras inclinadas con solos esqueléticos en áreas fortemente insoladas, en situacións claramente alleas á actividade humana.
 
Outro tipo de formacións arbustivas con certa relevancia en Galicia, principalmente nas áreas termófilas temperadas e no dominio mediterráneo, que non se atopan reflectidas neste grupo de hábitats da Directiva 92/43/CEE, son os erbedais (formacións dominadas por Arbutus unedo) e os estevais dominados por Cistus ladanifer.
 
Os tipos de hábitats de interese comunitario do grupo de Queirogais e matogueiras de zona temperada máis abundantes de Galicia, son o tipo prioritario Nat2000 4020* – Queirogais húmidos atlánticos e o Nat2000 4030 – Queirogais secos europeos. Destaca en maior medida o segundo caso, xa que pode considerarse como o hábitat cunha maior superficie en todo o territorio galego. Estímase que o tipo Nat2000 4030 conta na Rede Natura 2000 cunha superficie superior ás 100.000 ha, distribuídas por toda a xeografía galega. Inclúese ademais en practicamente todos os lugares da Rede Natura 2000, en concreto en 55 LIC e 15 ZEPA. Esta ampla distribución non é exclusiva de Galicia, xa que tanto en España, na súa Rexión bioxeográfica Atlántica, como no centro e Norte de Europa a presenza do hábitat Nat2000 4030 é patente, atendendo á información da Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA).
 
Entre os hábitats considerados como prioritarios do grupo de Queirogais e matogueiras de zona temperada, o tipo Nat2000 4020* – Queirogais húmidos atlánticos e Nat2000 4040* – Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans, presenta unha distribución e superficie moito máis restrinxida o segundo (Nat2000 4040*), xa que por un lado ao tipo Nat2000 4020* estímaselle unha superficie de preto de 15.000 ha na Rede Natura 2000 de Galicia, mentres que o Nat2000 4040* contaría con arredor de 400 ha.
 
Por outra parte, os queirogais incluídos na Directiva Hábitats menos representados en Galicia son os tipos Nat2000 4060 – Queirogais alpinos e boreais e Nat2000 4090 – Queirogais oromediterráneos endémicos con toxos, en ambos casos unicamente se atopan en 4 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 2 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Observando a distribución europea do hábitat Nat2000 4040* – Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans, de acordo coa información existente na Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA), pódese comprobar a súa restrinxida área de ocupación no ámbito europeo, localizándose unicamente en España, Francia e nas Illas Británicas. Atendendo á súa distribución en España e máis concretamente na zona asturiana, detéctase un erro aparente na súa área de distribución, ao situarse este hábitat en lugares bastante afastados da costa.
 







 
 FICHAS HÁBITATS
4020*
Queirogais húmidos atlánticosde zonas temperadas de Erica Ciliaris e Erica Tetralix.
4030
Queirogais secos europeos
4040*
Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica Vagans.
4060
Queirogais alpinos e boreais
4090
Queirogais oromediterráneos endémicos con toxos