Banco de Datos

Matogueiras esclerófilas

Manual de Hábitats de Galicia.

Matogueiras esclerófilas

Seguindo criterios ecolóxicos, a Directiva 92/43/CEE realiza unha diferenciación entre matogueiras temperadas (grupo 4), constituídas maioritariamente por elementos ericoides e matogueiras cuxos elementos dominantes presentan adaptacións de carácter esclerófilo ou subesclerófilo (grupo 5), entre as que se inclúen 4 tipos de hábitats, dos que soamente dous están presentes en Galicia de forma puntual. Trátase dos tipos 51 Matogueiras submediterráneas e de zona temperada e 52 Matogueiras arborescentes mediterráneas.
 

De entre os 2 únicos hábitats de interese comunitario do grupo Matogueiras esclerófilas existentes en Galicia, o tipo Nat2000 5120 - Formacións  de montaña de Genista purgans conta cunha presenza moi restrinxida, xa que unicamente se pode atopar dentro da Rede Natura de Galicia no macizo de Pena Trevinca, lugar considerado á súa vez LIC e ZEPA. A superficie estimada deste hábitat para este espazo sería de 20 ha. O hábitat Nat2000 5120 conta a nivel europeo cunha área de presenza reducida, do mesmo modo que no contexto galego, localizándose ademais de en España, en Portugal e Francia.
 
O outro tipo de hábitat do grupo Matogueiras esclerófilas presente en Galicia é o tipo prioritario Nat2000 5230* – Matogueiras arborescentes de Laurus nobilis. No entanto, mentres que o tipo Nat2000 5120 mostra unha área de presenza restrinxida en Galicia, no caso do hábitat proritario Nat2000 5230*, a súa distribución é considerablemente máis ampla, localizándose en 16 LIC e 5 ZEPA.
 



MATOGUEIRAS SUBMEDITERRÁNEAS E DE ZONA TEMPERADA

Catro categorías integran o grupo das Matogueiras submediterráneas e de zona temperada, das que soamente o tipo Nat2000 5120 - Formacións de montaña de Genista purgans está presente en Galicia.
 


MATOGUEIRAS ARBORESCENTES MEDITERRÁNEAS

Dos tres tipos de hábitats que integran a categoría de Matogueiras arborescentes mediterráneas, soamente as Matogueiras arborescentes de Laurus nobilis están presentes en Galicia. O hábitat Nat2000 5210 - Matogueiras arborescentes de Juniperus spp. non se cita en Galicia pois non se coñecen comunidades vexetais en Galicia nas que aparezan especies do xénero Juniperus de porte arborescente.
 


 
FICHAS HÁBITATS
5120
Formacións de montaña de Genista Purgans
5230*
Matogueiras arborescentes de Laurus nobilis