Banco de Datos

Herbazais

Manual de Hábitats de Galicia.

Formacións Herbosas.

Dentro do apartado 6 do Anexo I da Directiva 92/43/CEE inclúense diversos tipos de hábitats naturais e seminaturais caracterizados por sustentar formacións herbáceas que requiren unha atención especial dende o punto de vista da conservación. Dentro deles distínguense formacións herbáceas de orixe natural (orixinadas como resposta a factores climáticos e alleas, polo xeral, á actividade humana), doutras que se manteñen coas súas características florísticas e estruturais grazas á intervención do ser humano, que as aproveita principalmente como fonte de pasto para o gando doméstico.
 
Se ben as primeiras resultan fundamentais para o mantemento de numerosas especies orófilas de carácter endémico e, polo tanto, esenciais para o correcto funcionamento ecolóxico das áreas de montaña, as categorías que forman parte do segundo grupo de hábitats comentado considéranse esenciais para a pervivencia das paisaxes culturais de amplas áreas litorais e interiores de Europa, xa que en moitos países europeos estes tipos de hábitats desapareceron ao longo dos últimos decenios como resultado dos procesos de concentración parcelaria, despoboamento rural ou transformación de antigos complexos agrarios en áreas forestais, consecuencia das políticas de fomento da reforestación de terras agrarias.
 
Os tipos de hábitats herbosos contemplados na Directiva 92/43/CE agrúpanse en cinco grandes categorías, das que catro están representadas en Galicia: 61. Prados naturais, 62 Formacións herbosas secas seminaturais e facies de matogueira, 64. Prados húmidos seminaturais de grandes herbas e 65. Prados mesófilos.
 


O grupo Formacións herbosas naturais e seminaturais conta con 10 tipos de hábitats de interese comunitario presentes en Galicia, estes mostran unha notable diverxencia tanto dende o punto de vista da súa distribución, como da súa superficie. Mentres que 4 tipos de hábitats se distribúen por máis de 50 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) (Nat2000 6220, Nat2000 6410, Nat2000 6430, Nat2000 6510), un número análogo só se poden localizar en menos de 5 LIC (Nat2000 6160, Nat2000 6170, Nat2000 6210*, Nat2000 6520). Loxicamente son os tipos de hábitats de carácter natural os que contan cunha área de presenza máis restrinxida, neste caso atópanse os tipos Nat2000 6160 – Prados ibéricos silíceos de Festuca indigesta e Nat2000 6170 – Prados alpinos e subalpinos calcários.
 
O tipo Nat2000 6430 - Megaforbios éutrofos higrófilos das orlas de chairas é o hábitat máis frecuente, ausente soamente en 2 LIC, Illas Estelas e Illas Cíes. No entanto, en relación á superficie estimada dos diferentes hábitats da Rede Natura 2000 en Galicia, o tipo Nat2000 6430 sitúase en quinto lugar, con máis de 1.000 ha.
 
Tendo en conta a superficie estimada dos hábitats de interese comunitario na Rede Natura 2000 para o grupo Formacións herbosas naturais e seminaturais, compróbase como dous son os tipos de hábitats que sobresaen sobre o resto, o Nat2000 6510 - Prados de sega de baixa altitude e o Nat2000 6520 – Prados de sega de montaña, ambos pertencentes ao subgrupo de hábitats Prados mesófilos. No primeiro caso (Nat2000 6510) a superficie estimada supera as 7.000 ha., mentres que no segundo (Nat2000 6520) conta con preto de 6.000 ha. Este segunda cifra ten certo interese, xa que o hábitat Nat2000 6520 non está moi estendido pola xeografía galega, ao restrinxirse, tal e como se indica na súa denominación, a áreas de montaña. Este hábitat rexístrase soamente en 5 LIC, pero cunha importante presenza neles, como en Os Ancares - O Courel ou Pena Trevinca, factor demostrativo da importancia destes espazos no mantemento dun estado de conservación para o hábitat (Nat2000 6520). Por outra banda, a distribución do tipo Nat2000 6520 de acordo coa Axencia Europea do Medio Ambiente mostra unha ausencia notable do hábitat en España, que, de acordo coa información oficial das Comunidades Autónomas, estaría presente en Cataluña, Aragón e Galicia. Aínda que este tipo de hábitat poida estar mal representado no terzo Norte peninsular e posuír unha maior extensión do terreo, evidénciase o interese deste tipo de hábitat pola súa rareza no contexto español. O patente contraste entre a distribución europea dos tipos de hábitat Nat2000 6510 e Nat2000 6520 e as súa superficie na Rede Natura 2000 galega pode observarse a través das figuras aquí expostas.
 
Cabe resaltar o hábitat prioritario Nat2000 6220* – Pseudoestepas de gramíneas e anuais da orde Thero-Brachypodietea, por ser o que posúe unha maior extensión na Península Ibérica, tal e como se deduce ao consultar a información correspondente da Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA). Este tipo de hábitat distribúese tamén amplamente polo territorio galego, localizándose en 55 LIC e 15 ZEPA, aínda que a súa superficie na Rede Natura 2000 non é tan elevada en relación, contabilizarse 2.000 ha co hábitat Nat2000 6220*.
 






PRADOS NATURAIS

Dos nove hábitats que segundo a Directiva 92/43/CEE inclúense dentro da categoría de Prados naturais, soamente dous delas están representadas en Galicia: Nat2000 6160 - Prados ibéricos silíceos de Festuca indigesta e Nat2000 6170 - Prados alpinos e subalpinos calcarios. Nas devanditas categorías sitúanse as formacións herbáceas adaptadas ás condicións climáticas máis rigorosas que se poden dar en Galicia (elevada innivación, período de xeadas moi prolongado, valores baixos de temperaturas medias anuais). Por iso soamente se atopan nas áreas orotemperadas e, de xeito moi puntual en localidades especialmente favorables para a súa presenza dentro do piso supratemperado superior.



FORMACIÓNS HERBOSAS SECAS

O grupo de hábitats denominado Formacións herbosas secas seminaturais e facies de matogueira engloba, segundo consta no Anexo I da Directiva 92/43/CEE, oito categorías de orde inferior das que tres están representadas no territorio galego, isto é: Nat2000 6210 - Prados secos seminaturais e facies de matogueira sobre substratos calcarios (Festuco-Brometalia) ( * paraxes con notables orquídeas), Nat2000 6220* - Pseudoestepas de gramíneas e anuais da orde Thero-Brachypodietea e Nat2000 6230* - Formacións herbáceas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos silíceos de zonas montañosas (e de zonas submontañosas da Europa continental). Polo xeral, neste tipo de hábitats non se produce unha presión humana excesiva, xa que se dedicaron, e nalgúns lugares aínda se leva a cabo, a un aproveitamento pouco intensivo mediante o pastoreo estacional de gando vacún ou de gando menor.



PRADOS HÚMIDOS SEMINATURAIS DE HERBAS ALTAS

Nesta categoría inclúense diversos tipos de hábitats asociados catenalmente a diversos tipos de hábitats arbóreos característicos de medios hidrófilos (bosques riparios, aluviais e lamacentos). O conxunto de hábitats incluídos na categoría de Prados húmidos seminaturais de herbas altas aparece analizado no Anexo I da Directiva 92/43/CEE en cinco grupos dos que tres se atopan representados en Galicia. Trátase das categorías denominadas Nat2000 6410 Prados con Molinia sobre substratos calcarios, turbosos ou arcillo-limosos (Molinion caeruleae), 6420 Prados húmidos mediterráneos de grandes herbas do Molinion-Holoschoenion e 6430 Megaforbios éutrofos higrófilos das orlas de chairas e dos pisos montano a alpino.


PRADOS MESÓFILOS

O subgrupo 65. Prados mesófilos do Anexo I da Directiva 92/43/CE comprende tres tipos de hábitats, dos que dous teñen representación dentro de Galicia: Nat200 6510 - Prados de sega de baixa altitude (Alopecurus pratensis, Sanguisorba officinalis) e Nat2000 6520 - Prados de sega de montaña. Trátase de formacións herbáceas mantidas no seu estado actual coa finalidade de producir feo ou pasto verde, fundamentalmente destinado á alimentación do gando vacún. Para iso, en función das características topo-edáficas de cada área, construíronse extensos sistemas de canles de rego naquelas áreas nas que fose necesaria unha achega hídrica para asegurar a produción de herba, ou de sistemas de drenaxe, cando a tendencia das augas freáticas é a de manterse próximas á superficie durante todo o ano.

 
FICHAS HÁBITATS
6160
Prados ibéricos siliceos de Festuca indigesta
6170*
Prados alpinos e subalpinos calcarios
6210*
Prados secos seminaturais e facies de matogueira sobre substratos calcarios(Festuco Brometalia)
6220*
Pseudoestepas de gramíneas e anuais da orde Thero- Brachypodietea.
6230*
Formacións herbáceas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos siliceos de zonas montañosas e submontañosas  da Europa continental.
6410
Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilo-limosos (Molinium Caeruleae)
6420
Prados húmidos meditterráneos de grandes herbas do Molinio-Holoschoenion
6430
Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chairas e dos pisos montano e alpino.
6510
Prados de sega de baixa altitude (Alopecurus pratensis,sanguisorba officinalis)
6520
Prados de sega de montaña