Banco de Datos

Turbeiras

Manual de Hábitats de Galicia.

Turbeiras e áreas Lamacentas.

O concepto de turbeira está suxeito a unha gran controversia, maior mesmo que o do propio termo humidal. Turba procede da voz xermánica "turf" e fai referencia ao combustible fósil formado por residuos vexetais acumulados en sitios pantanosos, de cor escura, aspecto terroso e pouco peso, e que ao arder produce fume denso. Esta visión utilitarista é recollida, entre outros, no Dicionario da Real Academia da lingua Española.

O termo turbeira esténdese nos países latinos dende o ámbito das ciencias xeolóxicas para designar os depósitos onde xace a turba. Pola contra, na terminoloxía popular este tipo de medio desígnase ben polas características inestables do terreo, que treme ao camiñar sobre el (tremoal, tremo; en castelán: trampal, tremedal, tremadal), ou en relación ao seu aproveitamento vernal como pasto para a gandaría extensiva (branda, braña, brañón).

En Inglaterra e Irlanda o termo turba (en inglés peat) relaciónase con dous tipos fundamentais de ecosistemas, os Fens ou turbeiras baixas e os Bogs ou turbeiras altas. O termo Peatland divulgouse para abranguer ambos os dous tipos de turbeiras dende unha perspectiva económica derivada da industrialización da extracción de turba para o seu uso como combustible ou na agricultura.

Deste modo, o vocábulo peatland adquire internacionalmente o significado de depósito turboso, acepción na que non se considera o tipo de biocenose establecida na súa superficie ou as condicións hidrolóxicas desta. Así, dentro do termo peatland inclúense tanto medios carentes de vexetación como outros nos que se desenvolven comunidades vexetais turfófilas ou non turfófilas.

O criterio clave para a súa identificación é simplemente a presenza de turba, aínda que non existe un acordo unánime para a súa delimitación. Na maioría das propostas de clasificación limítanse as turbeiras aos depósitos de turba que superan o intervalo de 50 a 30 cm de potencia, denominándose para-turbeiras cando a potencia é inferior.

A turba (peat) é unha mestura máis ou menos heteroxénea de material vexetal descomposto (humus), que foi acumulado en ambientes saturados en auga e con baixas concentracións de O2, de modo que a auga representa o 95% do peso total da turba, e unicamente o 5% restante corresponde a material sólido. A súa estrutura pode variar dende unha serie de restos vexetais máis ou menos descompostos (e polo tanto máis ou menos recoñecibles) ata unha tenue masa coloidal amorfa. As taxas de acumulación do material vexetal son maiores naqueles territorios nos que a temperatura é o suficientemente elevada como para permitir o desenvolvemento vexetal, pero á súa vez é abondo baixa como para ralentizar a actividade dos microorganismos descompoñedores.

Fronte ao carácter restritivo do termo inglés Peatland oponse a voz sueca Mire, empregada para designar aqueles medios nos que existen biocenoses e características hidrolóxicas propicias para a formación de turba, independentemente da súa potencia, ou mesmo da propia existencia dun sedimento turboso. Neste sentido R. Hofstetter considera no seu artigo "Definition and types of Wetland" publicado na International Mire Conservation Group (IMCG, 1998) que as peatlands non se corresponden cun tipo de humidal, senón cunha área xeográfica onde existe unha deposición predominante de turba, mentres que os mires constitúen un tipo concreto de humidal, no que a vexetación e as augas superficiais se atopan illadas de sedimentos minerais subxacentes por unha capa suficientemente grosa de sedimentos orgánicos que se acumulan no transcurso do desenvolvemento de vexetación.

Na convención de Ramsar a delimitación dos tipos de humidais palustres realízase a partir de criterios botánicos. Nos informes técnicos relativos á delimitación ou designación de turbeiras como humidais de importancia internacional mantense o uso diferencial entre peatland e mire.

Os hábitats turbosos son un dos tipos de hábitats que máis sufriron os efectos negativos das actividades humanas, ata o punto de chegar a desaparecer de amplas áreas en determinados países europeos. Na actualidade seguen soportando unha presión elevada, xa que sobre elas se levan a cabo moitos tipos de aproveitamentos que non son compatibles coa súa conservación (desecamentos, transformacións para usos agrícolas ou forestais, obtención de turba para xardinaría e combustible, instalación de áreas industriais, etc.).

As peculiaridades biolóxicas e ecolóxicas deste grupo de hábitats, o feito de albergar especies de seres vivos exclusivos e o seu declive acelerado foron factores que levaron a incluír no Anexo I da Directiva a práctica totalidade de tipoloxías de sistemas turbófilos existentes no continente europeo. Hai que sinalar a este respecto, que a denominación dada a cada un dos tipos de turbeiras contemplados na Directiva 92/43/CEE segue fundamentalmente sistemas de clasificación desenvolvidos en países anglosaxóns e escandinavos, cos que é difícil establecer paralelismos tanto nomenclaturales como de tipoloxías dentro do ámbito meridional europeo en xeral, e do ibérico en particular (Ramil-Rego et al. 1996, Izco et al. 2001). De feito, e despois de máis de século e medio de estudios neste campo, non existe unha clasificación de turbeiras de validez e aplicación universal.

Dentro do grupo de hábitats turbosos, a Directiva 92/43/CEE establece tres grandes categorías, dentro das que as dúas primeiras teñen representación dentro do territorio galego: 71. Turbeiras acedas de esfagnos e de 72. Áreas lamacentas calcarias. A terceira (Turbeiras boreais) non se atopa, por razóns bioxeográficas obvias, presente en Galicia.


A frecuencia dos hábitats de interese comunitario do grupo Turbeiras altas, turbeiras baixas (fens e mires) e áreas lamacentas nos lugares da Rede Natura 2000 de Galicia presenta, como noutros grupos, variacións de consideración. Os hábitats que máis se repiten nos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e nas Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) galegas son os tipos Nat2000 7110* – Turbeiras altas activas, Nat2000 7140 – ‘Mires’ de transición e Nat2000 7150 – Depresións sobre sustratos turbosos do Rhynchosporion, todos eles pertencentes ao subgrupo de hábitats Turbeiras acedas de esfagnos. En sentido inverso, os hábitats cuxa distribución é máis limitada na Rede Natura 2000 de Galicia, atópanse os tipos Nat2000 7120 – Turbeiras altas degradadas, Nat2000 7130 – Turbeira de cobertor (* para as activas) e Nat2000 7230 – Turbeiras baixas alcalinas, destacando o tipo Nat2000 7130* só presente en 2 LIC (Serra do Xistral e Costa Ártabra).





En canto aos datos de superficie estimados para este grupo de hábitats na Rede Natura 2000 de Galicia, cabe destacar o tipo Nat2000 7130*, por resultar o que maior superficie posúe (máis de 2.500 ha), concentrándose na súa maioría nun único LIC, Serra do Xistral. A continuación situase outro hábitat prioritario, o tipo Nat 2000 7110* – Turbeiras altas activas, cunha extensión que supera as 2.000 ha . Por outro lado, os hábitats do grupo de  turbeiras e áreas lamacentas cunha menor superficie na Rede Natura 2000 son coincidentes con todos aqueles pertencentes ao subgrupo Áreas lamacentas calcáreas, é dicir, os tipos Nat2000 7210* – Turbeiras calcarias de Cladium mariscus e especies do Caricion davallianae, Nat2000  7220* – Mananciais petrificantes con formación de “tuf” (Cratoneurion) e Nat2000 7230 – Turbeiras baixas alcalinas, sendo este último o de menor extensión no territorio, ao non superar as 10 ha.

Atendendo á distribución en Europa do hábitat prioritario Nat2000 7110* – Turbeiras altas activas segundo a información da Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA) cabe sinalar a ausencia deste hábitat en practicamente todo o territorio español, existindo unha clara discontinuidade entre Galicia e Francia. Non é o único hábitat de turbeira cuxa distribución europea de acordo coa EEA é máis que dudosa, tal é o caso do tipo Nat2000 7130* – Turbeiras de cobertor activas, cuxa área de presenza no Norte Peninsular non debería ser tan estendida, ou no caso do tipo Nat2000 7140 – Mires de transición no que se repetiría a mesma situación que o tipo Nat2000 7110*. Engadir ademais, que os erros por omisión, teñen certa gravidade ao tratar con hábitats tipificados como prioritarios, cunha importancia manifesta no contexto ambiental europeo.









TUBEIRAS ACEDAS DE ESFAGNOS

Dentro do conxunto de hábitats incluídos na categoría de Turbeiras acedas de esfagnos, a Directiva 92/43/CEE contempla seis grupos dos que cinco están representados en Galicia: dous deles, Nat2000 7110* - Turbeiras altas activas e Nat2000 7130 - Turbeiras de cobertor (* para as turbeiras activas) son de tipo prioritario, mentres que o resto (Nat2000 7120 - Turbeiras altas degradadas que poden rexenerarse de xeito natural, Nat2000 7140 - ‘Mires’ de transición e Nat2000 7150 - Depresións sobre substratos turbosos do Rhynchosporion) son considerados como de interese comunitario.









ÁREAS LAMACENTAS CALCAREAS

No Anexo I da Directiva 92/43/CEE figuran catro grupos de hábitats dentro da categoría de Áreas lamacentas calcarias das que tres están representadas no territorio galego: Nat2000 7210* - Turbeiras calcarias do Cladium mariscus e con especies do Caricion davallianae, Nat2000 7220* - Mananciais petrificantes con formación de tuf (Cratoneurion) e Nat2000 7230 - Turbeiras baixas alcalinas.



 
FICHAS HÁBITATS
7110*
Turbeiras altas activas
7120
Turbeiras altas degradadas que poden rexenerarse de xeito natural
7130*
Turbeiras de cobertor
7140
Mires de transición
7150
Depresións sobre substratos turbosos do Rhynchosporion.
7210*
Turbeiras calcarias con Cladium mariscus e especies do Caricion davallianae.
7220*
Mananciais petrificantes con formación de tuf (Cratoneurion)
7230
Turbeiras baixas alcalinas