Banco de Datos

Medios rochosos

Manual de Hábitats de Galicia.

Hábitats Rochosos e Covas

Os hábitats rochosos constitúen ambientes ecolóxicos nos que se concentra unha grande proporción dos taxóns vexetais e animais de carácter endémico dos diversos territorios bioxeográficos que se atopan representados na Unión Europea. Con respecto ás especies botánicas, a causa deste fenómeno radica no carácter fortemente selectivo do conxunto de condicións ambientais que se manifestan neste tipo de hábitats, entre os que se poden destacar a escasa dispoñibilidade hídrica, a forte insolación, a exposición a ventos desecantes e bruscos cambios de temperatura ou a dificultade de enraizamento e incorporación de elementos nutritivos.
 
Ademais da diversidade florística, os afloramentos rochosos son biótopos nos que desenvolven partes fundamentais dos seus ciclos vitais numerosas especies de aves de prea e rapaces incapaces de realizar as súas postas e levar a cabo a cría das súas polladas noutros ambientes.
 
Nalgúns casos, o aprovisionamento de materiais rochosos para o abastecemento industrial levou á desaparición de determinadas estirpes vexetais e noutros moitos, á eliminación de poboacións enteiras doutras consideradas en perigo, polo que a Unión Europea considerou que unha parte do legado biolóxico, e con este, o xeolóxico e xeomorfolóxico inherentes, debe ser preservado a través da selección de áreas de interese. Todo iso xustifica a inclusión dentro do Anexo I da Directiva 92/43/CEE dun apartado destinado á protección de hábitats nos que a parte mineral é a dominante.
 
As tres categorías recollidas no grande grupo de hábitats denominado no Anexo I da Directiva 92/43/CE como Hábitats rochosos e covas atopan representadas en Galicia: 81. Desprendementos rochosos, 82. Encostas rochosas con vexetación casmofítica e 83. Outros hábitats rochosos.
 

Do conxunto de 7 hábitats de interese comunitario do grupo Hábitats rochosos e covas presentes en Galicia, o tipo prioritario Nat2000 8240* – Pavimentos calcarios é o que conta cunha distribución máis reducida na Rede Natura 2000, ao describirse unicamente en 2 lugares, no LIC Os Ancares – O Courel e no LIC e ZEPA Serra da Enciña da Lastra. Débese salientar que este hábitat sería exclusivo do territorio español de acordo coa información oficial das súas Comunidades Autónomas. A súa distribución en España, por tanto, non estaría recollida na base de datos da Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA).
 
Continuando co tema da frecuencia dos diferentes hábitats de interese comunitario na Rede Natura 2000 de Galicia, mencionar os dous tipos de hábitats que máis se repiten nos LIC e ZEPA galegos, o Nat2000 8220 – Encostas rochosas silíceas con vexetación casmofítica e o Nat2000 8230 – Rochedos silíceos con vexetación pioneira. Estes hábitats poden atoparse no mesmo número de lugares da Rede Natura 2000, 55 LIC e 15 ZEPA.
 
En relación á estimación da superficie na Rede Natura 2000 de Galicia dos diferentes hábitats do grupo Hábitats rochosos e covas, é necesario efectuar previamente unha aclaración con respecto aos hábitats Nat2000 8310 – Covas non explotadas polo turismo e Nat2000 8330 – Furnas mariñas. Sobre estes hábitats non se achegará estimación algunha da súa superficie pola complexidade que presentaría tal cálculo. Tendo en conta o condicionante anterior, o hábitat do cal se estima unha maior superficie é o tipo Nat2000 8230 – Rochedos silíceos con vexetación pioneira, con algo máis de 32.000 ha. Segundo estes cálculos este hábitat colocaríase en segundo lugar de entre todos os incluídos no Anexo I da DC 92/43/CEE dentro da Rede Natura 2000 de Galicia, por detrás do Nat2000 4030 –Queirogais secos europeos e diante do tipo Nat2000 9230 – Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.
 
Ten interese sinalar a pouca información existente en relación a o hábitat Nat2000 8330 – Furnas mariñas a nivel español, e posiblemente a nivel europeo. A súa distribución de acordo á Axencia Europea do Medio Ambiente (EEA) presenta patentes lagoas de información tal e como se pode apreciar na cartografía existente.
 








DESPRENDEMENTOS ROCHOSOS

Dentro da categoría de 81. Desprendementos rochosos, o Anexo I da Directiva 92/43/CEE diferenza seis grupos dos que soamente un ten representación dentro do territorio galego, Nat2000 8130 - Desprendementos mediterráneos occidentais e termófilos, no que se reúnen todos os hábitats deste tipo presentes na Península Ibérica.



ENCOSTAS ROCHOSAS CON VEXETACIÓN CASMOFÍTICA

Dentro do subgrupo 82. Encostas rochosas con vexetación casmofítica, o Anexo I da Directiva 92/43/CEE diferenza catro tipos de hábitats, todos eles con representación en Galicia, os tipos Nat2000 8210 – Encostas rochosas calcícolas con vexetación casmofítica, Nat2000 8220 Encostas rochosas silíceas con vexetación casmofítica, Nat2000 8230 – Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii e o Nat2000 8240*- Pavimentos calcarios.



OUTROS HÁBITATS ROCHOSOS

Catro categorías integran o grupo de hábitats denominado 83 Outros hábitats rochosos no Anexo I da Directiva 92/43/CEE. Dous delas teñen representacións no territorio galego: 8310 Covas non explotadas polo turismo e 8330 Furnas mariñas.



 
FICHAS HÁBITATS
8130
Desprendementos mediterráneos occidentais e termófilos.
8210
Encostas rochosas calcícolas con vexetación casmofítica.
8220
Encostas rochosas silíceas con vexetación casmofítica.
8230
Rochedos silíceos con vexetación pioneira da Sedo-Scleranthion ou da Sedo-Albi-Veronicion dillenii.
8240*
Pavimentos calcareos
8310
Covas non explotadas polo turismo
8330
Furnas mariñas