Banco de Datos

Ruta Botánica polo Campus de Lugo (2014)

 
Pereira-Espinel Plata, J., Rodríguez Guitián, M.A., Iglesias Díaz, M. I., Rigueiro Rodríguez, A. (2014). Ruta Botánica polo Campus de Lugo. Universidade de Santiago de Compostela. Lugo. p 349.

Esta obra deriva do Inventario da Flora Leñosa do Campus Universitario de Lugo, traballo encargado pola Universidade de Santiago de Compostela e desenvolvido entre os meses de marzo e setembro de 2011.

Nas aproximadamente 34 ha e media que ocupa o Campus lucense identificáronse 230 taxóns leñosos entre especies, híbridos, variedades silvestres e cultivadas (cultivares). Ademais, pola súa abundancia en todo o Campus, incluíronse as herbáceas Cortaderia selloana e Phormium tenax, polo que o número final de taxóns catalogados ascende a 232, repartidos en 49 familias, 101 xéneros, 149 especies e 8 híbridos, entre eles un interxenérico (x Cupressocyparis).

En canto á orixe xeográfica destes 232 taxóns, a maior parte (39%) son oriúndos do continente asiático, o 15% do americano e o 12% do europeo, mentres que un pequeno grupo (5%) son híbridos orixinados nas prácticas de xardinaría. O 26% restante pertencen a África, Oceanía ou están presentes en máis dun continente.

Con independencia do predominio de especies exóticas, algo frecuente na maior parte dos nosos xardíns, prazas, etc., paga a pena facer especial mención á árbore do ceo (Ailanthus altissima), a flor das bolboretas (Buddleja davidii) e maila herba da pampa (Cortaderia selloana), por estaren recollidas no actual borrador do Catálogo Nacional de Especies Invasoras (CNEI) do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Unha cuarta especie, a falsa acacia (Robinia pseudoacacia), encóntrase naturalizada na comunidade galega, estando actualmente prohibido o seu emprego para
repoboación forestal, por mor do seu forte carácter invasor.

Unha vez realizada a fase de inventario e co obxectivo de divulgar a riqueza
botánica do Campus lucense, deseñouse unha ruta de 2 quilómetros de lonxitude e doado percorrido, en cuxo itinerario se atopasen 73 das especies catalogadas.

Achégase información relativa a estas 73 especies, como o seu nome científico, a súa denominación común en galego (no caso de coñecerse), castelán e inglés, a súa orixe xeográfica e as súas principais características morfolóxicas, valores ornamentais e comentarios acerca doutros aspectos relevantes (usos tradicionais, variedades ornamentais recoñecidas, etc.).
Ademais, indicase a súa presenza nos diferentes sectores en que se dividiu o Campus a efectos de inventario e o número total de individuos existentes.

Para aqueles que, vendo a riqueza florística do ámbito, consideren unha representación escasa estas 73 especies, incluíuse un anexo con outras 48 estirpes, que se describen de forma máis concisa.

Finalmente, inclúense a continuación fontes bibliográficas que poden ser útiles para os máis interesados nesta temática e que serviron de referencia para a elaboración das fichas descritivas dos taxóns inventariados.


Autores: J. Pereira-Espinel Plata,  M.A. Rodríguez Guitián, M.I. Iglesias Díaz e A. Rigueiro Rodríguez.
Título: Ruta Botánica polo Campus de Lugo.
Año: 2014. 


Copyright:
USC.
Ruta Botánica polo Campus de Lugo (2014)
 
Descargas
  • Ruta Botánica polo Campus de Lugo
Voltar