Banco de Datos

Inventario dos Humidais de Galicia


Ramil-Rego, P. & Izco, J. (2003). Inventario dos Humidais de Galicia. Memoria Técnica. Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Conselleria de Medio Ambiente (Xunta de Galicia) & Laboratorio de Botánica e Bioxeografía (Universidade de Santiago). Santiago de Compostela. p 449.

O Inventario dos Humidais de Galicia é un traballo elaborado durante os anos 2001 a 2003 no marco dun convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Laboratorio de Botánica e Bioxeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Este traballo estruturouse en tres partes: unha memoria técnica, o inventario propiamente dito e a valoración dos humidais de Galicia.

Na memoria técnica analízanse os criterios e métodos aplicados na identificación, delimitación e tipificación dos humidais, adaptándoos ás características territoriais e bioxeográficas de Galicia. Na redacción da memoria técnica empregouse como ámbito referencial o Plan Estratéxico para a Conservación e Uso Racional dos Humidais, os acordos e disposicións técnicas do Convenio Ramsar, o National Wetland Inventory (NWI) dos Estados Unidos, o programa internacional MedWet e os inventarios autonómicos publicados nos últimos anos.

A segunda parte representa o inventario en sentido estrito, catalogándose máis de 1.000 humidais repartidos por toda a xeografía galega. A cifra supón un incremento significativo fronte á información previa que outorgaba a Galicia un número inferior á centena. En consonancia coa importancia numérica, a realización do inventario permitiu documentar a gran diversidade de tipos de humidais, definidos na clasificación de Ramsar, así como de hábitats , comunidades e especies características dos ecosistemas húmidos e que adquiren unha notable importancia na concepción e desenvolvemento da Rede Natura 2000. A importancia dos humidais galegos non vén determinada unicamente polos seus valores ecolóxicos e de reserva da biodiversidade, se non por beneficios directos e indirectos que achegan á vida cotiá dos cidadáns.

A terceira parte inclúe unha valoración dos humidais de Galicia. A valoración realízase dende a perspectiva da conservación e xestión sostible dos recursos naturais. Considerando que o Inventario de Humidais de Galicia debe servir como ferramenta na toma de decisións sobre a xestión e ordenación dos humidais, á vez que permita establecer un marco de referencia ambiental sobre o cal poidan efectuarse valoracións fundamentais no tocante a evolución do estado de conservación dos humidais de Galicia a medio ou longo prazo.

Autores:
Ramil-Rego, P. & Izco, J.
Titulo:  Inventario dos humidais de Galicia.
Ano: 2003.
 Inventario dos Humidais de Galicia
 
Descargas
  • Inventario dos Humidais de Galicia
  • Planos
Voltar