O IBADER é un centro orientado á investigación científico-técnica pluridisciplinar, a transferencia de tecnoloxía, a produción científica, a prestación de servizos e a difusión, sobre o Medio Rural, con vocación en Galicia, pero con proxección internacional, especialmente naqueles territorios da Rexión Atlántica europea e de Latinoamérica.
O IBADER desenvolve as súas actuacións de I+D+i a través de 2 liñas complementarias e auto-reforzadas: Ambiental e Agrosistemas. Ambas as liñas responden aos grandes retos establecidos tanto nas estratexias de investigación realizadas na Unión Europea (Horizonte 2020), o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia (Ris3).
A Liña Ambiental aglutina grupos e investigadores dedicados á análise e xestión do Medio Ambiente, a Biodiversidade e o Territorio (ordenación e planificación do territorio, xestión de áreas protexidas, avaliación da biodiversidade e dos recursos naturais, teledetección e sistemas de información xeográfica). Mentres que no ámbito dos Agrosistemas agrúpanse aqueles vinculados coa investigación sobre os sistemas tradicionais e sustentables de explotación agrícola, gandeira e forestal. Con especial relevancia na xestión dos chans e a valorización dos residuos. Entre ambas as esferas complementarias, sitúanse os investigadores especializados en Economía Sustentable, análise e formulacións que resultan fundamentais na análise ou posta en marcha de calquera proposta de ordenación ou xestión do espazo rural.