6 Edición - Galego


VI Edición dos Premios “Rafael Crecente”
a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial
 
Convocado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC, coa colaboración do Laboratorio do Territorio da USC.

 
O profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015) estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia.

Foi profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vinculado principalmente á investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) desta universidade. Así mesmo, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, lugar no que impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest, profesor invitado na Universidade de Múnich e investigador do IBADER adscrito ao Grupo de Investigación 1934 Territorio-Biodiversidade.
 
Na súa homenaxe, creáronse estes premios para impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial.

Con estas bases publícase a quinta edición destes premios, que se convocan anualmente ao comezo de cada curso académico, e que se publicitan a través das canles institucionais da Universidade de Santiago de Compostela e outros medios de difusión que se consideren oportunos.

 


BASES DA CONVOCATORIA 2023:
Consello Científico do IBADER do 18/01/2023

1. Obxectivo

Estes premios teñen como obxectivo impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.

2. Participantes

Poderán participar nesta convocatoria: a) De forma individual, todas aquelas persoas que finalizaran a súa titulación universitaria (Grao, Máster, Tese de Doutoramento) nos últimos 5 anos, tomando como referencia a data límite de entrega de propostas a presente convocatoria.
b) De forma colectiva, dúas ou máis persoas poderán presentar os seus traballos a condición de que o primeiro asinante cumpra os criterios establecidos no punto anterior.
 
Non poderán presentarse a esta convocatoria aquelas persoas que obtivesen un premio en anteriores edicións.
 
3. Carácter dos premios

Concederanse dous premios, un primeiro e un segundo, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000’00 € e 1.000’00 € respectivamente. A dotación do premio farase a través da partida orzamentaria do IBADER 6095-2416-64000.
 
As propostas premiadas poderán difundirse parcial ou completamente a través dos medios de difusión que se designen polos organizadores do premio.
 
4. Prazos

Con data de 23 de xaneiro de 2023 abriuse o prazo para presentación de propostas sendo o 30 de setembro de 2023 a data límite para a recepción de candidaturas
 
O fallo, emitido polo Consello Científico do IBADER, farase público preferiblemente no transcurso do mesmo ano académico coincidente coa convocatoria. O acto formal de concesión dos premios terá lugar en data e lugar que serán anunciados oportunamente.

 
5. Presentación das propostas

As persoas candidatas deberán enviar unha proposta innovadora no ámbito do desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial ao correo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es, en formato pdf.
 
As propostas poderán corresponder a un traballo académicos (Traballo fin de Grado, Traballo Fin de Master, Tese de Doutoramento) presentado polo seu autor ou polo seu autor e os seus directores, nos que o autor deberá cumprir o establecido no punto 2.
 
Igualmente, poderanse presentar ideas orixinais, traballos técnicos, iniciativas ou proxectos en fase de proposta ou xa executados, onde o autor ou autores deberán destacar o seu carácter novidoso, explicando onde reside a compoñente de innovación e en qué medida a proposta contribúe á iniciativa máis aló do xa existente. Nesta segunda modalidade débese igualmente cumprir os aspectos sinalados no punto 2.
 
Aínda que os premios buscan ideas innovadoras que poidan inspirar e mellorar a xestión territorial en Galicia, o ámbito das propostas non se circunscribe á devandita comunidade autónoma. Neste sentido acéptanse propostas de fóra deste territorio, a condición de que se detalle e faga referencia explícita á súa aplicabilidade e/ou viabilidade para o contexto galego. Por exemplo, indicando en que medida a proposta é replicable en Galicia, cal pode ser a achega da idea ao contexto galego, que factores poden favorecer ou dificultar a súa aplicabilidade, etc.
 
Recoméndase que a memoria explicativa teña extensión máxima de 100.000 caracteres, sen contar os espazos, e tamaño A4. Poderá presentarse en galego ou castelán, e incluirá un resumo en galego, castelán e inglés dun máximo de 150 palabras. As persoas candidatas solicitarán confirmación da correcta recepción do documento.
 
Complementariamente á memoria descrita no parágrafo anterior, as persoas candidatas deberán achegar á mesma unha ficha resumo de dúas páxinas, tamén en A4, na que se faga unha breve descrición do proxecto de forma esquemática e visual, incluíndo diagramas, fotografías ou outros elementos gráficos de apoio. Dita ficha resumo terá unha finalidade divulgativa.
 
Finalmente, deberase cumprimentar o formulario que se xunta no Anexo I da presente convocatoria, indicando os datos persoais dos participantes, e achegar un curriculum vitae resumido de dúas páxinas de extensión máxima, no que conste expresamente a denominación e a data de obtención do título universitario (Grao, Master ou Tese de Doutoramento) co que acceden á convocatoria.
 
6. Comité avaliador

O Consello Científico do IBADER desempeñará as funcións de Comité avaliador das propostas, contando para elo co asesoramento dunha Comisión Externa de expertos, que trasladará as súas propostas a este Consello Científico.
 
O Consello Científico do IBADER terá a potestade de interpretar as bases da presente convocatoria. E de ser necesario, poderá modificar os prazos de entrega das propostas, modificación que será publicada na web do IBADER, e difundida por distintos medios.
 
O Consello Científico aprobará unha lista priorizada dos traballos presentados, indicando nela os correspondentes ao primeiro e segundo premio. Así mesmo, á vista da calidade dos traballos, poderá formular unha mención honorífica a aqueles que considere de especial interese. O ditame do Consello Científico será comunicado aos participantes. As decisións deste Comité avaliador serán inapelables.
 
Ante a publicación do fallo do concurso por parte do Consello Científico do IBADER, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte á data de publicación oficial no taboleiro de anuncios electrónico, de conformidade cos artigos 46 e 8 da Lei da Xurisdición Contencioso Administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que o ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao amparo dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

7. Criterios de valoración

O Comité avaliador analizará a orixinalidade, así como a calidade científica e/o técnica da proposta. Considerando, entre outros aspectos, a súa aplicabilidade, a súa posible contribución no uso racional e sostible do territorio e dos recursos naturais, a súa vinculación co desenvolvemento do medio rural e a mellora da calidade de vida. Así mesmo, valorarase a calidade expositiva e a claridade do documento presentado.
 
Con respecto aos traballos de ámbitos territoriais alleos ao galego, a maiores do anterior, terase en conta a viabilidade e aplicabilidade en Galicia.

  
8. Dereitos das persoas candidatas

Os dereitos de propiedade intelectual serán dos seus autores con excepción dos dereitos de difusión, que corresponderán ás entidades convocantes deste premio.
 
Así, as entidades convocantes deste premio poderán divulgar por calquera medio audiovisual as propostas presentadas, e en particular a ficha resumo e as imaxes descritas no apartado 5 das presentes bases. Indicarase en todo momento a autoría das propostas innovadoras, informando sobre os dereitos de propiedade intelectual asociados ás mesmas.
 
9. Aceptación das bases

Os participantes aceptarán incondicionalmente as bases da presente convocatoria.

10.  Arquivos

Bases actualizadas do Premio (2023/01/18). Descarga: [Galego], [Castelán]
Cartaz [Descarga]