Xoves, 16 de Novembro de 2017

2017/11/16: A Xunta declara provisionalmente o espazo natural de interese local Illas de San Pedro na Coruña

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio declara provisionalmente ás Illas de San Pedro na Coruña como Espazo Natural de Interese Local. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local as Illas de San Pedro, no Concello da Coruña, tal e como anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, nunha intervención na Coruña.

Cómpre lembrar que a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

Deste xeito, o ámbito que abarca esta declaración localízase ao pé do monte de San Pedro, no Concello da Coruña, e abrangue ao conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño. Posúe, por tanto, destacados valores ecolóxicos, paisaxísticos e etnográficos que xustifican a proposta para a súa declaración, que agora se somete á participación dos veciños.

Así, sobresaen os illotes de natureza granítica, cuxos baixos poden emerxer na baixamar, e forman parte da rasa costeira duns 8 km de ancho que percorre a provincia de nordeste a suroeste. Tamén abondan algunhas especies ruderais e sobre a avifauna destacan as cantidades de falcón peregrino, o furabochos atlántico e o arao dos cons, sen esquecer facer unha mención especial ao corvo mariño cristado e á gabita.

En canto aos seus valores etnográficos, encóntranse restos dunha antiga cetaria abandonada, un pequeno embarcadoiro o os restos dun muro na illa Vendaval. Por último, o contorno mariño que rodea ás illas tamén é de gran interese pesqueiro e marisqueiro e diversos colectivos desenvolven plans de explotacións de percebe, ourizo, anémona, algas, poliquetos e mexilla, entre outros.

Seguintes pasos

Segundo establece a normativa vixente, o procedemento para a declaración dun ENIL comeza a partir da petición dun concello e, tras solicitar os informes preceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como ENIL aqueles espazos, que polas súas singularidades, sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. Polo tanto, a declaración é competencia do departamento autonómico, mentres que a responsabilidade da súa xestión será municipal.

O artigo 17 da lei establece que, por petición dun concello e tras solicitar os informes preceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. A declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mentres que a responsabilidade da súa xestión será municipal.

De conformidade co artigo 4.2 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural, a Consellería de Medio Ambiente poderá declarar provisionalmente protexidos os espazos naturais de interese local por un prazo non superior a 2 anos, prazo no que o Concello da Coruña deberá presentar o plan de conservación do espazo como requisito para a súa declaración definitiva.

Torre de Hércules

Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de recibir unha petición por parte do Concello da Coruña para a posible declaración dun ENIL na Torre de Hércules. Neste sentido, o departamento autonómico recorda que a administración local deberá tramitar esta solicitude por medios electrónicos, tal e como se establece na normativa vixente en materia de procedementos administrativos (Lei 39/2015).

Así e todo, co fin de axilizar o proceso, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural revisou a documentación presentada e indicou ao Goberno local a necesidade de anexar unha memoria técnica que xustifique a singularidade dos valores naturais máis salientables e sinale os obxectivos de conservación deste ENIL.

Cómpre indicar que o ámbito desta proposta abrangue a contorna inmediata ao redor da Torre de Hércules, entre a Punta Pragueira, Punta Herminia e Punta Orzán; polo que a declaración de espazos naturais no ámbito mariño excedería das competencias autonómicas, correspondendo, neste caso, ao Estado. Unha circunstancia que tamén deberá terse en conta á hora de definir o ámbito do futuro ENIL.
 

2017/11/16: A Xunta declara provisionalmente o espazo natural de interese local Illas de San Pedro na Coruña
Compartir
 
Voltar