2018/12/11: O IBADER celebrou o Seminario Técnico sobre Xestión de Áreas Protexidas
O pasado martes 11 de decembro o IBADER celebraba no Edificio Cactus un Seminario Técnico para achegar á poboación os aspectos máis salientables sobre a conservación e a xestión das áreas protexidas. Este acto permitiu aumentar a concienciación pública sobre a conservación do noso patrimonio natural e cultural, así como o papel que os espazos naturais xogan na promoción do desenvolvemento sostible do territorio.
O acto comezou cunha presentación do proxecto LIFE FLUVIAL, desenvolvido en Espazos Protexidos Natura 2000 de Galicia, Asturias e Norte de Portugal. O relato foi realizado por Javier Ferreiro da Costa, quen explicou á audiencia os obxectivos e resultados esperados do proxecto, indicando o progreso acadado ata o momento. Fíxose especial fincapé na metodoloxía empregada na restauración dos corredores fluviais, incluindo a selección do material xenético de reprodución.
Despois chegaron dúas intervencións dende senllas Reservas de Biosfera: Andrea Macho presentou as actuacións desenvolvidas pola Reserva de Biosfera Terras do Miño, mentres que Miguel Fernández Pardo explicou ao detalle a implantación da marca de calidade na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Para finalizar, o profesor Francisco Javier Sanz Larruga da Universidade da Coruña aportou unha interesante conferencia sobre as últimas novidades a nivel normativo sobre a conservación das áreas protexidas.
O acto contou cunha nutrida afluencia de público, 30 persoas, de xeito que case se encheu o aforo da sala, o que permitiu verificar aos organizadores o interese que posúen a temática da xornada e a calidade dos poñentes. Esto puido comprobarse no intenso e interesante debate final, que permitiu compartir e intercambiar opinións entre todos os asistentes.
O evento finalizou cun momento de confraternización dos poñentes e o público en torno a unha degustación de produtos típicos galegos.