2025/12/11: Comezan as plantacións para a creación de bosquetes autóctonos na área verde de Cornes
No marco da acción B4 do proxecto Entre Sar e Sarela, iniciáronse as plantacións destinadas ao establecemento de pequenos bosquetes autóctonos na área verde de Cornes. Esta intervención ten como obxectivo recuperar a estrutura ecolóxica do espazo mediante a creación de “illas de vexetación” formadas por especies arbóreas e arbustivas de orixe local.
Os bosquetes configuraranse como pequenos núcleos forestais separados por zonas abertas de herbazal, un deseño que favorece a heteroxeneidade do hábitat e incrementa a biodiversidade ao combinar masas de vexetación con espazos claros que actúan como áreas de alimentación e dispersión para a fauna.
As plantacións realizaranse con especies de xenética local, garantindo a adaptación ao contorno e contribuíndo á conservación do patrimonio natural da zona. Esta actuación reforza a renaturalización progresiva da área verde de Cornes, complementando outros traballos xa realizados como a mellora das ribeiras e a instalación do recentemente finalizado observatorio de aves.
Esta tarefa corresponde a aquelas que se estan a realizar no Barrio de Cornes, onde se está a executar a acción B4: “çrecualificación e recuperación ambiental da área verde do Barrio de Cornes”. O proxecto “Entre Sar e Sarela. Renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde de Santiago de Compostela”, conta coa financiación da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transisción Ecológica y el Reto Demográfico, no marco do Plan para a Recuperación, Transfromación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationUE.