2026/03/11: O IBADER participa no taller NatUrbana Conecta sobre renaturalización urbana e estratexias locais
O IBADER participou o pasado 11 de marzo en Sevilla no taller NatUrbana Conecta, promovido pola Fundación Biodiversidade, un espazo de intercambio centrado na medición do impacto da renaturalización urbana, a súa integración nas estratexias municipais e a súa comunicación á cidadanía. Na sesión, o instituto achegou a súa experiencia técnico-científica en planificación e infraestrutura verde, poñendo o foco na necesidade de artellar as estratexias locais dentro dun marco multinivel coherente cos instrumentos autonómicos e estatais de referencia.
Durante o encontro salientouse especialmente a importancia de aliñar as estratexias urbanas locais co marco máis amplo da planificación territorial e ambiental, incorporando criterios, indicadores e ferramentas que faciliten a súa integración efectiva nas políticas públicas. Neste sentido, púxose en valor o contexto galego, xa que a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas foi aprobada oficialmente pola Xunta en 2025 sendo a primeira comunidade autónoma en contar cunha estratexia deste tipo aprobada.
O proxecto CORUÑA VERDEA; Natureza, Conectividade e Benestar. Proxecto de renaturalización, mellora da biodiversidade e creación de corredores ecolóxicos urbanos para a consolidación da Infraestrutura Verde da Coruña conta coa financiación da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, no marco do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), financiado pola Unión Europea.