2025/11/21: O proxecto Coruña Verdea recibe a visita técnica da Fundación Biodiversidad para coñecer os ámbitos das futuras actuacións
No marco do desenvolvemento do proxecto CORUÑA VERDEA: Natureza, conectividade e benestar, realizouse unha visita técnica coa participación da titora da Fundación Biodiversidad e de persoal da propia entidade, co obxectivo de coñecer sobre o terreo os espazos previstos para as futuras actuacións do proxecto.
Durante a xornada visitáronse distintos ámbitos de intervención nos que se prevé avanzar en medidas de renaturalización, mellora da biodiversidade e creación de corredores ecolóxicos urbanos, permitindo compartir in situ os criterios técnicos, os retos de execución e o encaixe das actuacións dentro da estratexia de infraestrutura verde da cidade.
Esta visita supuxo unha oportunidade para facer seguimento directo do proxecto, contrastar a planificación prevista e reforzar a coordinación entre o Concello da Coruña, o IBADER e a Fundación, implicadas no impulso de Coruña Verdea.
O proxecto CORUÑA VERDEA; Natureza, Conectividade e Benestar. Proxecto de renaturalización, mellora da biodiversidade e creación de corredores ecolóxicos urbanos para a consolidación da Infraestrutura Verde da Coruña conta coa financiación da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, no marco do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), financiado pola Unión Europea.